Skip to Content

Biblioteca

Concurso Taboleiros de Nadal 24-25

Convócase unha nova edición do concurso Taboleiros de Nadal. 

Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor.

Poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. 

A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que se enviou ao correo en Vicedirección ou Secretaría. 

As normas son as seguintes: 

1. Decorade o taboleiro da aula. Valorarase a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade. Polo tanto, facede uso de materiais naturais ou reciclados. 

2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 

3. En canto a materiais, PROHÍBESE a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. Non se pode poñer nada fóra del.

5. O luns 16 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Que o espírito do Nadal entre nas aulas!

Entrega de premios do concurso de catrinas e de audiorrelatos de medo do Samaín

 
Lembrade que o luns 18 de novembro entréganse os premios de catrinas e tamén os de audiorrelatos de medo creados con motivo do Samaín e emitidos en Proxecto Neo: https://proxectoneo.blogspot.com/.../proxecto-neo-435... 
Podedes escoitalos no programa do minuto 7:20 ao 10:30. 
 
No concurso de catrinas, as votacións foron tan igualadas que houbo empate no segundo posto polo que se entregarán tres accésits. 
  
Parabéns pola súa creatividade aos gañadores e gañadoras de ambos concursos!

Anótate para participar nun obradoiro de decoración de Nadal con arxila!

Os mércores 20 e 27 de novembro e 4 de decembro no recreo e na aula de Plástica, a 402, poderedes participar nun obradoiro de decoración de Nadal para elaborar adornos con arxila.
 
Só hai 20 prazas. Anótate na folla de inscrición colocada na columna da entrada do edificio 1 antes do venres 15 de novembro. 
 
Andrea, a profesora de Educación Plástica será a encargada de impartilo. Ela informarate se tes calquera dúbida. 
 
O alumnado de 1º ESO non pode anotarse neste obradoiro porque xa vai elaborar os adornos na propia hora de Plástica. 

Novembro, mes da ciencia en galego: videoconferencias de Igaciencia

Durante novembro, celebramos o mes da ciencia en galego. Xa inscribimos o centro para poder conectarnos ás videoconferencias de Igaciencia que terán lugar os martes 12, 19 e 26 de novembro ás 12:00h. Esta é a información de cada unha das videoconferencias deste ano, que versarán sobre Astronomía.  

O profesorado interesado ten a continuación os enlaces para as videoconferencias co seu alumnado: 

Augusto Pérez Alberti: https://youtube.com/live/QV7L_HNgJ5s?feature=share
Begoña Vila Costas: https://youtube.com/live/pdfUg_A4mjU?feature=share
Ana María Ulla: https://youtube.com/live/-MfDKA1T_S4?feature=share

Celebrando o Día das Escritoras: Escritoras ocultas da literatura castelá


 
Co gallo do Día das Escritoras, o alumnado de 4º ESO A e 1º BAC A adicou un tempo da materia de Lingua castelá e Literatura a descubrir “escritoras ocultas”. 
 
Na Idade Media, a todos nos soan as obras e os nomes do Arcipreste de Hita, de Gonzalo de Berceo, de don Juan Manuel ou de Fernando de Rojas. Pero a ningúen, ou a moi poucos, nos soan nomes como Leodegunda (calígrafa galega e escritora do s. X), Leonor López de Córdoba (as súas Memorias son uns dos primeiros escritos autobiográficos europeos) ou Teresa de Cartagena (autora do primeiro texto feminista en castelán), entre outras.

Día da Saúde Mental 2024

O alumnado de 3º ESO de Educación en Valores Cívicos e Éticos preparou un vídeo para conmemorar o Día da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. Coa axuda da súa profesora Lara Oliveros dannos algúns consellos para coidar o noso benestar emocional. 

Celebrando o Día das escritoras - Escritoras francófonas presentes en BiblioPerdouro

Para celebrar o día das escritoras, as alumnas de 1º de Bacharelato de Francés puxéronse a investigar a ver cantas escritoras francófonas están presentes e accesibles na nosa biblioteca de BiblioPerdouro. Resultado: 16 mulleres.

Aquí deixamos a recollida gráfica cunha pequena sinopse das autoras así como das súas obras presentes na biblioteca. Pica na ligazón para acceder ao noso fondo de préstamo.

Cóntanos un relato de terror

Cóntanos un relato de terror de 1 minuto e poderás gañar un premio. 

Envía o teu audio en formato MP3 a traballosmaruxia@gmail.com ata o luns 28 de outubro. Indica no correo o teu nome e apelidos e o curso ao que pertences. 

O concurso está aberto a todo o alumnado do centro

Anímate a participar!

 
 

Xogo de pista especial Xogos Olímpicos

Quedan 10 días para celebrar os Xogos Olímpicos de París 2024. Nós, no Perdouro, anticipámonos o pasado 24 de abril e organizamos un xogo de pistas onde o alumnado de 2º de ESO de francés tivo que medir as súas destrezas lingüísticas en dito idioma así como as súas habilidades físicas nas distintas competicións deportivas que lles tiñamos preparadas: carreira de sacos, de relevo e de obstáculos ou mesmo lanzar á canastra bólas de ping-pong. O alumnado de 4º de ESO de francés fixo de monitores e de xurado durante toda a proba. Cada grupo clase tiña 50 minutos para seguir as instrucións do xogo e conseguir chegar á meta final. 

