Skip to Content

FLORA DA PRAIA DA AGUIEIRA

21/06/2018

As alumnas e os alumnos de 1º de ESO A, con Virginia, na materia de Bioloxía, investigaron os nomes dalgunhas das plantas presentes na Aguieira a partir das fotos que sacaron na Ruta da auga que fixeron a comezo de curso. Imos aprender con eles! 

Como en todas as praias do noso entorno, a flora das dunas deste areal presenta as seguintes características: 

  • As plantas das dunas chámanse halófitas porque se desenvolven en solos con alto contido de sales solubles.
  • Como a area na que viven é moi permeable, teñen raíces longas, para poder absorber a auga que está no solo. 
  • Presentan pouco crecemento vertical, por influencia do vento xa que se son moi altas o vento túmbaas.
  • Desenvolven cutículas grosas para evitar a perda de auga.
  • Teñen altos niveis de nitróxeno.
  • Algunhas teñen unha capa branquecina para que non lle incida directamente a luz. 

 

Euphorbia paralias ou tártago de mar

Planta de 30 a 60 cm, ríxida, de cor verde azulada, con follas ecuaniformes na base; follas grosas, carnosas e ovadas, de 5 a 20 mm. Dan un froito finamente granuloso. 

 

Eryngium maritimum ou cardo de ribeira

É unha planta perenne que pertece á familia das apiáceas. É nativa das rexións costeiras de Europa , cultivada frecuentemente en xardíns polas súas flores azul metálico. Son moi comúns nas dunas das praias galegas.

 

Pancratium maritimum ou cebola das gaivotas

É un xénero de plantas herbáceas, perennes e bulbosas, nativas e pertencentes á familia das amarilidáceas.

 

 

Silene gallica ou carmentilla, carmenlitilla

Posúe uns talos de entre 8 e 60 cm, ergueitos e ramificados, viscosos na parte superior. As súa follas son mucronadas, miden de 2,5 a 5 cm, sésiles e lanceoladas. As flores, en inflorescencia racemosa. O cáliz pode medir entre 7 ou 11 mm, cilíndrico e contraído na parte superior. O froito en forma de cápsula ovoide, iguala o cáliz. Dáse en solos areosos, entre febreiro e outubro. En canto á distribución, está presente en case todas as rexións do mundo.

 

Otanthus maritumus ou algodonosa

É unha planta rizomatosa (de talo subterráneo con varias xemas que crecen de forma horizontal), con talos leñosos que alcanzan un tamaño de 20 a 50 cm de altura na base. Con numerosas follas alternas, sésiles (sen pedúnculo, pecíolo ou outra forma de soporte) e ramificados na parte superior. Herba perenne densamente lanosa. Dá un froito en aquenio duns 4 mm, xeralmente comprimidos. Dáse en areais marítimos de xuño a setembro, no sur e no leste de Europa. 

Tomada en infusións, emprégase contra a gota.

 

 

Matthiola sinuata ou alelí marítimo

É unha planta de folla perenne, cun talo de ata 40 cm. Ten flores en acio lacio (que cae liso). Folla perenne. De froito en silicua erecta. Dáse en areais e rochedos marítimos de maio a xullo. Podemos atopalo no oeste e no sur de Europa.

 

 

 

 

 



story | by Dr. Radut