Skip to Content

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

O pasado mécores 16 de novembro o alumnado de 3º de ESO recibimos a visita do escritor e poeta Carlos Negro. Este encontro literario estivo subvencionado polo Ministerio de Cultura. O noso centro foi o primeiro de Lugo en acoller esta actividade. Así, tamén nos visitou o alcalde de Burela e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. 
Primeiro, Carlos amosounos parte das súas obras, como Maquinaria e Masculino singular. Este último poemario protagonizou o tema principal da exposición, “Modelos de masculinidade, unha viaxe cara á igualdade”. Explicounos moitos detalles sobre este tema, coma que, aínda estando no século XXI, seguen aparecendo mensaxes machistas nas redes sociais ou na publicidade. Púxonos algúns dos primeiros exemplos feministas que el recibira durante a xuventude e destacou o feito de que unha persoa non é culpable se é educada nunha desigualdade, pero si de continuala. Por iso, contounos que confiaba en que a nosa xeración fose capaz de cambiar o mundo de xeito que todos vivamos en igualdade. 
 
Carlos tamén nos recitou algúns poemas doutros autores e, finalmente, deunos a elixir entre varias actividades que formaban parte do obradoiro de poesía e cada un de nós compuxo os seus propios versos. 
 
Esta actividade foi moi entretida e dinámica en canto á forma que tivo Carlos Negro para transmitirnos a súa arte e coñecementos, por iso nos gustou moito este encontro.
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ
 
Carla Paz Trelles - 3º ESO A

Horto escolar e xeoloxía práctica

O alumnado de 4º ESO está facendo a súa plantación de outono nas mesas de cultivo. 

A ver que rica colleita temos en poucos meses no horto escolar!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

  
Desde o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, elaboraron fallas e pregamentos. 

O alumnado de 4º ESO modelou con plastilina exemplos de diversas formacións rochosas nas que se aprecian as fracturas das fallas e as dobreces dos estratos nos pregamentos. 

Podedes ver uns traballos ben vistosos AQUÍ

 

Faladoiro con Bibiana Candia, autora de "Azucre"

O luns 21 de novembro recibiremos na biblioteca á escritora coruñesa afincada en Berlín Bibiana Candia, autora da novela "Azucre".

A novela relata ficcionalmente a expedición de 1.700 galegos a traballaren como escravos en Cuba, promovida por Urbano Feijóo de Sotomayor.

A ficción de base histórica foi merecedora de varios recoñecementos: 

- Premio Nollegiu ao mellor libro de narrativa en castelán 2021, 

- V Premio das Librerías de Navarra ao mellor libro en castelán de 2021,

- Premio á mellor obra escrita en castelán no 35 Festival du Premier Roman du Chambéry ,

- Premio Espartaco 2022 á mellor novela histórica na Semana Negra de Xixón.

Se queres achegarte o proceso de investigación e redacción da novela, mira a seguinte entrevista:

Premio ao Proxecto con metodoloxía científica concedido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares

Acabamos de saber que o noso proxecto "Construbot_Comeza a partida" de 4º de ESO no curso 21-22 foi recoñecido co Premio aos Proxectos con metodoloxía científica no VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. Estamos moi ilusionados co premio!!!!

Ruta "Coñece a túa vila" con podcast incluído

O pasado venres día 4, o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro fomos de andaina por Burela. Saímos do instituto ás 9:20, acompañados polos profesores Fernando, Begoña, Eva e Carmen, ademais da profesora xubilada de Xeografía e Historia Maribel Crecente, que fixo de guía durante o camiño.
Primeiro, organizámonos en grupos de 5, nos que tiña que haber rapaces e rapazas, para responder ás preguntas que Maribel nos ía facendo en cada parada. Por cada acerto recibiamos unha bóliña e, ao final, o equipo que tivese máis boliñas gañaba unha bolsa de bombóns. Comezamos o paseo pola zona vella de Burela, a Vila do Medio, onde Maribel nos falou das primeiras capturas que se fixeron en Burela: balea, sardiña e bonito, nesa orde; ademais de falarnos do río de Burela, o Rodil. 
 
Se queres seguir lendo a crónica de Sofía Ben Martínez, accede ao blog Perdourando.
 
Podedes acceder ao álbum AQUÍ
 
E temos unha novidade: as impresións sobre a ruta nun podcast emitido no programa Proxecto Neo de Radio Burela do mércores 9 de novembro. 
 
Sofía Ben Martínez, 1º ESO B

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Temos programado un obradoiro de poesía con Carlos Negro que terá lugar na biblioteca no centro o vindeiro mércores, día 16 de novembro. A actividade que vai destinada ao alumnado de 3º ESO estimulará a escritura creativa. O poeta falaralles dos roles, dos estereotipos de xénero, de igualdade e das "novas" masculinidades. 
 
Se queres coñecer parte da súa obra, podes atopar os seguintes exemplares na biblioteca.

Poesía:
- Makinaria (2009). Xerais.
- Penúltimas tendencias (2014). Xerais.
- Masculino singular (2016) Xerais.
- Aplicación instantánea (2018), Xerais.

Narrativa:
- Non cantan paxaros neste bosque
(2021). Xerais.

Visita a Samos e ao Cebreiro

Saímos do instituto sobre as 8:25h cara á abadía de Samos (igrexa de San Xillao e Santa Basilisa), na provincia de Lugo, a unhas dúas horas de Burela. O primeiro que fixemos ao chegar foi ir tomar a merenda de media mañá e logo fomos ata o mosteiro. Alí recibiunos un monxe e empezounos a explicar un pouco toda a historia da abadía, pero moi brevemente xa que só durou corenta minutos.

