Skip to Content

Felices Festas!

 


 

 

Fallo do xurado Certame Postal de Nadal

Unha vez reunido o xurado, deliberou os seguintes gañadores do certame especial Postal de Nadal 2022.

  • Alexandre García Pousa de 4º ESO acadou o 1° premio pola orixinalidade, textura e limpeza harmoniosa da súa ilustración. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º ESO obtivo o 2° premio polo minucioso traballo dunha clásica estampa de Nadal.
  • Ximena Riopedre Orosa de 3º ESO recibiu o 3° premio polo seu colorido debuxo mariñeiro con trazos definidos.

Parabéns a Alexandre e Shiva que repiten premios, e felicitamos a Ximena !!

Accede ao albúm de fotos da entrega de premios AQUÍ.

Fallo do concurso "Taboleiros de Nadal"

O traballo que realizastes foi cuantioso en pouco tempo, sobre todo o do alumnado de 1º de Bacharelato, que chegou do intercambio a Francia e xa se puxo mans á obra. 

Foi moi difícil decidir cales eran os mellores porque hai taboleiros preciosos. 

O fallo do xurado foi o seguinte: 

  • 1º premio para a aula 116, a de 2º ESO A, 
  • 2º premio para a aula 101, a de 3º ESO PDC, 
  • e empataron a puntos para o 3º premio, as aulas 113 e 208, as de 1º ESO A e 4º ESO B2, respectivamente. 
A media das puntuacións calculouse tendo en conta a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 
 
Parabéns polo voso traballo e dedicación!

Unha nova árbore para felicitar o Nadal

Xa é tradición no centro agardar con intriga para ver como será a árbore de Nadal. Este curso é esvelta e lixeira, pero con moito contido. Leva o Perdouro no corazón. 

Nesta creación participaron os departamentos de: 

 - Tecnoloxía, 

- Matemáticas e 

- Relixión 

 - e o seu alumnado. 

Moitas grazas polo voso traballo e por facernos esperar o Nadal con ilusión. 

 

 

  

Amplíase o prazo para rematar os taboleiros de Nadal ao luns pola tarde

Tendo en conta as vosas solicitudes, amplíase o prazo para rematar os taboleiros de Nadal ao luns ás 17:40 h. 
 
Recórdase que se valorará a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

Viaxe a Francia - Intercambio co Lycée René Descartes de Rennes

Toca viaxar a Francia e coñecer as familias dos nosos correspondentes bretróns do Lycée René Descartes de Rennes, grazas ao Programa EduExchanges.
Terminado o 1º trimestre collimos rumbo en autobús -coa compañía que nos guía tan ben O Rápido- a Rennes.
Viaxamos 35 alumnos de 1º de bach para reunirnos cos nosos amigos de 2º de Bachibac do 28 de novembro ao 10 de decembro de 2022.

Día 1 - Acollida en Rennes (29/11/22)

Logo dunha longa noite de viaxe en autobús, pisamos terras galas. Fixemos unha primeira escala en Nantes antes de chegar ao noso destino final Rennes para ser acollidos nas familias. Aí visitamos o castelo dos Duques de Bretaña para adentrarse na historia local de Nantes, dende Ana de Bretaña pasando polo periodo colonial de Francia.

Día 2 - Acollida no lycée René Descartes de Rennes e visita ao Dolmen da Rocha das fadas (30/11/22)

Fomos invitados a tomar o pequeno almorzo no comedor escolar onde nos acolleu o Proviseur Mr. Piron. Intercambiamos palabras de benvida e de agradecemento por apostar polas relacións internacionais tan importantes para a dimensión europea da formación do alumnado. Asistimos a clases e o recreo. Despois da pausa, fomos coñecer o Dolmen da Roche aux Fées para saber das construcións megalíticas destas terras. Retormamos para xantar, uns no comedor escolar e, outros en Rennes. A tarde pasámola polas rúas de Rennes en compañía dos nosos correspondentes nun ambiente xa moi de nadal.

