Eventos
O venres pasado, 5 de maio, o alumnado de 4º de ESO que participou no proxecto ENERXÍA CON CONCIENCIA, co que o centro se presenta ao concurso convocado pola Fundación Repsol para centros educaticvos. Este é un proxecto enmarcado na liña do proxecto interdiciplinar sobre a AUGA, centrado no estudo do consumo enerxético do centro co obxectivo de racionalo. Houbo formación, estudo, análise, un intenso traballo en equipo no que se implicaron varios departamentos. Campañas publicitarias con cartelería e vídeos, docencia ao resto do alumnado... Un esforzo que xa está a dar os seus froitos: conseguimos reducir moito a factura da luz!!!
O venres chegou o momento de expoñer o proxecto realizado e de defendelo ante os representantes de Repsol. O proceso en si foi xa unha aprendizaxe que ha de ser de moita utilidade para a súa vida académica e, nun futuro máis afastado, profesional. Traballo en equipo, aprendizaxe-servizo, implicación directa na realidade socioeconómica do centro. Que máis se pode pedir! Máis alá do resultado do concurso, PARABÉNS AO ALUMNADO E AO PROFESORADO!!
Respondemos ás inquedanzas das familias: a rede, os móbiles, as redes sociais... Ben empregadas son ferramentas de aprendizaxe e de lecer. Mal empregadas son fonte de conflitos, de situacións desagradables, mesmo perigosas. De aí que, dende o departamento de Orientación e o equipo directivo decidimos dar resposta a estar necesidade de formación coas charlas NAVEGA CON RUMBO, para o alumnado e para nais e pais . Trátase dun programa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Xunta de Galicia que ten como obxectivo a concienciación no uso responsable das tecnoloxías.
A actividade vén complementar outras iniciativas que se levan a cabo nas aulas.
O alumnado do ciclo participou como voluntario na organización do RAID GALLAECIA WORLD SERIES, que se celebrou entre o 7 e o 14 de Maio de 2017 na zona norte de la provincia de A Coruña (Eume, Ortegal, Ferrolterra). O Raid forma parte das probas da Adventure Racing World Series. Involucrarse, a liña de traballo para adquirir as competencias da súa formación. Unha vez máis, o compromiso deste alumnado e do seu profesorado!!!
Unha parte do claustro asistiu onte á sesión de formación do Seminario de Convivencia impartida por Eloísa Teijeira. Foi unha desas interesantísimas e útiles sesións que o profesorado pode recibir a través do servizo de formación que nos facilita o CAFI a aqueles centros que desenvolven Seminarios de Formación. Recibila no centro, un luxo.
Actualmente membro do servizo de Orientación da Consellería de Educación, foi docente e orientadora en diversos centros de Galicia, asesora do CFR de Vigo. É investigadora no ámbito da psicopedagoxía, experta en diversidade, metodoloxías para a inclusión e a convivencia e membro fundador da Asociación Convives, que promove a educación en positivo na escola. Recomendámosvos a inscrición na revista dixital que publican: Convives.
Un amplo currículo para dar conta dunha muller que é quen de transmitir o entusiasmo pola educación. Falounos da convivencia nos centros nun sentido amplo, na responsabilidade que temos como docentes na súa xestión, no noso papel como guías para o alumnado, e, en moitos casos, para as familias, dos conflitos, dos retos que a sociedade non presenta... Aportounos ferramentas para a revisión, elementos de reflexión e orientación nos camiños a seguir.
De seguro, unhas horas que han dar sementes e froitos.
Imprescindibles como fonte de información.
Arquivos pdf, organizados polo
CEMIX do Concello da Coruña. https://goo.gl/iz8p4w
No Cartafol Dixital (link)
aparecen todos os documentos que temos no Posto das Xornadas no CUR:
- Titulacións Universitarias en Galicia
- Notas de corte
- Información da Proba ABAU e calendario
- Parámetros de ponderación
- Acceso á universidade co título de Técnico Superior
- Información Aloxamentos das universidades do SUG
- Webs das universidades públicas e privadas de todo o estado.
- Webs de aloxamentos das universidades do resto do estado.
- Centros de FP na Coruña.
- Ciclos formativos de Artes Plásticas e Deseño.
