Dividímonos en varios grupos e organizamos a mañá en dúas partes. Así, cada equipo podería realizar dúas das prácticas relacionadas coa investigación que nos ofrecían. Aprendemos sobre o proteoma e a impresión 3D aplicada á saúde. Tivemos ocasión de ver peixes cebra nas súas primeiras etapas de crecemento, nas cales non senten dor nin estrés. Deste xeito, pódese traballar con estes pequenos organimos para avanzar no campo da oncoloxía.
En diferentes actividades practicamos o uso de micropipetas e o traballo con volumes. Os expertos explicáronnos como de pequenas eran as magnitudes que manexan acotío e observamos medidas de ata nanolitros.
Na actividade relacionada coa cardioloxía, aprendemos sobre a importancia de levar unha dieta equilibrada ao observar exemplos de corazóns afectados pola mala alimentación e diferentes biopsias líquidas.
O IDIS é un centro interdisciplinar onde colaboran dende biotecnólogos e biólogos ata informáticos e fisioterapeutas. Traballan día a día investigando para conseguir aplicar as súas conclusións ao ámbito da saúde, de aí o seu carácter translacional. Así, puidemos aproveitar os consellos e o exemplo de expertos para enfocarnos mellor no noso futuro. Desfrutamos e aprendemos moito nesta saída e, sobre todo, tivemos a oportunidade de adentrarnos no mundo científico do xeito máis entretido, ademais de tomar conciencia da importancia que ten o traballo dos investigadores nas nosas vidas.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Carla Paz Trelles - 1º Bacharelato A