Día 3 - Visita ao Mont Saint Michel,  monumento clasificado pola Unesco. (01/12/22)

Fomos pasar o día nun dos lugares máis turísticos de Francia, o monte Saint Michel, auténtica fortaleza medieval construida sobre unha rocha de granito no medio do mar. Visitamos o interior do conxunto abacial: a igrexa, o claustro -La Merveille-, o refectorio, a sala dos anfitrións, o antigo osario cripta dos grandes pilares, entre outros recintos. Percorremos as rúas, terrazas e murallas. Observamos as impresionantes vistas da bahía acompañados dun sol radiante aínda que ía fresco.

Día 4 - Visita guiada polo casco antigo de Rennes. (02/12/22)

Repartímonos en 2 grupos e seguimos as explicacións dos nosos guías nunha mañá xélida. Primeira parada, nas Portas Mordelaises, restos da muralla primitiva de Rennes chamada Contade e a torre Duchesne do s. XV.. Seguimos o percorrido polas rúas  e casas medievais de entramados de madeira, tan características da capital bretona, coas coloridas fachadas e os seus voladizos. A máis antiga data de 1505 e está na Rue du Chapitre.
Finalizamos a ruta diante do Parlamento de Bretaña, sede actual do Tribunal Superior de Xustiza, cos teitos artesonado, conxunto concebido por Charles Errard, pintor de Luis XIV e artífice da decoración do primeiro Versailles marcou a chegada do «arte monárquico» no s. XVII. A súa construción durou un século de 1618 a 1709. Estivemos pola praza do Concello e a praza real do parlamento, diante da Ópera do s. XIX e refuxiamonos na Catedral Saint Pierre (parte baixa de estilo renacentista e parte superior de estilo clásico, interior con decoración neobizantina). Unha vez rematada a visita voltamos para xantar no comedor escolar e facer vida cos estudantes do lycée durante este tempo de lecer.

Xa pola tarde, fomos facer un xogo de pista polas rúas de Rennes cos coñecementos adquiridos pola mañá. Pero tamén houbo tempo para ir mercar algúns souvenirs.

Día 5 e 6 - Convivencia en familia (02/12/22)

Día 7 - Visita a Saint Malo e Dinan. (05/12/22)

Collimos rumbo a Saint Malo, cidade corsaria por antonomasia. Coa axuda dun xogo de pistas coñecemos quenes foron : René Duguay-Trouin, que tomou Río de Janeiro en 1711, e Robert Surcouf, o corsario que atacou aos navíos ingleses e neerlandeses enriquecendo así as arcas de Francia e tamén da súa cidade natal.
Paseamos pola cidadela amurallada, vimos os fortes Petit Bé e Grand Bé, o Forte Nacional, e os bastións que protexen Saint-Malo, etc ...

Pola tarde, fixemos unha parada en Dinan, vila medieval a beira do Rance, pobo dos máis bonitos de Francia. Está colgado a 75 metros sobre o río. Con tres kilómetros de murallas –as máis importantes que aínda se conservan en Francia ao norte do río Loira–, Dinan foi fundada no s.X. As murallas datan do século XII. O Castelo, as rúas estreitas e empedradas, as casas de entramado de madeira (quedan 114) forman un conxunto medieval moi fermoso. Sacamos unha foto diante da torre do Reloxo do s. XV. que culmina a 45 metros de altura. A campa foi un agasallo de Ana de Bretaña á cidade. Paseamos polas rúas céntricas de l’Apport, Merciers, Cordeliers, para baixar pola rúa do Jerzual e Petit Fort pasando diante da Casa do Gobernador ata chegar ao muelle da vila. Esta rúa empedrada era a única vía de paso para trasladar as mercancías do porto á parte alta da cidade. Dinan foi residencia dos Duques de Bretaña.