Aquí deixamos unha completa reportaxe fotográfica do que foron os nosos JO FLEPerdouro.

Agradecemos ao departamento de Educación Física por deixarnos o material para as carreiras e queremos felicitar ao dpto de Fabricación Mecánica pola impresión 3D das medallas dos Xogos Olímpicos, réplicas das oficiais de Paris 2024.

 

CHAMPIONS et CHAMPIONNES DES JO FLEPERDOURO

Moito aprenderon á vez que se esforzaron física e intelectualmente. Cituis, Altius, Fortius -Communiter « Plus vite, plus haut, plus fort – ensemble ».

Parabéns por prestarvos ao xogo con ilusión.

Inicio dos Xogos Olímpicos de Paris 2024 Venres 26 de xullo de 2024 ás 20:16 h.

Actualizado o podcast das Saídas escolares IES Perdouro

Xa está actualizado o podcast das saídas escolares do IES Perdouro, que inclúe 4 audios orixinalmente emitidos no programa Proxecto Neo. 

Deixamos aquí a ligazón.

 

Vídeos do Coro da Emocións de Educación Responsable 2023-24

A Educación Emocional é un dos piares do proxecto educativo do IES Perdouro e desde hai anos o profesorado recibe formación que repercute nas actividades desenvolvidas co alumnado. Unha das actuacións que se levaron a cabo durante este curso e o anterior foi a participación no programa Educación Responsable. Concretamente, a aportación do departamento de Música leva por nome "Coro das Emocións". 

Trátase dun recurso educativo destinado a desenvolver, a través do canto coral, as habilidades emocionais, sociais e creativas que constitúen o obxectivo do programa de Educación Responsable. Neste coro pode caber todo o alumnado porque é o momento de gozar da música en grupo independentemente das aptitudes musicais de cada un. O grupo fai medrar musicalmente e axudamos ao grupo a consolidarse e todo isto... ao mesmo tempo que o pasamos ben! 

Cando os ensaios rematan, chega o momento de completar o proceso formativo e artístico do coro. Dende o primeiro día os nosos alumnos senten que co seu esforzo persoal, talento e creatividade poden aportar moito ao conxunto final e nos vídeos así o demostran. Esta actuación final baséase en dous piares, o musical e a posta en escena. Desfrutemos do traballo feito polos tres grupos de 2º ESO e a súa profesora Patricia! 

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 30

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 30 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

 

Esta mañá, a biblioteca abriu as súas portas para recibir un evento moi esperado: a presentación da revista escolar Maruxía. A alumna de 4º ESO TIC, Iria Jacomé, foi a encargada de conducir o acto.

Durante a presentación, Alba F. Quelle e Alberto Núñez explicaron como o equipo traballou arreo para sacar adiante a número 30. Ambos destacaron a importancia do traballo en equipo e a colaboración constante para superar os retos que se presentaron ao longo do proceso de elaboración da revista.

A nova edición da Maruxía inclúe unha ampla mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro, reflectindo o talento e a creatividade dos estudantes. Ademais, recóllense os premios do XVII Concurso de Relato Curto e Poesía e do XV Concurso de Imaxe, convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos". Estes certames son unha plataforma importante para fomentar a creatividade e o talento artístico entre os alumnos.

A nova edición da Maruxía é un reflexo fiel do esforzo colectivo e da creatividade dos estudantes do Perdouro.

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Noé Vázquez, coordinador do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Djessica Tavares Pereira Barbosa (portada) e Álvaro Guisande Rego (traseira).
 

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada polo compañeiro Fernando Losada, AQUÍ.

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Maruxía nº 30 - Desvelamos as portadas gañadoras

Os alumnxs de 4º de ESO TIC capitaneados por Natalia Irimia e Natalia Aldegunde remataron estes días de compoñer o número 30 da revista MARUXÍA. Xa está na imprenta.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro venres 21 de xuño ás 11h30.

Desvelamos a portada e o dorso da revista deste ano.

Parabéns a :
- Djessica Tavares Pereira Barbosa, alumna de 4° ESO - portada
- Álvaro Guisande Rego, alumno de 4° ESO - dorso

 

 

 

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "As viaxes":

XVII Concurso literario da As. Cultural Os Matos 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Dani Borrajo Trelles (1º ESO A)
  • 2º premio: Nicolás Amorín Vázquez (1º ESO A)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (2º Bach.B)

POESÍA:

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

XV Concurso de Imaxeda As. Cultural Os Matos

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (4ºESO A)

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Djessica Tavares Pereira Barbosa (4ºESO C) 
  • Alvaro Guisande Rego (4ºESO A)

Moitos parabéns a todxs!

Actividades de Educación emocional por niveis educativos

Durante este curso leváronse a cabo distintas actividades de Educación emocional que foron propostas para cada curso das distintas etapas educativas. 

A continuación presentámosvos a planificación temporal no cadro. No enlace podedes acceder á explicación de cada actividade. 

Distribuir contido


by Dr. Radut