Skip to Content

Celebramos o Día da Terra

Para conmemorar o 22 de abril, Día da Terra, o alumnado de 2º de ESO de Reforzo estivo preparando o rosco "Non pases do planeta" e convídannos a xogar e a resolver as 22 definicións escollidas por eles.  A ver se sodes quen de atopar todas as respostas!

Día Internacional das rapazas nas TIC

O alumnado de 2º de ESO participará nunha multiconferencia web onde terá a oportunidade de coñecer a catro referentes galegas que lles contarán polo miúdo o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos. 

 
Non sabedes o que é o día das Rapazas nas TIC? É unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que inclúan o ámbito das TIC no seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
 
AQUÍ podedes acceder ao mapa dos centros participantes. 

Ruta xeolóxica por Burela

O 23 de marzo, o alumnado de 4° ESO e 1° de bacharelato fixemos un roteiro xeolóxico dirixido por Fran Canosa, un xeólogo galego. 

Ao comezo do roteiro, explicounos que, na nosa vila, hai unha Burela granítica e outra non granítica. Comezamos visitando a zona granítica. 

Fomos ata o paseo marítimo. Ao longo deste pódense apreciar diferentes tipos de rochas como o granito, a rocha propia desta zona. Déunos información sobre os seus materiais e ensinounos a distinguilos por cores na propia rocha tendo o cuarzo unha cor agrisada; o feldespato, cor branca e a mica, a súa usual cor negra. Tamén nos a ver distintos modelados que teñen as rochas do paseo. Vimos que moitas delas presentaban pías e acanaladuras sendo estas modeladas pola acción da auga. As pías eran como unha especie de pozas onde se depositaba a auga e as acanaladuras, os desaugadoiros.

 Ademais, pódense observar nunha zona do paseo unhas rochas cunha forma máis ou menos redonda que parece case perfecta, formadas no interior da Terra e que, posteriormente, saíron á superficie. Chámaselle Pena do Neno porque a rocha grande semella unha nai que está collendo a un neno, que é a rocha pequena que está enriba. 

Tamén nos atopamos con filóns e diques, que son corpos rochosos que cortan outras rochas nas que se encontran. Segundo a velocidade de arrefriamento dos minerais, poden ser aplitas ou pegmatitas. Preto destes corpos rochosos, atopamos unhas rochas cortadas dunha forma peculiar xa que semellaban unha tableta de chocolate ao estar cortadas en cadrados perfectos que semellaban onzas. 

Xa na Burela non granítica, atopámonos con outras estruturas xeolóxicas. Puidemos observar pregos antiformes (con forma de A) e sinformes (con forma de U); como estaban repregados sobre si mesmos, non puidemos saber cales eran sinclinais e cales eran anticlinais. É importante sinalar que os nosos pregos son un Global Geosite de España, o que quere dicir que é un dos lugares de interese xeolóxico internacional propostos como candidatos a representar o patrimonio xeolóxico. 

Por último, visitamos a praia do Perdouro e nela puidemos observar numerosos cantos rodados, que son fragmentos de rocha puídos e soltos, susceptibles de ser transportados por medios naturais, como as correntes de auga, os corrementos de terra etc. 

Tamén puidemos ver os arcos, que foron resultado das ondas que erosionaron selectivamente a rocha, gastando a maior velocidade a rocha fracturada máis branda e máis elevada. 

Foi unha ruta moi positiva, xa que nos serviu para coñecer máis sobre a xeoloxía presente na nosa vila, que descoñecíamos a pesar de vela case a diario. 

Podes acceder ao álbum das preciosas imaxes desta ruta AQUÍ

Dámari Carballo Dorado - 1º Bacharelato A

As plantas aromáticas do IES Perdouro

O alumnado de 2º ESO PMAR coa axuda da súa profesora Rosa estivo confeccionando un glosario das plantas aromáticas plantadas polo alumnado de 1º de ESO  no noso novo horto escolar. 

Aquí tedes: 

 

 

Celebración do Día do Libro

O venres 22 de abril con motivo da celebración do Día do Libro, o alumnado de 3º ESO asistiu á lectura de textos relacionados coa cultura greco-latina. 