Día 8 - Visita a Vannes. (06/12/22)

Último día por Bretaña, e fomos coñecer Vannes, cidade dos Duques de Bretaña.
Dimos un paseo polo litoral e fixemos un xogo de pista para coñecer os lugares máis emblemáticos da vila. A cidade romana de Darioritum converteuse en Vannes (en bretón, Gwened: a branca) coa chegada dos celtas. A cidade viviu largos periodos de prosperidade grazas ao comercio portuario, ao poder relixioso e ao poder político.

Día 9 - París (07/12/2022)

Rematamos a nosa estadía en Bretaña, despedímonos con moita tristura e collimos direción París. Chegamos despois de xantar. Dimos un paseo en Bateau Mouche e entramos no museo do Louvre. Vimos a Joconde, A Vénus de Milo, a Victoria de Samotrace e a colección sobre egipto. Logo dimos un paseo pola xardíns das Tuilleries ata a praza da Concordia onde se ergue o monumento máis antigo que ten París, o obelisco de Luxor. No bus fixemos un percorrido de Paris la nuit antes de chegar para cear no hotel.

Día 10 - Disneyland (08/12/2022)

Un día de grandes emocións, ilusións, maxia e encanto.

Día 11 - París (09/12/2022)

Pola mañá, fomos ata o Montmarte e entramos na basílica do Sacré Coeur de estilo neobizantino. Logo baixamos a París para visitar os Inválidos, a tumba de Napoleón e o museo da guerra. Despois, fomos visitar o Musée d'Orsay e coñecer as obras dos impressionistas e dos modernistas. Xantamos e tivemos tempo para mercar souvenirs. Finalizamos o día cunha fermosa posta de sol dende o alto da torre Eiffel. Fixemos unha morea de fotos para inmortalizar este momento tan privilexiado.

"O noso intercambio con Bretaña foi unha inmersión tanto lingüística coma cultural na que gañamos unha grande aprendizaxe. Seviunos para coñercer unha cultura, costumes e gastronomía diferentes, ademais de permitirnos mellorar o noso nivel de francés e aprender a levar unha mellor convivencia non só cos nosos correspondentes senón tamém entre nós. Sen dúbida, unha experiencia moi recomendable e, sobre todo, inesquecible."

Albúm de fotos AQUÍ.

Obradoiro mes da ciencia en galego: "Son ondas"

O pasado día 30 de novembro o alumnado de 3º ESO participou nun obradoiro sobre son impartido por Marga López Periago. Marga contounos como se transmite o son. Explicóunolo en primeiro lugar cun resorte e, a través deste exemplo, vimos como se transmitían lonxitudinalmente as ondas. Tamén nos falou sobre a velocidade do son. Puxo como exemplo dous lugares de Burela que distaban como 300 ou 400 m entre elas e dixo que, se non houbese interferencias entre un sitio e outro, o son tardaría tan só un segundo en chegar. 
 
Logo preguntounos por onde se expandía mellor o son: a través de sólidos, líquidos ou gases. As respostas foron variadas, pero ninguén dixo a correcta, que é que por onde mellor se expande é polo sólido, despois polo líquido e, por último, polos gases. Isto deixounos sorprendidos e entusiasmados por seguir escoitando todo o que nos contaba. Tamén probamos a escoitar a partir de dous vasos unidos por un fío. Este é un exemplo de cando se transmite o son a través dun sólido. 
Ademais aprendemos que os seres humanos non somos quen de escoitar todos os sons, como os infrasóns, que son moi graves, e que tan só escoitan animais como a toupa ou os ultrasóns, que tan só escoitan animais coma os cans e os gatos. 
 
Despois, escoitamos o son dun órgano con tan só mover un tubo moi longo. Previamente había que quentar o aire de dentro e, logo, ao levantalo emitía o son dun órgano como os que hai nas igrexas. 
 
Algo moi interesante que fixemos foi unir unha lata, un pau de xeado, un globo, un láser e un espello de determinada forma. Entón, ao facer un son dentro da lata o que sucedía era que, debido ao láser e ao espello, aparecía no lugar ao que apuntabas co láser unha parábola ou un óvalo que se ía transformado segundo ía cambiando o son que facías coa boca dentro da lata. 
 