- Estudos Superiores de Deseño
- Webs de Bolsas e Axudas
Lembra tamén consultar a Guía Ti Elixes (link) que consta de dous documentos: un directorio de fontes de información sobre emprego e educación cos recursos máis salientables nestes dous ámbitos, e unha selección das bolsas convocadas nestes dous últimos anos.
Podes ver aquí varios enlaces a sitios web de interés para a túa orientación á Formación Profesional.
Un text: que me gustaría facer???
aquí >>>> http://fpbide.com/es/
A páxina (moi clariña) da Consellería de Educación / Formación Profesional
aquí>>> Unha guía que estrutura moi ben a información
Unha presentación sobre preinscripción e matrícula.
A semana pasada realizamos o último reparto de froita dentro do Progama "Aliméntate ben". Formamos parte da rede de centros que participa neste proxecto que recibe fondos da Unión Europea e é resultado da colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Consellería de Educación e a Consellería de Sanidade. Ten como obxectivo a mellora dos hábitos alimenticios e de nutrición saudable no alumnado.
Esta fin de semana, dous alumnos do IES, Nerea Oujo, de 2º de ESO e Denis Arufe, de 4º de ESO, representaron o noso centro no Campionato de España Escolar de Orientación 2017. Estamos orgullosos do esforzo destes alumnos que están a acadar importantes éxitos deportivos. O equipo de Nerea proclamouse campión de España na categoría infantil de relevos!!!!
Parabéns e a seguir demostrando a importancia do deporte!!!
Eva López, profesora do departamento de ED, recibiu esta mañá o alumnado do CEIP de Carnota. Estes querían coñecer o centro e, en concreto, o ciclo de Condución de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural que aquí impartimos e que está a ter unha alta demanda. Non cabe dúbida que a altura da formación impartida polo profesorado está a conseguir que este sexa un centro de referencia neste ámbito.
Xa sabedes que podedes seguilo no Facebook.
O noso centro forma parte da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza. Entre outras actividades, cada ano celebramos o Día das Letras Galegas cun díptico que faemos chegar nestes días ao alumnado e ás familias. No blog da biblioteca podedes ler a entrada.
Hoxe o patio foi por un día o campo da festa. Da festa das Letras, de maio, da cultura, da lingua e a tradición. Eva, a profesora de Educación Física, e un grupo de alumnos e alumnas ensináronnos a bailar, mentres outros mozos e mozas acompañaban o baile con gaita, bombos e pandeiretas. E ben que o pasamos!!!
O alumnado de 3º de ESO puido coñecer hoxe un pouco máis a vida e a obra de Carlos Casares a través da posta en escena do artista Serafín Marcos. Unha forma lúdica de achegarse á nosa literatura. No blog da biblioteca podedes ler a entrada sobre a actividade.
Hoxe entregamos os premios aos galardoados no Certame poético "Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade". Podedes ler a entrada no blog da biblioteca.
Continúan os éxitos nas competicións de Orientación do noso alumnado. Este sábado, no Campionato de España de Orientación en bicicleta en Murcia, Eloi Serantes quedou 3° na carreira de media distancia e Campión na carreira sprint!!!
O alumnado de Tecnoloxía aproveitou o bo tempo para recoller lixo na praia: limpan e ao tempo recollen refugallo co que crearán as carcasas para os robots. Aprendendo ciencia e convivindo co entorno!
Este martes, o alumnado de 3º de ESO e de 1º de ESO que cursa Paisaxe e sustentabilidade visitou Allariz. A actividade enmárcase dentro do Proxecto Terra, un programa que promove o coñecemento do territorio e a súa posta en valor dende a identidade, resultado da colaboración entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Saíron ben cedo. Ás 10:30 comezaron un roteiro polo centro histórico da vila, visitando o Museo do Coiro, o Museo da Moda e o Museo do Xoguete como significativas actuacións de recuperacón do patrimonio etnográfico da vila, e facendo espacial fincapé nas actuacións que o Plan Especial de Protección do Casco Histórico de Allariz (P.E.C.H.A.) deu como resultado a concesión en 1994 do Premio Europeo de Urbanismo: o saneamento do cauce do río Arnoia; a recuperación medioambiental das súas marxes; a rehabilitación integral de vivendas e as actuacións en rúas e espazos comúns.
