Eventos
Educar, motivar, poñer en valor o esforzo, a curiosidade, o pensamento crítico, o traballo en equipo... Son os obxectivos do programa EduMotivacon que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de poñer en marcha para os centros de ensino non universitario, en colaboración con profesionais de recoñecido prestixio.
Dende o centro solicitamos a intervención de Carla Reyes. Queriamos que unha muller recoñecida pola súa traxectoria falase para o alumnado. Para as alumnas e para os alumnos.
Xornalista, desenvolve o seu traballo nos ámbitos da comunicación, da produción audiovisual e no asesoramento en materia de comunicación. Unha das charlas que ofrecía no programa EduMotivacon abordaba o tema da Igualdade de xénero. No centro temos especial empeño en traballar este contido transversal, tan necesario na sociadade actual e que vimos desenvolvendo ao longo do ano en diversas actividades (no noso particular "manequinchallenge", na exposición sobre Maruxa Mallo e diversas actividades realizadas a partir da mesma, na Semana Culrural, nas titorías...). Carla Reyes era para nós o perfil perfecto pois, ademais, preside a Asociación de Executivas de Galicia, unha entidade na que máis de 70 mulleres directivas, profesionais autónomas, queren contribuír a dar visibilidade e recoñecemento ao traballo das mulleres en todos os eidos da actividade económica, social e cultural.
Con ela, o alumnado de 4º de ESO, soubo, con datos, da escasa presenza da muller en cargos directivos nas empresas, nas organizacións institucionais nacionais e internacionais, na Universidade... Do incumprimento da Lei de Igualdade. E debateron e procuraron opcións de visibilización.
Coñecer para saber, para reflexionar criticamente, para actuar e abrir horizontes que non estean pechados por prexuízos machistas e teitos de cristal, ou en palabras de Carla Reyes, "teitos de formigón".
Educar con, motivar con, educar para, motivar para. Eis o cerne do noso labor educativo e das novas vías de aprendizaxe que pretendemos abrir e asentar no IES de Porto do Son. Quen mellor que homes e mulleres como Carla para serviren de guieiros!
Este sábado celebramos a graduación da promoción 2011-2017.Aqueles nenos e nenas...
... son hoxe os mozos e mozas que comezan o seu futuro:
Foi un acto emotivo no que tomaron a palabra os alumnos e o director, David, a tenente alcalde María Maneiro, o ex-director Bernardo, Xosé Manuel e Bea, como representantes das familias.
A banda sonora do acto foi interpretada por André e Adriana, co acompañamento de Ana, a nosa compañeira, na parte final. A música, as artes, tan necesarias!!!
Ao entregarlles os diplomas que acreditan o seu esforzo a pertenza á comunidade educativa do IES de Porto do Son, démoslles tamén unha ramiña de loureiro con ""vaghas, vaghos, froitos". Dicía David no seu discurso:
"O loureiro altivo, como dicía Rosalía, foi desde a orixe o sinal da gloria: coroou os atletas dos Xogos da Greza clásica; os xenerais triunfantes dos romanos; os grandes poetas do mundo foron coroados de loureiro. Os bos traballos científicos recibían o "summa cun laude". Aos pés das sepulturas ilustres deitamos coroas de loureiro. Cando un canteiro vello remata unha casa, chanta unha ponla de loureiro na cima e fai o alboroque, a festa de remate. (...) Nas escolas da igrexa medieval católica onde naceron as nosas universidades, nomeaban os seus graduados baccalaureatos. Aqueles que recibían a gloria, o loureiro. Pero non por calquera saber, polo saber que daba froito. (...) Dese costume, e desa palabra vén a palabra baccalaureato, bacharelato".
Bachareles que han de dar froito, bachareles que recibiron neste acto palabras de cariño, de agradecemento, consellos para a vida, confianza e o desexo de que non perdan o sorriso!
O luns foi xornada de benvida. Pola mañá recibimos o alumnado de 6º de primaria que o próximo curso virá para o instituto. Explicámoslles o funcionamento do centro e o que será a nova etapa educativa que comezarán en setembro. Logo mostrámoslles o centro: dende o salón de actos acompañámolos á biblioteca, ás aulas comúns e ás aulas específicas, á Sala Perseveira...
Pola tarde, foron as familias as que estiveron connosco. O próximo curso pertencerán xa á comunidade educativa do IES de Porto do Son!
Esta mañá, o alumnado de Hábitos de Estilos de vida saudables, de 2º de ESO, realizou unha ruta dende Baroña ata o instituto. É unha forma de adquirir estes hábitos aproveitando o entorno. Ao tempo, coñecen e adquiren, de xeito práctico, as competencias con respecto á actividade e ás recomendacións e normas para sendeiristas que traballaron na aula. Que mellor aula que a das rutas de Porto do Son!
Onte pola mañá, o alumnado de 1º de ESO volveu á Aguieira para colaborar coa Cruz Vermella na limpeza da praia. Dicimos "volveu", porque a comezo de curso estes mozos e mozas comezaron o proxecto Botellas con mensaxe cunha ruta dende o IES de Porto do Son ata este mesmo areal: era a Ruta da auga. A auga e o entorno e a necesidade de facer un uso racional deste recurso sería o eixo transversal do proxecto de 1º de ESO e tema interdisciplinar en todo o centro. Despois viñeron investigacións, lecturas, creación literaria, creación plástica, deporte, charlas, obradoiros… Coñecer para saber, saber para actuar e comprometerse. A saída de onte tiña como obxectivo aprender e mostrar o compromiso co entorno.