A conclusión de todo isto é que estivemos encantados de recibir este incrible obradoiro, xa que nos fixo ampliar os nosos coñecementos. E, sobre todo, queremos darlle moitas grazas a Marga por ensinarnos algo novo e estupendo. 
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ
 
Mariana Miranda López - 3º ESO B

Construíndo ábacos

Estes días o alumnado de 2º ESO estivo construíndo prototipos de ábacos para máis adiante elaboralos con madeira e materiais reciclados. Este instrumento de cálculo inventouse hai 5000 anos e resulta moi útil para realizar operacións matemáticas. 

A verdade é que desenvolveron a súa creatividade e construíron uns ábacos preciosos!

 

 

 

25 N no auditorio de Burela coas impresións en podcast

 
Podcast cedido por Proxecto Neo introducido pola escritora Miriam Beizana e extraído do programa 368.12. Pódese acceder ao programa completo AQUÍ
 
O venres 25 de novembro o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro de Burela protagonizou unha saída á Casa da Cultura para asistir a unha charla impartida por dous membros da Garda Civil. Tamén había alí alumnado doutros centros educativos: CEIP Virxe Do Carme e CEIP Vista Alegre. 
 
O primeiro en intervir foi o alcalde de Burela, don Alfredo Llano, que explicou o motivo do acto, o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, e dixo que estaba nas mans dos xoves erradicar estes tráxicos episodios. Tamén explicou como se ía desenvolver o acto e dixo que na súa etapa como profesor do Perdouro estivera orgulloso do comportamento do alumnado de 1º da ESO. Acto seguido subiu ao escenario José Díaz, o Concelleiro de Educación, quen presentou os axentes que ían impartir a charla e tamén a dona Mary Fraga, que é a presidenta de BUMEI (a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela). Despois de todas as presentacións empezou o acto.** 
 
A continuación, proxectaron un vídeo que elaboramos os alumnos e alumnas de 1º ESO do IES Perdouro, no que se simulaba que se fixera viral un vídeo dunha compañeira, e todos se estaban rindo dela, polo que estaba apartada nun banco mentres o resto dos compañeiros se burlaban, e ao decatarse diso, catro compañeiros foron consolala e darlle un abrazo e xuntos foron dicirlles ao resto dos rapaces que borraran as fotos e pararan de rirse dela. 
 
Despois do vídeo, pasaron a falar dous gardas civís que proxectaron unha presentación na que se mostraban distintos comportamentos que se considerarían violencia de xénero e todos atendemos moito: serviunos para saber que ningunha desas cousas está ben; por exemplo, mirar os chats da túa parella ou dicirlle á outra persoa a quen pode ter de amigo e a quen non, e moitos outros comportamentos non acertados. Despois nomearon unha app útil para o rápido aviso ás autoridades se te encontras nun caso parecido. 
 
Para finalizar, subiron ao escenario: Breogán Fernández, Sofía Ben e Noel Fernández, alumnos de 1º C e 1º A do Perdouro e leron uns textos en favor da erradicación da violencia de xénero. Por último, subiu Mary Fraga e deu as grazas ao alumnado por aquel bonito acto. 
 
Finalmente, chegamos ao IES Perdouro a tempo para a última hora e regaláronos entradas para o partido do Burela FS. 
 
Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.
 
Víctor López Pérez – 1º ESO C

Comeza cos puzzles o torneo de San Xoán Bosco na biblioteca

O mércores 7 de decembro iníciase na biblioteca o torneo de San Xoán Bosco cos puzzles por parellas. 

O luns 12 de decembro comezarán as partidas de xadrez e o martes 13, as de damas. 

Prestade atención ao taboleiro da entrada do edificio 1 e 2 para saber cando vos toca xogar. 

As partidas terán lugar os luns, martes e mércores, xa que os xoves e venres son os partidos de fútbol e baloncesto. 

 



by Dr. Radut