O alumnado de Cultura Clásica leu mitos e poemas para dar a coñecer personaxes e tramas que forman parte da Literatura universal e que todos deberiamos coñecer formando así parte do noso acervo cultural común. 

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

Falan de nós na prensa: gañadores da fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española

  El Progreso, 24 de abril de 2022

 

Combater as noticias falsas

Esta mañá, Ángel Vizoso, investigador da Facultade de Ciencias da Comunicación, impartiu unha conferencia sobre noticias falsas. O alumnado de 1º de bacharelato aprendeu a desconfiar das noticias e de aprender a contrastar sempre as fonte da información. O xornalista explicou os intereses que existen destras da desinformación e dos bulos que circulan polas redes sociais con fins ideolóxicos e económicos.
En definitiva, temos que ser escépticos constantemente, ter moita cautela coas fontes descoñecidas ou anónimas e non participar da difusión das noticias falsas.

 

Accede ao álbum de fotografías AQUÍ.

Entrevista a Angel Vizoso na Voz de Galicia (16/05/20)

Mes da muller: Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

O día sete de marzo visitounos Antía Yáñez nas aulas de 1º ESO e ensinounos a facer varias actividades. 

Primeiro deunos uns papeis cuns textos dun concurso. Eses textos fómolos lendo e foinos contando de que trataban e entre todos conseguimos entendelos. Centrábanse na violencia machista, nas diferentes orientacións sexuais e incluso había un protagonizado por un gato e un láser que nos fixo moita graza. Despois explicounos que, para escribir unha historia, existen dous procedementos: algúns poñen primeiro en esquema a idea central e despois fan o deseño de personaxes e outros fan á inversa. 

Finalmente, deunos unha ficha de personaxes para que nós creásemos un -o que quixéramos- para máis tarde escribirmos un relato. Tamén dixo que non era necesario cubrir todas as preguntas, só as básicas. Cando se esgotou o tempo, despedímonos dela e démoslle as grazas por vir. 

A verdade é que o pasamos moi ben.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ

Noa Burgos Pernas - 1º ESO A

Catálogo fotográfico da flora do IES Perdouro en Wikimedia Commons

Como unha das actividades da materia de Cultura Científica de 4º ESO (A e B), realizamos un álbum botánico da flora das diferentes zonas do patio do IES Perdouro. Para isto, empregamos a aplicación PlantNet (dispoñible en Google Play e Apple Store) que nos permitiu identificar a especie de cada exemplar.
Tras sacar unha foto co móbil, eliximos o órgano (folla, flor, talo...) no que nos fixaremos e obtemos unhas porcentaxes coa probabilidade de que a planta sexa dunha especie ou doutra. Tiñamos que escoller a base de datos e empregamos as seguintes: Flora mundial, Europa Occidental, Plantas útiles e Plantas invasivas. 
 
Para asegurarnos de que era esa especie, só aceptamos valores iguais ou superiores ao 80 % en dous ou máis móbiles (de cada parella ou grupo de 3). 
 
Para unha mellor localización das plantas, dividimos o patio en varias zonas: ESCALEIRAS DEREITA, CAFETERÍA, TRASEIRA C, ENTRADA... 
 
Tras anotar nun caderno as especies, escollemos as mellores fotos identificadas e publicámolas nun álbum de Wikimedia Commons. Animádevos a miralas, alí están incluídas as plantas do IES Perdouro en grandes grupos (Pteridófitas, Ximnospermas, Monocotiledóneas e Dicotiledóneas) e, dentro deles, por orde alfabética. 
 
Alumnado de Cultura Científica - 4º ESO A e B

O 27 de abril remata o prazo para os concursos da A. C. Os Matos

Aberto o prazo dos concursos anuais da nosa asociación cultural Os Matos. Ata o 27 de abril. Anímate e participa. Hai primeiro e segundo premios nas tres categorías. Lembra: en lingua galega.

XV Concurso literario     
    + de relato curto 
    + de poesía
 
XIII Concurso de Imaxe

Concurso Portada Maruxía nº 28



by Dr. Radut