SAÍDA A MONDOÑEDO
36 horas intensas de xeoloxía e moito máis!. O alumnado de Xeoloxía e ciencias ambientais e Bioloxía de 2º de bacharelato tivo esta fin de semana unha saída ao norte de Lugo. Empezaron o venres 8 na praia de Augasantas (As Catedrais) no concello de Ribadeo, aínda que debido ao estado do mar non se puido ver en toda a súa extensión, serviu para entrar en contacto cos materiais xeolóxicos (cuarcitas e lousas) que non abundan pola nosa comarca. A continuación foron a Mondoñedo onde visitaron a casa- museo de Álvaro Cunqueiro, situada na praza da Catedral. Logo foron coñecer o cemiterio vello da cidade onde se atopan as tumbas de Álvaro Cunqueiro, o poeta Leiras Pulpeiro e unha homenaxe ao autor da alborada do Himno galego Pascual Veiga. Pola tarde o percorrido pola cova do Rei Cintolo, a cova kárstica máis longa de Galiza, foi unha experiencia única.
Ao día seguinte foron a Pontenova, para facer unha visita á mina Consuelo e aos fornos de Vilaoudriz. Alí contáronlles unha parte importante da historia da industria metalúrxica de principios do século XX: nestas minas extraíase e transformábase ferro para exportar a puntos do norte de Europa, sobre todo Alemaña.
Xa de volta, de camiño ao Son pararon no Pedregal de Irimia, onde nace o río Miño; no museo e Castro de Viladonga e nas Penas de Rodas, xa graníticas.
A saída serviu ademais para afianzar as relacións entre o grupo e coller forzas para encarar o 3º trimestre!!!
Máis fotos AQUÍ
- APIs de Blogue
- Calendario