O luns estará rematado un mural que leva por título "O berro vegliota" da autoría do artista Iago Eireos, fundador de Espazo Lupa Arte.
O curso pasado a Deputación de Lugo daba a oportunidade aos colexios e institutos lucenses de solicitar que se pintase algún muro dos centros educativos.
A temática era unha homenaxe a Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985), que foi un pintor e ilustrador de cómics.
As doce pinturas que configuran a banda deseñada O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño relatan, metaforicamente, as agresións que reciben as linguas minoritarias. O vegliota é unha lingua que se falaba na zona de Dalmacia, na actual Croacia; unha lingua románica en extinción. Nos anos setenta, cando Patiño realizou esta obra, falábana unicamente medio centenar de persoas. Partindo deste dato, Patiño constrúe un relato-denuncia da represión que sufriu a lingua galega durante o franquismo. Trátase dunha contundente crónica satírica, na que aparecen o Papa e o Pentágono perseguindo ao último falante de vegliota para exterminalo. Está considerada a obra fundacional do cómic galego, e de aí a homenaxe que se lle quere render a Reimundo Patiño en colaboración cos centros educativos, pola súa defensa das linguas minoritarias e, especialmente, do galego.
BUSCADE ESTE LUNS ONDE ESTÁ A SORPRESA NOS MUROS DO INSTITUTO!