Skip to Content

EDLG

Celebración do Entroido

O venres 25 de febreiro os cursos que o desexen poderán participar nun desfile de Entroido que se celebrará na carpa. Cada grupo participará individualmente nun horario previamente programado. Haberá premios para os mellores disfraces e interpretacións. 

O evento será transmitido en directo por Twitch para poder velo desde as aulas, grazas ao traballo do CM de Instalacións de Telecomunicacións que se encargará das cuestións técnicas e da presentación do acto. 

Animádevos a participar!! O prazo de inscrición está aberto ata o venres 18 de febreiro. 

Quen non participe no desfile, pero queira vir disfrazado, terá que facelo tendo sempre colocada e á vista a máscara protectora. Polo tanto, non se permiten caretas ou disfraces que tapen toda a cara. Tampouco accesorios que non vaian suxeitos ao disfrace. 

Semana dos afectos

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas para avisar que o seu servizo de mensaxería xa está operativo. 

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o destinatario/a e o seu curso.

Poderanse dirixirte as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 11 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

Despois de estar as cartas en cuarentena repartiranse o luns 14.

Obradoiro de xoguetes naturais

No marco das celebracións do San Xoán Bosco, a nosa Asociación Cultural Os Matos programa un obradoiro de elaboración de xoguetes con elementos da natureza impartido por José M. García Fernández, un dos autores dos cadernos Xoguetes naturais Primavera-Verán Outono-Inverno, publicados conxuntamente co profesor Xosé López González.
 

Mulleres Premios Nobel da Paz

Dende 1901 en que existen os Premios Nobel da Paz, só foron 18 as mulleres merecedoras deste maior recoñecemento mundial. 
Aquí tedes unhas infografías realizadas polo alumnado de 2°A de Investigación e tratamento da información. 
As 18 mulleres en recibir o Premio Nobel da Paz aparecen por ordenación cronolóxica. 
 

Celebramos o Día escolar da paz

O alumnado de 2º PMAR quere conmemorar o Día escolar da paz, que se celebra o 30 de xaneiro, lendo versos de Antonio García Teijeiro. 
 
A súa obra Bicos e non balas recórdanos a importancia da paz no mundo e as desastrosas consecuencias dos conflitos bélicos. 
 
Esperamos que vos gusten as súas palabras e que vos fagan reflexionar sobre a importancia de convivir en paz.
 

Entrega de premios Certame Postal de Nadal

Esta mañá Miruca Parga, Vicedirectora, e Ruth Adrio, xefa do departamento de Educación Plástica e Visual, entregaron os diplomas e premios aos gañadores do certame especial Postal de Nadal.

  • Alexandre García Pousa de 3º ESO A acadou o 1° premio polo seu detallismo e limpeza escapando da imaxe clásica de Nadal. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 3º ESO B obtivo o 2° premio polo minucioso traballo do fondo e a transformación dunha estampa de Nadal clásica en anime.
  • Uxía Oroza Combarro de 1º ESO B recibiu o 3° premio pola súa atrevida composición, con collage e diferentes técnicas, rescatando a figura tradicional do apalpador.

Parabéns a estes 3 grandes debuxantes que ten o Perdouro!!

 

 

Encontro con Javier Miranda de Terras de Miranda

O pasado 3 de novembro, recibimos no noso centro a Javier Miranda, representante e propietario de “Hortícolas Javier Miranda”, de Riotorto. Veunos falar do seu proxecto empresarial: como foron os inicios do seu negocio, que produtos cultiva e comercializa, como vai rotando os cultivos para evitar a sobreexplotación do solo, o emprego de químicos, dificultades que atopa no seu día a día… Sorprendeunos o novo que é e o ben que fala! Sen dúbida, foi unha actividade moi interesante e que nos conecta co mundo “real” do rural, ademáis de servirnos para profundar no que demos nas clases de Sociais sobre o sector primario.

Fabiana Monteiro Pereira  e Kassandra Soria Febrero, 3º ESO PMAR

Videoconferencia de Igaciencia – Novembro: mes da ciencia en galego "O que aprendemos da pandemia"

O 16 de novembro a doutora e neurocientífica Sonia Villapol falounos sobre o tema da pandemia e un pouco da súa vida fóra de Galicia.

Contounos cousas moi interesantes como a existencia das “Fake News”, noticias que provocan moita desinformación. Acompañou isto cunha mensaxe da OMS (Organización Mundial da Saúde): “Non só loitamos cunha pandemia senón cunha infodemia, debido á abundacia de noticias”.

Obradoiro de escritura con Artemisa Semedo

Os días 23 e 24 de novembro o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos un obradoiro sobre escritura creativa impartido por Artemisa Semedo, que foi alumna do noso Centro.

