Skip to Content

A Intelixencia Artificial abre a nosa biblioteca ao mundo

No curso 2023-24 realizamos un novo traballo colaborativo empregando a biblioteca como punto central do proxecto, a metodoloxia baseada en proxectos e a intelixencia artificial.

A finalidade deste proxecto interdisciplinar consiste na elaboración dun asistente virtual (chatbot) que achegara a biblioteca tradicional á sociedade utilizando técnicas máis actuais de xeito que cumpra a súa función e facilite o acceso a todo tipo de usuarios/as.

A través da biblioteca realizamos as investigacións necesarias para levar a cabo o proxecto. Mediante a busca e tratamento de información conseguimos elaborar o proxecto de deseño do asistente virtual, as preguntas e respostas necesarias para abranguer toda a información que poden precisar as persoas usuarias da biblioteca ou a cidadanía ao demandar os recursos e servizos do centro.

A elaboración do chatbot e a dotación do mesmo de intelixencia artifical para que interactúe co usuario/a foi levada a cabo polo alumnado de 4º ESO da materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade.

A mascota, que representa ao asistente virtual, realizouna o alumnado de 1º ESO de EPeV empregando como referencia o logo do centro.

Para dotar o asistente de coñecementos de idiomas o alumnado da materia de Inglés realizou as traducións da información.

O alumnado de Lingua Galega e o EDLG colaboraron na revisión lingüística dos textos informativos e o alumnado de 4º ESO de Dixitalización encargouse de darlle difusión ao proxecto a través do blog Perdourando e da revista escolar Maruxía.

O interese que espertou este proxecto fixo que se ampliara o asistente virtual, polo que se realizou unha extensión do mesmo á páxina web do centro. Isto levouno a cabo o alumnado de TIC II de 2º de Bacharelato.

Para conseguir todo isto foi precisa a colaboración de todos os departamentos do centro, para facilitar a información, e das familias, para detectar as necesidades das mesmas en canto á inforamción que necesitan do centro como usuarios do mesmo, da biblioteca e do programa Lectura e Familias.

A presentación oficial do chatbot fíxose na III Feira TecnoCienciArte do IES Perdouro.

Este proxecto serviulle ao alumnado para ver a importancia do traballo colaborativo no relativo a compartir ideas, razoar, tomar decisións, buscar e contrastar distintas fontes de información, coordinarse e ser conscientes, por un lado, das posibilidades que ofrece a intelixencia artificial de cara a facilitar o acceso dos/as usuarios/as á biblioteca e á información do centro e, por outro, do coidado que se debe ter coa mesma en canto á infomación que se manexa e á protección de datos.

Aínda así, debido á súa complexidade, este asistente virtual está nunha fase inicial que se irá completando no seguinte curso co fin de que aprenda e teña o poder suficiente para interaccionar con naturalidade e precisión cos usuarios/as.

A biblioteca foi, de novo, o centro neurálxico para que a IA se convertese nun chatbot que reúne toda a información aportada polo alumnado, os departamentos didácticos e as familias para poder abrir a nosa biblioteca ao mundo.

 



page | by Dr. Radut