Skip to Content

Nadal

Amplíase o prazo para rematar os taboleiros de Nadal ao luns pola tarde

Tendo en conta as vosas solicitudes, amplíase o prazo para rematar os taboleiros de Nadal ao luns ás 17:40 h. 
 
Recórdase que se valorará a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

Concurso "Taboleiros de Nadal"

Ante a petición de poder colocar algunha decoración de Nadal nas aulas como noutros anos, convócase unha nova edición do concurso de decoración de Nadal. 
 
Noutras ocasións que se fixo nas portas das aulas houbo que repintar algunha, entón decidiuse que este ano a convocatoria sexa para a decoración de taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 
 
Este curso poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que recibiu no correo electrónico en Vicedirección. Se algún grupo non ten taboleiro na súa aula, que me avise para buscar unha solución. 
 
Toda a documentación que está actualmente colgada nos taboleiros gardarase no caixón da mesa do profesor baixo a súa custodia ou gardaraa a titora ou titor. Se hai algo verdadeiramente importante que ten que estar á vista pode pegarse temporalmente, ata despois da Nadal, no encerado con celo. 
 
Teredes celo, tesoiras, rotuladores, cartolinas... en Conserxería. Se necesitades outros materiais (sempre que sexan de papelería) facede unha lista e entregádea en Conserxería para que poidan pedilo e informar a secretaria. 
 
As normas son as seguintes: 
 
1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 
 
2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 
 
3. En canto a materiais, prohíbese a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 
 
4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 
 
5. O luns 19 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Feliz 2022!

 

Chegaron os premios para as Portas de Nadal!

 Por fin coñecemos quen gañou os premios Portas de Nadal da edición 2021! 

  • 1º premio para 1º ESO A, polo volume da árbore, polos desexos compartidos en cada bóla e polos agasallos en tres dimensións.
  • 2º premio para 4º ESO A, pola súa orixinalidade, pola concordancia entre as dúas portas da aula e pola súa singular caixa de correo. 
  • 3º premio para 1º BAC A, pola limpeza da súa obra, polo emprego de distintas texturas e polo coidado nos detalles dos diferentes elementos decorativos. 
Para o xurado resultou moi difícil escoller as portas gañadoras, polo que resolveu conceder dous accésits
  • A 2º ESO PMAR, pola realización dun gran traballo, aínda sendo o grupo menos numeroso, e polo emprego de elementos decorativos de orixe natural. 
  • A 2º FPBásica de Fabricación e Montaxe, por utilizar a reciclaxe para a decoración da súa porta e polo esforzo realizado para serrar os compoñentes que empregaron. 
Moitos parabéns!!
 
 
 
Podedes ver as portas participantes nesta edición AQUÍ

Din que a unión fai a forza e tamén... se cadra... a árbore de Nadal!

Un curso máis, distintos departamentos do IES Perdouro uníronse para fabricar unha fermosa árbore de Nadal. 
 
Aplicando os seus coñecementos de trigonometría, artes plásticas, proporción aúrea, soldadura, origami e kusudama, o alumnado de: 
  • FP Básica de Fabricación e Montaxe,
  • 2º ESO de Relixión, 
  • 3º ESO de Matemáticas, 
  • 4º ESO de EPeV, 
  • 4º ESO de Tecnoloxía, 
  • CM de Mecanizado, 
  • CM de Instalacións de Telecomunicacións
elaboraron a árbore que se pode contemplar na entrada do centro.
 
 
 
Podedes ver máis imaxes da árbore de Nadal e dos autores destes magnífico traballo AQUÍ.

Entrega de premios Certame Postal de Nadal

Esta mañá Miruca Parga, Vicedirectora, e Ruth Adrio, xefa do departamento de Educación Plástica e Visual, entregaron os diplomas e premios aos gañadores do certame especial Postal de Nadal.

  • Alexandre García Pousa de 3º ESO A acadou o 1° premio polo seu detallismo e limpeza escapando da imaxe clásica de Nadal. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 3º ESO B obtivo o 2° premio polo minucioso traballo do fondo e a transformación dunha estampa de Nadal clásica en anime.
  • Uxía Oroza Combarro de 1º ESO B recibiu o 3° premio pola súa atrevida composición, con collage e diferentes técnicas, rescatando a figura tradicional do apalpador.

Parabéns a estes 3 grandes debuxantes que ten o Perdouro!!

 

 

A nosa árbore de Nadal

Coma todos os anos, coa chegada do Nadal os corredores e instalacións do IES Perdouro énchense de decoración navideña. O alumnado de 4º ESO de Tecnoloxía elaboramos o elemento principal desta decoración: a árbore de nadal que se encontra na entrada do edificio principal.

Este ano a forma de traballo foi diferente aos anteriores xa que, debido á COVID-19, non puidemos  traballar todos xuntos no taller e tivemos que buscar outras alternativas. Decidimos facer unha árbore formada por bólas feitas a base de pequenas figuriñas de papiroflexia que colgaban do teito; todas as bólas estaban colocadas de xeito que simulaban a forma dunha árbore.