Co título de “A importancia de relerse e reescribirse”, durante dúas sesións de dúas horas cada unha, desenvolvemos unha serie de actividades relacionadas coa creación de textos e a sensibilización contra a violencia machista.

Nun primeiro momento fixemos un xogo a modo de presentación, para romper o xeo e sentirnos máis cómodos á hora de expresar as nosas ideas; tivemos que elaborar unha frase co noso nome e unha cousa coa que nos identificásemos.

A violencia párase con igualdade e respecto

O venres 26 de novembro continuamos xogando e buscando palabras que nos afasten de condutas violentas. Esta vez foi a quenda de 1º ESO A e B, 2º ESO B e PMAR, 3º ESO A e B e dos autores deste xogo, o alumnado de 1º ESO de Reforzo de Lingua galega, que estiveron coordinados pola súa profesora Rosa Febrero.  

Obradoiro de regueifas

O día 22 de novembro na hora de titoría tivemos un obradoiro de regueifa dirixido por Cristián Gómez, un compañeiro do Perdouro, estudante  de Electrónica que participa no Modelo Burela e que tamén é técnico e locutor de radio en Proxecto Neo.

Cristián explicounos que son as regueifas, como se fan, que versos teñen que rimar, os significados da palabra ( aparte dun canto tamén pode ser un baile ou un pan de voda). Despois fixemos as nosas propias regueifas, unha delas a partir do noso nome.
Gustounos moito esta actividade porque nos deu a coñecer unha nova forma de entreter coa linguaxe, da que non tiñamos coñecemento. Cristián explicounos todo dunha maneira divertida e fácil de comprender.
Tamén tivemos outras persoas na aula, xa que viñeron uns cámaras para gravar e sacar fotos para un documental.
Foi unha actividade entretida e recomendamos que se realice noutros cursos. 

Accede á reportaxe de fotografías aquí.

Uxía Oroza Combarro, Brais Vila Salgueiro, Iker Trillo Souto e Antón Míguez Rubiños. 1º ESO B

Pasa da violencia experimentando emocións positivas

O xoves 25 xogamos ao rosco "Pasadaviolencia" buscando palabras relacionadas co respecto e a igualdade que nos afasten de calquera tipo de violencia. 

Despois de adiviñar os vocábulos do rosco interactivo na aula, sacamos foto co rosco orixinal.

Gañaron o premio en cada grupo: 

  • Asier Oroza Parga (2º ESO A)
  • Carla Paz Trelles (2º ESO C)
  • Marina Rubal Ponsa (4º ESO B1)

Parabéns!

Anímate a xogar con nós!

  

Rosco do 25 N - Pasa da violencia!

Para erradicar a violencia de xénero, as nosas compañeiras de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe elaboraron un rosco con 22 definicións que nos axudarán a afastarnos de calquera tipo de conduta violenta.

O xoves 25 e o venres 26 estará colocado na entrada do edificio 1. Animámosvos a que levedes o voso alumnado a facer unha foto a carón do panel deste xogo que ten como lema "Pasa da violencia!"
 
 
As fotos enviádeas ao correo da vicedirectora para poder subilas ao blog. 

Convidámosvos a xogar en formato dixital. Indicádelle ao voso alumnado que prema no seguinte enlace para ver quen é o primeiro en adiviñar as 22 palabras do rosco:
 
http://perdourando.blogspot.com/2021/11/pasa-da-violencia-un-rosco-de.html

Cada un dos grupos da ESO xa ten profe asignado para que realicen o xogo. 

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Volve NON PERDAS O NORTE: IV Certame de regueifas do IES Perdouro

Comeza unha nova edición do noso certame de regueifas anual. Este ano a novidade é que a regueifa poderá ser gravada en vídeo e enviada polos participantes á páxina https://non-perdas-o-norte.webnode.es/

Consulta o cartel da convocatoria e as bases na páxina de Non perdas o Norte. Nela atoparás sorpresas que se irán publicando pouco a pouco e que te levarán ao punto final, momento no que xa estarás preparado para improvisar e enviar a túa regueifa. 

Anímate a participar!

Conmemoración do Día das Escritoras 2021

O luns 18 de outubro celebrouse o Día das Escritoras e alumnado de Literatura Galega do século XX e da actualidade (2º de Bacharelato) preparou un vídeo cunhas fermosas lecturas de autoras galegas que nos falan das idades da vida. Este traballo estivo coordinado pola súa profesora, Neves Cando. 

Para acceder aos textos lidos, clica na seguinte selección realizada por Bibliotecas Escolares. 

Moitas grazas e parabéns, rapaces!

Distribuir contido


by Dr. Radut