O 10 de maio celebrouse o acto final da participación do IES Perdouro na campaña "Aquí tamén se fala". Durante o 2º e o 3º trimestre o alumnado de 3º ESO traballou nesta iniciativa compartindo labor con estudantes de 4º ESO do IES Monte Castelo.
En primeiro lugar, informáronse sobre esta iniciativa do IES Rafael Dieste da Coruña. Aquí tamén se fala reuniu este curso a máis de 200 centros educativos de toda Galicia para demostrar que o galego se emprega na atención ao público en comercios, institucións etc.
Nunha primeira fase o alumnado recolleu datos realizando enquisas en numerosos establecementos de Burela. Unha vez analizada esta información, na segunda fase, procedeuse ao reparto de carteis. Para iso, reunímonos cos nosos compañeiros do IES Monte Castelo o venres 10 de maio na praza do Concello, onde nos acompañou a alcaldesa, Carmela López, e o tenente da alcaldesa, Mario Pillado. Tamén estivo representada a ACIA de Burela e o Burela FS, que promocionou a campaña con varios vídeos de xogadoras e xogadores.
Despois da presentación do acto na praza do Concello e da lectura compartida de alumnado dos dous centros educativos da vila, a rapazada percorreu as rúas entregando os carteis da campaña en establecementos, organismos e institucións.
A campaña foi un éxito en Burela, porque AQUÍ TAMÉN SE FALA!
Podedes acceder ás imaxes deste día AQUÍ.