Ao mediodía, xantaron no Rexo, onde, pola tarde, participaron nas actividades do Centro de Educación ambiental (CEA), a cargo dos monitores monitores da Fundación Gonzalez Ferreiro.
Como vedes nas imaxes, aprenderon e divertíronse:
Onte pola tarde, o alumando de Relixión do noso centro e o do Virxe do Mar compartiron unha sesión de convivencia vendo un vídeo sobre a viaxe a Italia na biblioteca. En penumbra unha boa parte da tarde, polas incidencias da tormenta, mostrámoslles o centro: a Sala Perseveira, as aulas, o salón de actos...
Educar, motivar, poñer en valor o esforzo, a curiosidade, o pensamento crítico, o traballo en equipo... Son os obxectivos do programa EduMotivacon que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de poñer en marcha para os centros de ensino non universitario, en colaboración con profesionais de recoñecido prestixio.
Dende o centro solicitamos a intervención de Carla Reyes. Queriamos que unha muller recoñecida pola súa traxectoria falase para o alumnado. Para as alumnas e para os alumnos.
Xornalista, desenvolve o seu traballo nos ámbitos da comunicación, da produción audiovisual e no asesoramento en materia de comunicación. Unha das charlas que ofrecía no programa EduMotivacon abordaba o tema da Igualdade de xénero. No centro temos especial empeño en traballar este contido transversal, tan necesario na sociadade actual e que vimos desenvolvendo ao longo do ano en diversas actividades (no noso particular "manequinchallenge", na exposición sobre Maruxa Mallo e diversas actividades realizadas a partir da mesma, na Semana Culrural, nas titorías...). Carla Reyes era para nós o perfil perfecto pois, ademais, preside a Asociación de Executivas de Galicia, unha entidade na que máis de 70 mulleres directivas, profesionais autónomas, queren contribuír a dar visibilidade e recoñecemento ao traballo das mulleres en todos os eidos da actividade económica, social e cultural.
Con ela, o alumnado de 4º de ESO, soubo, con datos, da escasa presenza da muller en cargos directivos nas empresas, nas organizacións institucionais nacionais e internacionais, na Universidade... Do incumprimento da Lei de Igualdade. E debateron e procuraron opcións de visibilización.
Coñecer para saber, para reflexionar criticamente, para actuar e abrir horizontes que non estean pechados por prexuízos machistas e teitos de cristal, ou en palabras de Carla Reyes, "teitos de formigón".
Educar con, motivar con, educar para, motivar para. Eis o cerne do noso labor educativo e das novas vías de aprendizaxe que pretendemos abrir e asentar no IES de Porto do Son. Quen mellor que homes e mulleres como Carla para serviren de guieiros!
Este sábado celebramos a graduación da promoción 2011-2017.Aqueles nenos e nenas...
... son hoxe os mozos e mozas que comezan o seu futuro:
Foi un acto emotivo no que tomaron a palabra os alumnos e o director, David, a tenente alcalde María Maneiro, o ex-director Bernardo, Xosé Manuel e Bea, como representantes das familias.
A banda sonora do acto foi interpretada por André e Adriana, co acompañamento de Ana, a nosa compañeira, na parte final. A música, as artes, tan necesarias!!!
Ao entregarlles os diplomas que acreditan o seu esforzo a pertenza á comunidade educativa do IES de Porto do Son, démoslles tamén unha ramiña de loureiro con ""vaghas, vaghos, froitos". Dicía David no seu discurso:
"O loureiro altivo, como dicía Rosalía, foi desde a orixe o sinal da gloria: coroou os atletas dos Xogos da Greza clásica; os xenerais triunfantes dos romanos; os grandes poetas do mundo foron coroados de loureiro. Os bos traballos científicos recibían o "summa cun laude". Aos pés das sepulturas ilustres deitamos coroas de loureiro. Cando un canteiro vello remata unha casa, chanta unha ponla de loureiro na cima e fai o alboroque, a festa de remate. (...) Nas escolas da igrexa medieval católica onde naceron as nosas universidades, nomeaban os seus graduados baccalaureatos. Aqueles que recibían a gloria, o loureiro. Pero non por calquera saber, polo saber que daba froito. (...) Dese costume, e desa palabra vén a palabra baccalaureato, bacharelato".
