Skip to Content

Mural

Concurso "Taboleiros de Nadal"

Ante a petición de poder colocar algunha decoración de Nadal nas aulas como noutros anos, convócase unha nova edición do concurso de decoración de Nadal. 
 
Noutras ocasións que se fixo nas portas das aulas houbo que repintar algunha, entón decidiuse que este ano a convocatoria sexa para a decoración de taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 
 
Este curso poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que recibiu no correo electrónico en Vicedirección. Se algún grupo non ten taboleiro na súa aula, que me avise para buscar unha solución. 
 
Toda a documentación que está actualmente colgada nos taboleiros gardarase no caixón da mesa do profesor baixo a súa custodia ou gardaraa a titora ou titor. Se hai algo verdadeiramente importante que ten que estar á vista pode pegarse temporalmente, ata despois da Nadal, no encerado con celo. 
 
Teredes celo, tesoiras, rotuladores, cartolinas... en Conserxería. Se necesitades outros materiais (sempre que sexan de papelería) facede unha lista e entregádea en Conserxería para que poidan pedilo e informar a secretaria. 
 
As normas son as seguintes: 
 
1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 
 
2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 
 
3. En canto a materiais, prohíbese a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 
 
4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 
 
5. O luns 19 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

En primicia! O luns atoparedes unha novidade no instituto


O luns estará rematado un mural que leva por título "O berro vegliota" da autoría do artista Iago Eireos, fundador de Espazo Lupa Arte. 

O curso pasado a Deputación de Lugo daba a oportunidade aos colexios e institutos lucenses de solicitar que se pintase algún muro dos centros educativos. 

A temática era unha homenaxe a Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985), que foi un pintor e ilustrador de cómics. 

As doce pinturas que configuran a banda deseñada O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño relatan, metaforicamente, as agresións que reciben as linguas minoritarias. O vegliota é unha lingua que se falaba na zona de Dalmacia, na actual Croacia; unha lingua románica en extinción. Nos anos setenta, cando Patiño realizou esta obra, falábana unicamente medio centenar de persoas. Partindo deste dato, Patiño constrúe un relato-denuncia da represión que sufriu a lingua galega durante o franquismo. Trátase dunha contundente crónica satírica, na que aparecen o Papa e o Pentágono perseguindo ao último falante de vegliota para exterminalo. Está considerada a obra fundacional do cómic galego, e de aí a homenaxe que se lle quere render a Reimundo Patiño en colaboración cos centros educativos, pola súa defensa das linguas minoritarias e, especialmente, do galego. 
 
BUSCADE ESTE LUNS ONDE ESTÁ A SORPRESA NOS MUROS DO INSTITUTO!
 

Lapbook : As árbores do IES Perdouro

Se queredes aproximarvos ás arbores que se encontran no recinto escolar, o alumnado de 2º ESO PMAR  estivo observándoas durante todo o curso e facendo un traballo de campo da evolución das árbores segundo ás estacións do ano. Aquí tedes en formato lapbook o resultado: AQUÍ.
 
Cada un dos sete alumnos escolleu unha árbore e observouna como mínimo unha vez ao mes. Nese momento, fixeron unha foto e foron vendo como a árbore cambiou coas estacións.

Os obxectivos desta actividade eran:
- Coñecer nomes de árbores.
- Comprobar os cambios que se van producindo neles ao longo dos meses.
- Constatar se teñen algunha peculiaridade ou enfermidade para saber como coidalos.
- Coñecer as utilidades de cada árbore: froiteira, forestal, ornamental...
- Relacionarse co contorno natural.

Con todos os datos recollidos, o alumnado elaborou un lapbook cunha descrición da árbore, explicando como cambiaron as súas follas, flores, froitos, etc. Pegou as imaxes tomadas desde o mes de setembro ata o mes de abril e pegou tamén no traballo follas ou elementos recollidos das árbores, como as cocas ou bugallas que lle saen ao carballo e que non son froitos senón protuberancias esféricas creadas por un insecto.

O alumnado tivo oportunidade incluso de probar os froitos dalgunha das árbores, como o castiñeiro ou o albedro (arbutus unedo). Deste último nunca probaran os froitos.

Acrósticos pola igualdade

O alumndo de 2º de ESO de Investigación e Tratamento da Información compuxo unhas composicións poéticas combinando palabras apoderadas que foron publicadas nas redes sociais ao longo desta semana. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Exposición 8M no Centro de Saúde: IES Perdouro pola igualdade

Este luns 7 de marzo estreamos exposición no Centro de Saúde de Burela. 

A traballadora social do centro sanitario solicitou a nosa axuda para visibilizar con mensaxes do alumnado a celebración do Día Internacional da Muller. Grazas á colaboración do Departamento de Educación Plástica Visual e Audiovisual e ao Departamento de Lingua e Literatura galega, o alumnado de 1º e 4º ESO redactou lemas e deseñou coloridas mans portando vistosas mensaxes. 
 
Os traballos foron colocados en varias estancias do Centro de Saúde de Burela. Alí podedes visitar esta fermosa exposición na que se reivindica o papel da muller de forma positiva. 
 