Contounos que o mosteiro era beneditino e que os monxes viven dentro e saen moi pouco. O estilo da fachada é fundamentalmente barroco. Ten columnas pareadas e simétricas e un óculo xusto encima de San Bieito (figura situada enriba, no medio da fachada). O fundador foi San Martiño de Dumio.  

O irmán Lorenzo, que así se chamaba a persoa que nos fixo de guía, explicounos por que partes estaba formado o edificio.

Se queres seguir lendo a crónica, podes ir ao blog Perdourando

Podes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.

Alba Fernández Quelle - 3º ESO A

Comeza o mes da ciencia en galego

Novembro é o mes da ciencia en galego. 

Desde Igaciencia ofrécennos unha serie de videoconferencias:  

      • O verán do 2022, extremos climáticos sen control? "De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima" Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, da RAGC. Día 4 de novembro, ás 12 horas.
      • Mergullámonos no óceano do futuro? Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo. Día 21 de novembro, ás 12 h.
      • A pegada do home e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia. Dr. Fran Canosa, divulgador da Xeoloxía de Galicia. Día 25 de novembro, ás 12 h. 
      • Cambio climático e sistema alimentario. Por Dr. Luís Díaz Allegue, investigador. Día 28 de novembro, ás 12 horas.
 
A primeira é xustamente o venres 4 de novembro, Día da Ciencia en galego. 
 
Este é o ENLACE para conectarvos a un directo de YouTube no que poderedes acceder á videoconferencia "O verán de 2022, extremos climáticos sen control? De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima". 
 
A partir das 12:00h o profesorado que estea interesado pode acceder á videoconferencia na súa aula. 

Intercambio do Departamento de Francés co Lycée René Descartes de Rennes

Emprendemos novamente os intercambios do dpto. de Francés e contamos para este ano co Programa EduExchanges.
Novo socio: Lycée René Descartes de Rennes, capital da Bretaña francesa.
Témoslles preparado un completo programa de actividades.
Son 36 alumnos de 2º de bach Bachibac que acollemos en Burela nas casas do noso alumnado de 1º de Bach. do 13 ao 20 de outubro de 2022.

Día 1 - Acollida en Burela (14/10/22)
María José Pardiñas, directora, recibiu na biblioteca do centro o alumnado de 2º de bacharelato Bachibac acompañado polos seus profesores Raoul Gómez e Paúl Coronado. Entregoulles un dossier informativo das visitas por Galicia ao longo da súa estadía. Logo o grupo visitou o barco museo Boniteiro da mán de Lino e tamén  coñeceu de preto o traballlo artesanal das Redeiras.

Día 2 e 3 - Fin de semana en familia

Día 4 - Viaxe a Santiago (17/10/22)
Non podía faltar no programa a visita a este conxunto patrimonio mundial da humanidade. Foi un día de paseo polas rúas do casco antigo, polo interior da catedral, polo claustro, museo e polas cubertas para terminar cunha contemplación da obra faraónica do mestre Mateo, o Pórtico da Gloria.

Día 5 - Costa da Mariña (18/10/22)
Un día soleiro esperaba polo grupo en Sargadelos onde visitaron o complexo histórico guíados polo noso compañeiro Toño Blanco e entraron na tan prestixiosa fábrica para observar todo o proceso de fabricación desta valiosa cerámica.
Xa en San Cibrao, interesáronse pola Carpintería de Ribeira de Francisco Fra e pola colección do Museo do Mar.
Logo de xantar na praia xunto a Maruxaina, viaxaron ata a praia das Catedrais onde mollaron mais cos pantalóns!!!!

Día 6 - Burela Despedida (19/10/22)
Unha mañá de moita auga e vento truncou o programado. Pero na biblioteca tiñamos plan B para os bretóns: primeiro resolveron por equipos un scape room sobre igualdade que tiña preparado a nosa coordinadora pola Igualdade Carmen Sampedro. Mediron as súas destrezas e axilidades cos xogos de mesa da aula PT que lles deixou Pilar Cebeiro. Foron polas aulas do centro e coñeceron algún taller.
Pasaron o recreo no centro, houbo sesión de fotos. Remataron a mañá nun encontrro institucional no concello onde Alfredo LLano lles convidou a volver.
Da derradeira tarde noite por Burela, sabemos que ata tarde estiveron ceando e paseando.

Accede aquí a completa reportaxe fotográfica.

Accede aquí a pequena crónica na web do Lycée Descartes.

Viaxe a Palas de Rei e Vigo do alumnado de ciclos de Administrativo

O 5 e 6 de outubro o alumnado de 2º CM Xestión Administrativa visitou a empresa Jim Sports situada en Palas de Rei e adicada á comercialización de produtos deportivos e a creación de instalacións deportivas e á feira internacional de produtos de mar conxelados (CONXEMAR). As súas reflexións sobre o visto e aprendido foron estas: 

“Esta experiencia gustoume moito, vin empresas de diferentes culturas, descubrín lugares e comidas de distintas partes do mundo polo que foi moi gratificante”. (Alba Barreira Rodríguez) 

“Conxemar para min foi una inspiración, ver executivos reunidos na realidade e non nunha película e encontrarte con persoas que che explicaban o que facían con esa paixón e ganas. Tamén me gustou a experiencia de probar comida e coñecer un rincón doutros países ou simplemente pasar dunha esquina a outra e estar nun país dintisto. É unha experiencia que lle recomendaría a todo mundo. Ademais, que aumenta a túa creatividade. Podes coller ideas para o futuro”. (Eunice Sanches Monteiro - Eli) 

Podes continuar lendo esta e outras crónicas no blog Perdourando. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.



by Dr. Radut