Desta forma conseguimos construír a árbore .. seguir lendo a crónica de Lin Vizoso López, 4º ESO B no blogue de Perdourando.

Feliz ano novo!

 Vémonos o luns 11!! Voltamos ás clases a partir do luns. 

Felices festas!

 

 

Damos os parabéns ao noso alumno de 1º ESO , Gabriel Díaz Pernas, polo deseño da tarxeta do centro, á vez que queremos homenaxear á poetisa Luz Pozo Garza que nos deixou este ano.

As paisaxes xeolóxicas da Mariña lucense

As alumnas e os alumnos de Xeoloxía de 2 de Bacharelato realizaron un traballo titulado "As paisaxes xeolóxicas da Mariña lucense", co obxectivo de coñecer e divulgar as paisaxes naturais xeolóxicas tan valiosas que existen neste lugar da xeografía galega. Para iso, dividimos o proxecto en tres grupos, de firma que un deles ocupouse da Mariña occidental, outro da Mariña central e, o restante, da Mariña oriental. Cada alumno/a escolleu dúas paisaxes da zona obxecto de estudo e estes son os paneis informativos que fixeron. Esperamos que vos gusten!
 
Accede por aquí ás fotografía do mural.

O apalpador visita o IES Perdouro

O pasado venres 20 de decembro recibimos unha visita moi moi especial: o apalpador baixou das súas montañas do Courel ata a Mariña para apalpar as barrigas do noso alumnado. Estivo repartindo caramelos polas clases e no recreo deixouse fotografiar. 
Aproveitamos a súa visita para que fixese entrega dos diplomas do certame "Adorna a porta da aula - Especial Nadal".
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Árbores de Nadal

Como é habitual no Perdouro, temos reservada a entrada para a nosa grande árbore de Nadal, mostra do traballo en equipo ben feito.
Este ano o departamento de Tecnoloxía ideou unha árbore de Nadal en espiral aproveitando listóns de madeira que tiñan no taller. O alumnado de 4º de ESO de Tecnoloxía calculou a cantidade de listóns e o ángulo de colocación para montar unha árbore de casi 2 metros de alto. Pintaron de dourado os listóns. Cristian fixo a estrela final en 3D en branco e dourado, que foron as cores escollidas para este ano.
O alumnado de 1º de ESO coa axuda da súa profesora de Relixión colaborou nos adornos que consistían en pequenos paquetes atados cun lazo branco. Nun papel dourado, recortaron a plantilla e logo tiveron que doblar e pegar os bordes ata compoñer a caixiña. Tiveron que poñer a proba a súa habilidade motriz fina. Había 3 tamaños de caixas para ir adornando a árbore de máis grandes na base ata máis pequenas na punta. Logo había que atar a caixiña e facer un fermoso lazo. O Departamanto de Mecanizado fixo o mastil para armar a árbore.
Ademais, o alumnado de 2º de FP Básica fixo dúas árbores empregando tuberías de cobre. Unha delas tamén adoptaba a forma de espiral e a outra tiña forma cuadrada. 
 
Accede a reportaxe fotográfica aquí.

Panxoliñas de Nadal

O alumnado de 1° e 2° de ESO de Relixión recuperou unha tradición oral relacionada co Nadal e fixo uns murais ben bonitos e orixinais para lembrarnos dúas panxoliñas tan especial nestas datas navideñas.

- Imos a Belén
- Esta noite é noite boa cantaremos ao recén panxoliñas aninovo e pandeiradas tamén...

 
Aquí tedes o resultado.

Entrega de premios do Concurso de Postais de Nadal 2018

Acto de entrega de premios do Concurso de Postais de Nadal convocado polo Equipo de Dinamización e a Biblioteca en colaboración co departamento de Plástica.
 
Esta mañá o director felicitou os gañadores do certame e entregoulles un diploma así como un pequeno premio en metálico. Estivo acompañado por Miruca Parga, coordinadora do EDLG, e por Teresa Rodríguez, profe de debuxo.
  • Roi González Quelle acadou o 1° premio. O seu debuxo representará a felicitación oficial do centro.
  • Izán Domínguez Soto ten o 2° premio.

Parabéns !!!

 

O nadal xa chegou ao IES Perdouro!

Esta bonita época do ano, que tanto esperan os máis pequerrechos da casa como os máis maiores está a volta da esquina. Como non podía ser de outra maneira, os alumnos e alumnas do IES Perdouro puxémonos mans á obra. Dende varios departamentos xurdiron diferentes ideas e houbo varias aportacións. Decoramos o noso instituto polos nosos corredores, ventás, portas...
Na nosa entrada, atópase a nosa grande árbore de Nadal, mostra do traballo en equipo ... Seguir lendo a crónica de Alejandra Alonso Fernández de 4º ESO no blogue de Perdourando.
Distribuir contido


by Dr. Radut