Skip to Content

Visita a Lugo do alumnado de Cultura clásica e Latín

O pasado 10 de xuño, os alumnos de Cultura Clásica e Latín, acompañados das profesoras Efigenia e Sonia, fixeron unha saída a Lugo para visitar diferentes museos: o Centro Arqueolóxico San Roque –onde vimos restos de tumbas de época romana-, a Casa dos Mosaicos –na que comprobamos como era unha domus romana-, a Sala de Exposicións Porta Miñá –onde vimos distintos restos arqueolóxicos sobre o Lugo romano– e o Museo Provincial –no que nos fixeron un percorrido polas salas máis interesantes como, por exemplo, a sala de Sargadelos ou a sala de ourivaría, na que puidemos contemplar o noso Torque de Burela. Tamén paseamos por parte da muralla e polo centro da cidade e contemplamos as distintas recreacións da época romana de Lugo a través da festa do Arde Lucus. 
 
Foi un día entretido e moi divertido!
 
Efigenia Maseda e Sonia Rey
 
Podedes acceder ás fotos AQUÍ
 

E conseguimos as mil grúas!


Parabéns, equipazo do Perdouro!!

Moitas grazas a todo o alumnado, profesorado e persoal non docente que colaborou para conseguir facer mil grúas de papel!

A proposta partiu de Sergio, representante do alumnado no Consello Escolar. E puxémonos mans á obra. Ao principio tiñamos que ir vendo un videotitorial, pero fomos collendo soltura e conseguimos facer 

MÁIS DE 1000!

Esperamos que o desexo se cumpra! Esperamos que gañe a esperanza!

Fixémolo por esa persoa que loita e quere saír adiante e, con este xesto, queremos animar tamén ao resto do noso alumnado que ten algún familiar cunha enfermidade grave. Aquí estamos para escoitalos, para ter en conta as súas emocións e para apoialos no que poidamos. 

Agora, tócavos descansar. Que sexades moi felices no verán!!

Podedes ver máis fotos AQUÍ

Acto de presentación de Maruxía 28 e entrega de premios da A. C. Os Matos

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 28 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Hoxe, 21 de xuño, celébrase o 40 aniversario do día europeo da música mais tamén celebramos a nosa festa anual das letras: a presentación da revista escolar Maruxía. Para abrir e clausurar o acto, Gabriela, Nerea, Roi e Samuel, músicos de 4º de ESO, deleitáronnos cunha actuación musical da súa elección.  A continuación, Simón Chao, Paula López M. e Félix Pérez, alumnado de 4º de ESO TIC, conduciron o acto e encargáronse de explicar como tiveron que traballar en equipo para poder sacar adiante unha nova edición da revista. Nela recóllense unha mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro así como os premios do XV Concurso de relato curto e poesía e do XIII Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos".

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos; Antón Niñe, presidente honorífico, e Natalia Irimia, coordinadora do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Jairo Vivero Varela  de 1º de ESO (portada) e Ana Lestao Ben de 2º ESO (contraportada)

Accede á reportaxe AQUÍ.

 

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Proxecto interdisciplinar: Construbot_Comeza a partida!

O alumnado de 4º da ESO confeccionou uns taboleiros de xogo construíndo e programando un robot dende cero así como as estratexias do xogo. 
O alumnado de Tecnoloxía encargouse do deseño, impresión, programación, cableado dos robots. 
 
O alumnado de Francés ideou as estratexias dalgúns taboleiros retando o robot a desprazarse polo taboleiro, a parar diante dun obstáculo e mesmo a bailar cando o xogo llo requiría. As tarxetas dos xogos están redactadas en varios idiomas: galego, castelán e francés.
 
Seguindo co traballo interdisciplinar, en Matemáticas, en Bioloxía, en Xeografía e en TIC, axudaron na creación das misións dos taboleiros para avaliar os coñecementos nestes campos. O departamento de Lingua Galega colaborou na revisión lingüística.

Foron moitos días de traballo en equipo con reparto de tarefas e respectando os prazos para que finalmente todo saíra listo para a súa divulgación na I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro celebrada nos días 14 e 15 de xuño. Foi todo un éxito. Pasaron polas mesas de xogo o alumnado de ESO e de 6º de primaria e foron quenes - non sempre - de completar o xogo.

Se queres ver o proceso, accede aquí á reportaxe fotográfica. 

Artigo publicado na Revista escolar Maruxía 28.

Maruxía 28 lista para a súa impresión

O equipo de maquetación de Maruxía composto polo alumnado de 4º de ESO TIC e liderado por Natalia Irimia rematou o número 28 da revista. Xa está na imprenta tras a revisión feita coa axuda do alumnado de Comunicación do Ciclo Medio de Xestión Administrativa.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro Martes 21 de xuño ás 10:10h na biblioteca.

Iª edición de Tecnocienciarte: grazas pola vosa participación

Acabou a primeira edición de Tecnocienciarte e queremos agradecervos o voso esforzo. 

O papel do numeroso alumando que explicou o seu traballo aos compañeiros estivo á altura. Expuxeron con moita claridade os seus proxectos e pensamos que os visitantes se divertiron e aprenderon. 