Bachareles que han de dar froito, bachareles que recibiron neste acto palabras de cariño, de agradecemento, consellos para a vida, confianza e o desexo de que non perdan o sorriso!
O luns foi xornada de benvida. Pola mañá recibimos o alumnado de 6º de primaria que o próximo curso virá para o instituto. Explicámoslles o funcionamento do centro e o que será a nova etapa educativa que comezarán en setembro. Logo mostrámoslles o centro: dende o salón de actos acompañámolos á biblioteca, ás aulas comúns e ás aulas específicas, á Sala Perseveira...
Pola tarde, foron as familias as que estiveron connosco. O próximo curso pertencerán xa á comunidade educativa do IES de Porto do Son!
Esta mañá, o alumnado de Hábitos de Estilos de vida saudables, de 2º de ESO, realizou unha ruta dende Baroña ata o instituto. É unha forma de adquirir estes hábitos aproveitando o entorno. Ao tempo, coñecen e adquiren, de xeito práctico, as competencias con respecto á actividade e ás recomendacións e normas para sendeiristas que traballaron na aula. Que mellor aula que a das rutas de Porto do Son!
Onte pola mañá, o alumnado de 1º de ESO volveu á Aguieira para colaborar coa Cruz Vermella na limpeza da praia. Dicimos "volveu", porque a comezo de curso estes mozos e mozas comezaron o proxecto Botellas con mensaxe cunha ruta dende o IES de Porto do Son ata este mesmo areal: era a Ruta da auga. A auga e o entorno e a necesidade de facer un uso racional deste recurso sería o eixo transversal do proxecto de 1º de ESO e tema interdisciplinar en todo o centro. Despois viñeron investigacións, lecturas, creación literaria, creación plástica, deporte, charlas, obradoiros… Coñecer para saber, saber para actuar e comprometerse. A saída de onte tiña como obxectivo aprender e mostrar o compromiso co entorno.
Antes da recollida de lixo, Antonio Veiras, axente do Servizo de Conservación da Natureza, falounos dunha ave protexida que cría nas nosas praias, a píllara, explicounos como recoñecela, o proceso de cría que vai de marzo a xullo e as medidas que debiamos ter en conta para non alterar o ecosistema que favorece a súa supervivencia. Agora xa sabemos recoñecela e como actuar cando atopemos os niños ou as crías.
A continuación, voluntarios da Cruz Vermella dividíronnos en 2 grupos para realizar unha recollida de lixo. Un grupo recollería lixo de máis de 50 cm e outro lixo de menor tamaño. Atopamos obxectos plásticos, téxtiles, metálicos, de goma, de papel e cartón… Lembramos que o mar está a ser un grande “pañol” transformado no vertedoiro de todos nós. Non vemos o que está no fondo do mar, pero este “vomítao” ao litoral. Imposible non recordar a interesante charla que a Asociación Mar de Fábula nos deu na Semana Cultural: as imaxes dos peixes mortos e das aves asfixiadas enredadas nos aros plásticos dos envases de latas de Cocacola ou cos estómagos cheos de plásticos e microplásticos; a cadea alimenticia contaminada o ecosistema ferido e o futuro do planeta ameazado.
Esperemos que o noso alumnado sexa agora un pouco máis responsable co entorno. Os cambios son posibles. Comezan coa educación!
O IES de Porto do Son está entre os gañadores V CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO. 15 alumnos e alumnas presentaron poemas que crearon a partir de cadros de Maruxa Mallo no marco das actividades de visibilización da artista levadas a cabo dende a Biblioteca do centro. A alumna de 2º de ESO, VALERIA BALEIRÓN, con "Só silencio", a súa interpretación poética do cadro "Antro de fósiles" GAÑOU O 2º ÁCCÉSIT NA CATERGORÍA DE 1º CICLO!!!! Entre eles prácenos ver a amigos do Aquis Celenis de Caldas e do IES da Pobra do Caramiñal cos que o noso centro comparte actividades do Club de Lectura e de normalización e dinamización lingüística. O venres 9 de xuño a alumna recollerá o premio na Casa-Museo de Rosalía de Castro. PARABÉNS!!!
É un orgullo para nós ter entre o noso alumnado mozos e mozas que, como Pilar, están a acadar éxitos co seu esforzo!