Antes da recollida de lixo, Antonio Veiras, axente do Servizo de Conservación da Natureza, falounos dunha ave protexida que cría nas nosas praias, a píllara, explicounos como recoñecela, o proceso de cría que vai de marzo a xullo e as medidas que debiamos ter en conta para non alterar o ecosistema que favorece a súa supervivencia. Agora xa sabemos recoñecela e como actuar cando atopemos os niños ou as crías.
A continuación, voluntarios da Cruz Vermella dividíronnos en 2 grupos para realizar unha recollida de lixo. Un grupo recollería lixo de máis de 50 cm e outro lixo de menor tamaño. Atopamos obxectos plásticos, téxtiles, metálicos, de goma, de papel e cartón… Lembramos que o mar está a ser un grande “pañol” transformado no vertedoiro de todos nós. Non vemos o que está no fondo do mar, pero este “vomítao” ao litoral. Imposible non recordar a interesante charla que a Asociación Mar de Fábula nos deu na Semana Cultural: as imaxes dos peixes mortos e das aves asfixiadas enredadas nos aros plásticos dos envases de latas de Cocacola ou cos estómagos cheos de plásticos e microplásticos; a cadea alimenticia contaminada o ecosistema ferido e o futuro do planeta ameazado.
Esperemos que o noso alumnado sexa agora un pouco máis responsable co entorno. Os cambios son posibles. Comezan coa educación!
O IES de Porto do Son está entre os gañadores V CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO. 15 alumnos e alumnas presentaron poemas que crearon a partir de cadros de Maruxa Mallo no marco das actividades de visibilización da artista levadas a cabo dende a Biblioteca do centro. A alumna de 2º de ESO, VALERIA BALEIRÓN, con "Só silencio", a súa interpretación poética do cadro "Antro de fósiles" GAÑOU O 2º ÁCCÉSIT NA CATERGORÍA DE 1º CICLO!!!! Entre eles prácenos ver a amigos do Aquis Celenis de Caldas e do IES da Pobra do Caramiñal cos que o noso centro comparte actividades do Club de Lectura e de normalización e dinamización lingüística. O venres 9 de xuño a alumna recollerá o premio na Casa-Museo de Rosalía de Castro. PARABÉNS!!!
É un orgullo para nós ter entre o noso alumnado mozos e mozas que, como Pilar, están a acadar éxitos co seu esforzo!
"A SATISFACCIÓN DA SOLIDARIEDADE". Desta forma recolle Save the Children a nosa participación na carreira solidaria coa que concluímos a Semana Cultural e na que, a través do patrocinio do alumnado, as súas familias e o profesorado, conseguimos recaudar 1.752.83 euros, para proxectos de infraestruturas, educación e saúde para paliar a seca en Etiopía. O artigo recolle o noso sentir. O curso que vén, volvermos colaborar! É, por suposto, unha forma máis de educar: procurar o compromiso!
Onte á tardiña, Valeria Baleirón, de 2 de ESO, recollía o premio na "Casa da Matanza", en Padrón. No blog da biblioteca podedes ler a reseña.
PARABÉNS!!!!
O xornal La Voz de Galicia recolle os éxitos do noso compañeiro e profesor David Gaciño como promotor do cabalo galego nos Raids e como adestrador de renome internacional. Un luxo para o noso centro contar coa valía deste docente! El e o equipo que leva a formación profesional no IES de Porto do Son están a coverter o ciclo de Condución de Grupos no medio natural nun referente en Galicia!!! Aquí podedes ler a reportaxe.
O sábado 17 un grupo de alumnos e alumnas representaron os nosos clubs de lectura na X Xornada dos Clubs de Lectura que organiza Bibliotecas Escolares, en cuxa páxina podedes ler a repercusión que tivo nos centros e na prensa. No blog da biblioteca tamén contamos a actividade, unha celebración excepcional da lectura.
Dúas horiñas de limpeza e organización, algunha que outra recuperación e... Festa de final de curso!!!
Inauguramos a Pulpusha, a lámpada que creou o alumnado de 1º de ESO feita coas botellas de plástico que foron recollendo no proxecto da auga. Xa forma parte do noso insti!
Xogouse unha emocionante final de fútbol-sala entre 2º de ESO e 1º de Bacharelato. Durante todo o mes houbo partidos nos recreos. Grazas a todos os participantes e parabéns aos finalistas e, claro está, a 1º de Bacharelato pola vitoria!!! Aquí os vemos xuntos celebrándoo:
Nagay, alumno do ciclo puxo a medio insti a bailar cunha intensiva sesión de zumba! É unha sorte poder contar con xente tan implicada!
Despois de moito traballo nas clases de tecnoloxía, o alumnado de 2º de ESO, o de 4º de ESO e a nosa compañeira Paloma, pecharon o día de festa coa xa tradicional carreira de robots e lanzamento de cohetes! Mirade que chulos quedaron! E a diana!
O ano que vén, máis!!!