Cremos que foi unha boa experiencia e que é moi positivo para todos os departamentos poder sacar fóra da aula o resultado do seu labor durante o curso. O profesorado expositor acertou plenamente nos poñentes, sobre todo nalgúns, e o resto de profes tamén fixeron unha gran tarefa vixiando os grupos e repartíndoos para que todo funcionase sen acumulacións nas mesas. 

Intentaremos repetir a experiencia e mellorala tendo en conta as suxestións que fostes facendo. 

Podedes ver imaxes destes días AQUÍ.  

Visita do alumnado de 6º de EP do CEIP Virxe do Carme

O mércores 15 de xuño visitounos o alumnado de 6º de EP do CEIP Virxe do Carme. Foi recibido na biblioteca pola directora, Mª José Pardiñas, e polo xefe de estudos, Toni Galdo. Tiveron oportunidade de ver as instalacións do centro e de pasar por Tecnocienciarte, feira de tecnoloxía, ciencia e arte, que se celebrou estes días no IES Perdouro. Alí puideron conversar co alumnado da ESO e de Ciclos Formativos que lles explicaron os proxectos nos que estiveron traballando neste curso. 

Esperamos que lles gustara o centro e que desfrutaran moito da visita!

Podedes ver máis fotos AQUÍ

  

I Feira de Tecnoloxía, Ciencia e Arte do IES Perdouro: Tecnocienciarte

O martes 14 e o mércores 15 de xuño terá lugar a I Feira de Tecnoloxía, Ciencia e Arte do IES Perdouro. 

Tecnocienciarte pretende visibilizar o moito traballo que o alumnado e o profesorado desenvolven ao longo dun curso. Ten como obxectivo mostrar o resultado de traballar de forma interdisciplinar e por proxectos. Ademais, a mesma exposición dos proxectos serve tamén de aprendizaxe. Queremos que a tecnoloxía, a ciencia, a arte (e, por suposto, a lingua) saian das aulas e que coñezades as distintas experiencias explicadas polos seus propios artífices. 

Este é o horario de visitas da I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro. 

Haberá 11 mesas expositoras nas que o alumnado mostrará máis de 25 traballos repartidos por departamentos: 

- Mesas 1, 2 e 3: Dpto. de Tecnoloxía e Dpto. de Francés
- Mesa 4: Dpto. de Electrónica  
- Mesa 5: Dpto. de Imaxe persoal 
- Mesa 6: Dpto. de Lingua e Lit. galega/PT 
- Mesa 7: Dpto. de Lingua e Lit. galega 
- Mesa 8: Dpto. de Plástica 
- Mesa 9: Dpto. de Administrativo 
- Mesa 10: Dpto. de Historia 
- Mesa 11: Dpto. de Bioloxía

Lapbook : As árbores do IES Perdouro

Se queredes aproximarvos ás arbores que se encontran no recinto escolar, o alumnado de 2º ESO PMAR  estivo observándoas durante todo o curso e facendo un traballo de campo da evolución das árbores segundo ás estacións do ano. Aquí tedes en formato lapbook o resultado: AQUÍ.
 
Cada un dos sete alumnos escolleu unha árbore e observouna como mínimo unha vez ao mes. Nese momento, fixeron unha foto e foron vendo como a árbore cambiou coas estacións.

Os obxectivos desta actividade eran:
- Coñecer nomes de árbores.
- Comprobar os cambios que se van producindo neles ao longo dos meses.
- Constatar se teñen algunha peculiaridade ou enfermidade para saber como coidalos.
- Coñecer as utilidades de cada árbore: froiteira, forestal, ornamental...
- Relacionarse co contorno natural.

Con todos os datos recollidos, o alumnado elaborou un lapbook cunha descrición da árbore, explicando como cambiaron as súas follas, flores, froitos, etc. Pegou as imaxes tomadas desde o mes de setembro ata o mes de abril e pegou tamén no traballo follas ou elementos recollidos das árbores, como as cocas ou bugallas que lle saen ao carballo e que non son froitos senón protuberancias esféricas creadas por un insecto.

O alumnado tivo oportunidade incluso de probar os froitos dalgunha das árbores, como o castiñeiro ou o albedro (arbutus unedo). Deste último nunca probaran os froitos.

Taller de técnicas de decoración de uñas con esmaltado permanente

O martes 7 de xuño o alumnado de 1º e 2º do CM de Peiteado e Cosmética Capilar recibiu formación sobre decoración de uñas con esmaltado permanente en horario intensivo de 8:30 a 18:30h, cunha parada entre as 14:00 e as 16:00h. 

A poñente Alessandra Costa da empresa Arte Uñas de Ribadeo ensinou ao alumnado distintas técnicas decorativas con esmaltado permanente, semipermanente, xeles e acrílicos estimulando a súa capacidade creativa: 

a) stamping: aplicación de deseños a través de moldes. 

b) xel-paint a man alzada inspirándose na elaboración de elementos florais e da natureza (creación de bolboretas, animal print etc). 

c) técnica de nivelación con xel. 

Ampliaremos a información coa crónica do propio alumnado. 

Podedes acceder ao álbum AQUÍ

 



by Dr. Radut