Accede ao álbum fotográfico AQUÍ
 
 

Conmemoración do día de San Valentín

Na materia de Cultura Clásica como estábamos a traballar coa mitoloxía, o alumnado fixo unha narración da historia do mito de Eros/Cupido xunto coa incorporación de poemas orixinais de contido amoroso e unha ilustración que o representaba.

O alumnado de Latín aportou frases de amor escritas na lingua que está a estudar, o latín.

O mesmo fixeron o resto dos grupos, cada quen aportou a súa frase de amor escrita na lingua que traballamos na aula, uns en galego e os outros en francés.

Accede á reportaxe fotográfica AQUÍ.

Efigenia Maseda Paz, Xefe de Departamento de Latín

Participantes: alumnado de Latín I (1º BAC B), de Cultura Clásica (3º ESO B e C), de agrupamento de Lingua Galega (1º ESO A e B), de Francés de 1º ESO A e B.

Representamos obras de arte

Este curso, ao alumnado de 3º da ESO tocounos estudar a arte do Renacemento e do Barroco pola vía telemática. Como complemento, levamos a cabo unha actividade que tiña como obxectivo familiarizarse con obras de arte destes dous períodos. Nesta actividade, os alumnos e alumnas participantes debían sacarse fotos representando distintas obras de arte. Para isto, cada un deles tivo que buscar unha obra axeitada e logo usar a súa creatividade para representala. E quedáronlles ben chulas! Finalmente, realizamos a montaxe dun vídeo con todas estas imaxes.


El libro de los relatos perdidos de Bambert - Exposición de globos de 1º ESO

Cando pisemos as rúas

Sería este un bo título para unha canción pop dos oitenta, agora que actualizamos o repertorio musical nacional, grazas aos balcóns. Mais, porén, é a frase que encabeza a maioría dos nosos propósitos nesta época que, parafraseando a Dickens, recordaremos como o mellor dos tempos, […] o peor dos tempos.

Atrás quedan, a medio camiño, os proxectos  planificados ao comezo do curso; as aulas baleiras, en cuxas paredes aínda resoan as voces do alumnado de 1º ESO lendo en voz alta; os fantásticos globos chineses, de diversas cores e tamaños, rendendo homenaxe aos soños de papel que o sensible escritor Bambert fixo voar polo mundo. Quen nos ía dicir que, ao igual ca el, viviriamos recluidos nas nosas casas.

Cando pisemos o instituto, alí estarán, esperándonos para darnos a benvida, tinguileando ao ar cando se volvan abrir a portas. Ese será o seu aplauso de recoñecemento a vosa afouteza e tesón durante todo este tempo que, grazas ao poder da literatura, pódese converter no mellor dos tempos. 
 
Yolanda Orjales Somoza - Profesora de Lingua Castelá

Odas a un invento

Para estimular a creatividade literaria do seu alumnado de 4º, a profesora Eva propúxolles escribir unhas odas a uns inventos do seu gusto. E aquí o fabuloso resultado!!!

 

Coplas Os Maios

O alumnado de 2º de 3º de ESO estivo compoñendo unhas coplas en lingua galega coa súa profesora Belén. E aquí o resultado da creatividade en ocasión moi graciosa do noso alumnado.

Día da Muller e a Nena na Ciencia - Mulleres afroamericanas na ciencia

Desde a titoría de 3º de PMAR, e inspirándonos na película "Figuras ocultas", quixemos dedicar o día da muller e da nena na ciencia a Mary Jackson, Katherine Johnson e Dorothy Vaughan, tres científicas afroamericanas que na súa época sufriron a discriminación racial e de xénero, pero sen as cales a carreira espacial norteamericana non sería posible. Con este pequeno traballo esperamos facer visibles os seus grandes logros e contribuír a outorgarlles o prestixio que se merecen.
Ver a tres biografías realizadas aquí.

Celebramos o día dos namorados

Para celebrar o día dos namorados, expuxemos unha pequena selección de libros e filmes con temática amorosa na vitrina do vestíbulo.
Ideamos o muro dos aloumiños onde quen quixera podía achegarse, abrir un sobre e atopar unha mensaxe de agarimo. O alumnado de 1º de ESO escribiunas botándolles imaxinación e o de 4º de ESO puxo unhas pingas de amor en francés tamén polos sobres.
Ademais puxemos unha caixa de correos para mensaxes xa máis personalizadas con destinatario. Uns emisarios de Cupido foron polas aulas para informar de dita actividade epistolar e animar á súa participación. Cal foi a sorpresa no día seguinte? Pois que no día 14 os emisarios foron repartir unha grande cantidade de cartas de amizade. Hóuboas para todos, alumnado e profesorado. Todos esperaban curiosos poder recibir algunha correspondencia. Foi un grande éxito!!
 
Accede aquí a reportaxe fotográfica.

Panxoliñas de Nadal

O alumnado de 1° e 2° de ESO de Relixión recuperou unha tradición oral relacionada co Nadal e fixo uns murais ben bonitos e orixinais para lembrarnos dúas panxoliñas tan especial nestas datas navideñas.

- Imos a Belén
- Esta noite é noite boa cantaremos ao recén panxoliñas aninovo e pandeiradas tamén...

 
Aquí tedes o resultado.

Con Gloria Fuertes, celebrando a poesía

Por fin están expostos os poemas de Gloria Fuertes e as ilustracións personalizadas, un traballo plástico realizado polo alumnado de 1° ESO en lingua castelá e debuxo para celebrar o día da poesía e a chegada da primavera.  
 
 

Montaxe da exposición "A Mariña pensando en feminino"

Hoxe fumos pola tarde ata Viveiro montar a exposición "A Mariña pensando en feminino" da Microrrede de bibliotecas escolares Plambe da Mariña.


 
A nosa aportación leva por título "A Mariña en cen palabras" e foi feita polo alumnado de 1º de ESO. Para iso contamos coa colaboración de Maribel, de Antón, de Bernardo, Miruca; Mçº José e do alumnado de2º ESO para a selección das cen palabras que recollen a nosa Mariña en nome de muller en dezaseis categorías. O alumnado tivo que facer unha pequena explicación da palabra e unha foto da mesma. Unha vez terminada a tarefa da procura e das correccións da expresión escrita polas profesoras, Miruca e Mª José, o alumnado pasou a limpo o textiño nunha plantilla deseñada para tal efecto, debuxou o título dun xeito algo máis artístico e pegou a fotografía horizontal.
 
Logo o alumnado de 3º de ESO axudounos pegando as cartulinas entre si para compoñer o mural definitivo de algo máis de 5 metros de longo!!! O alumnado de 1º de Bach fixo o cartel presentativo da nosa exposición.
 
Parabéns porque o resultado mereceu a pena. A nosa Mariña ten moito de feminino e non debemos esquecernos deste patrimonio tan valioso. 

Accede aquí ao albúm de fotos da montaxe.

A MARIÑA PENSANDO EN FEMININO
 
INDUSTRÍA 1. Fundición de Sargadelos 2. Cetaria 3. Lonxa de Burela 4. Mina da Silvarosa 5. Alcoa GASTRONOMÍA 6. Torta de Mondoñedo 
ARTE 7. Cerámica de Sargadelos 8. Cerámica de Gudín 9. Cerámica de Regal 
HISTORIA 10. Catedral de Mondoñedo 11. Basílica de San Martiño 12. Igrexa da Vila do Medio 13. Casa indiana 14. Cova da Doncela 15. Casa de Pedrosa 16. Casa da Administración 17. A Roda 18. Porta Carlos V 19. Praza da Mariña 20. Pía de Cabo Burela 21. As tetas da Vinculeira 22. Pena Abaladoira 23. Pena da Roda 24. Cornería 25. Mámoa de Guillán 26. A Bañeira do Mariscal 27. Finca galea 28. A Mariscala 29. A Paula 
MONTAÑAS 30. Fraga Vella 31. Fraga da Vilapena 32. Fraga da Becerreira 33. A Frouxeira FESTAS 34. Festa indiana 35. Festa normanda 36. Festa castrexa 37. Maruxaina 38. Xira de Santa Cruz 39. Festa da Faba 40. Festa da Tortilla 41. Festa da Queimada 42. As San Lucas 43. As Quendas 44. Alfombras do Carme 45. Festa da Palabra 
FONTES 46. Fonte Vella 47. Fonte das Rosas 48. Fonte de Area 49. Fonte da Zapata ILLAS 50. Illa Pancha 51. As Portelas 52. As Chaciñeiras 53. As Salseiras 54. Illa Coelleira 55. Illa Gabeira 56. A Insúa PONTES 57. Ponte da Misericordia 58. Ponte da Cazolga 59. Ponte da Marisma 60. Ponte dos Santos 61. Ponte do Pasatempo 
PUNTAS 62. punta da Atalaia 63. Punta Roncadoira 64. Península da Paz 
PRAIAS 65. Praia de Augas Santas 66. Praia da Rapadoira 67. Praia de Covas 68. Praia da Marosa 69. Praia de Anguieira 70. Praia das Pasadas 71. Praia de Lóngara 72. Praia de Area PROFESIÓNS 73. Redeiras 74. Palilleiras 75. Mariscadoras 76. Xogadoras de fútbol sala 77. Percebeiras 78. Batukeiras 
MULLERES 79. Almudena Rodríguez Fernández 80. Marina Mayoral 81. Antía Yáñez 82. Olalla Cociña 83. Rebeca Maseda 84. Olga Castro 85. Rosalía Castro 86. Laura Blanco 87. Paz Rodríguez Silva 88. Faustina Sollosa 89. María Sarmiento 90. Mercedes Rodríguez Moreda 
VILAS 91. Vilanova de Lourenzá 92. Burela 93. Foz 
PALABRAS 94. Xógara 95. Rasa Cantábrica 96. Furna 
PESCA 97. Pescada 98. Sardiña 99. Confraría 100. Conserveira
Distribuir contido


by Dr. Radut