Skip to Content

Plan Director: charla sobre acoso escolar

O alumnado de 3º ESO participou no mes de febreiro nunha charla que ofreceu a Garda Civil sobre o acoso escolar. Nela, para empezar, proxectouse un vídeo onde se explicaba, de maneira resumida e clara, en que consiste esta forma de maltrato. 

A continuación, o axente encargado de impartir a charla, Héctor, que ademais de garda civil é psicólogo, presentou máis detalladamente en que se traduce o acoso escolar cunha serie de exemplos e definiu os principais conceptos que se relacionan con este tipo de violencia. Así, por exemplo, afondou no perfil do agresor e nos motivos que poden levar a alguén a acosar unha persoa. Segundo explicou o axente, unha das causas do acoso é a envexa cara a un compañeiro ou compañeira, o que pode motivar que se empece con agresións, tanto verbais como físicas. Isto, maiormente, acontece na adolescencia. Ademais, nesta etapa danse casos de mozos e mozas que sofren acoso escolar e que incluso poden chegar a suicidarse. 

Para finalizar, proxectouse outro vídeo onde se explicaba que, por moito que te machaquen ou te pisen, segues sendo unha persoa valiosa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Castro García - 3º ESO

Estamos nas xornadas do PLAMBE

Ponencia Traballos por proxecto

Santiago, 31/03/2023

 

 

 

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

O 27 de marzo celébrase o Día dos Escritores Europeos e tamén o Día Mundial do Teatro. Para salientar esta última conmemoración, o alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou un par de libriños con títulos de obras teatrais. As palabras están representadas por emoticonas. A ver se as acertades!


 

 

Celebramos o Día dos Ecritores Europeos: 27 de marzo

O luns 27 de marzo celébrase a 1ª edición do Día dxs Autorxs Europexs.

A biblioteca do IES Perdouro acollerá a Antía Yáñez, autora burelá, que falará da súa obra ao alumnado de 4º de ESO.

É unha iniciativa da Comisión Europea, dirixida polo Comisario Gabriel, para promover a lectura entre a rapazada e dar a coñecer a riqueza cultural e lingüística europea.

#ReadWithEurope

 

Día Mundial da Poesía 2023: videopoemas de 1º de Bacharelato de Literatura Universal

Para conmemorar o Día Mundial da Poesía o alumnado do 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou videopoemas a partir de composicións de autores tan relevantes como Novalis ou Lord Byron. 

Veredes que a poesía traspasa épocas e fronteiras e que é o alimento da parte espiritual que temos todos. 

 

 

Rosalía na lingua de Molière

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro, o alumnado de Francés de 1º de Bac fixo un traballo de tradución do poema "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros" e adaptouno ao francés. Logo fixeron esta pequena montaxe para celebrar hoxe o día da poesía. 

Día da Poesía 2023: Adiviña os títulos de poemarios da literatura universal

Para celebrar o Dia da Poesía, o alumnado de Literatura Universal ideou estes dous libriños nos que nos retan a adiviñar os títulos de poemarios famosos descifrando o significado de emoticonas.  

A ver cantos sodes capaces de recoñecer...

Os primeiros son máis doados: 

 

Estes son máis difíciles: 

 

Día da Poesía 2023: videopoemas de Noriega Varela e Cabanillas

Con motivo da celebración do Día da Poesía o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Literatura galega do século XX e XXI preparou algúns videopoemas de dous dos autores que inauguran o século XX: Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas. 

Escoitar ou ler poesía fai que experimentemos emocións por tratarse dun xénero literario no que fundamentalmente se expresan sentimentos. Convidámosvos a ver e escoitar cada un destes videopoemas e deixar que afloren as vosas emocións. 

Celebración do I Día da Literatura Caboverdiana

Neste ano 2023 cumpre 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, unha novela escrita por Baltasar Lopes da Silva. A obra marcou o inicio da literatura caboverdiana, cubrindo temas locais e da cultura crioula. 

Este martes Burela acolleu a celebración do primeiro 'Día da Literatura Caboverdiana'. A partir das dez da mañá comezou na biblioteca do IES Perdouro unha lectura continuada de Chiquinho a cargo de duascentas persoas, entre as que se atopaban os alumnos e alumnas do centro. 
 
Na inauguración participaron unha estudante -Noemy dos Reis Cardoso Borges-, a profesora de Lingua Portuguesa -Vanesa Vila Verde-, o alcalde de Burela -Alfredo Llano- e a Conselleira de Cultura da Embaixada de Cabo Verde, Odete Alves.
 
Desde o proxecto de intervención educativa Modelo Burela destácase que "por primeira vez na historia, o máis universal dos nenos caboverdianos falou en público no seu idioma propio: o caboverdiano, resultado da síntese do galego-portugués e das linguas africanas dos poboadores do arquipélago". As palabras do discurso inicial foron preparadas para a ocasión por Edilson Sanches Tavares, estudante de Linguas Modernas na Universidade de Santiago, e por Noemy dos Reis Cardoso Borges, a estudante encargada de abrir o encontro poñendo voz a ese fragmento en caboverdiano. 
 
A lectura tivo unha duración de oito horas nas que Burela se converteu "na capital cultural da expresión galego-lusófona". No acto tamén interviñeron o escritor Séchu Sende, estreitamente interesado na literatura africana desde a etapa da adolescencia; un grupo de alumnos e alumnas do Instituto Marco de Camballón, de Vila de Cruces; a politóloga Susana Basanta; Natalia Irimia, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro, e o profesor Lourenço Gomes, da Universidade de Cabo Verde, que falou a través dunha videoconferencia. A través de vídeos tamén se escoitou a voz de Christian Salles, do Río de Janeiro, un historiador brasileiro moi activo nas redes de comunicación no espazo galego-lusófono, e tamén a da profesora e escritora Laura Ramos Cuba, formada nas aulas do IES Perdouro. 
 
Un dos momentos máis especiais tivo lugar ás tres da tarde, cando o Chiquinho reuniu na mesma mesa dúas autoridades da cultura en Burela: Rocío Rivera Seara, da Asociación Cultural Ledicia, e Antonina Semedo, unha das fundadoras de Batuko Tabanka. 
 
Entre as últimas persoas que participaron na lectura, ocupándose polo tanto de ler as derradeiras páxinas do libro, estiveron a futbolista Jozie, do Burela FS; o director de Edicións Positivas, Francisco Macías; e en representación da USC as profesoras Helena González, Felisa R. Prado e Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía. 
 
As catro últimas lecturas e intervencións corresponderon a Pablo Álvarez Ramos, avogado burelao; a María José Pardiñas, directora do IES Perdouro; a Francisco Pereira, deputado do Parlamento de Cabo Verde, que viaxou expresamente a Burela para participar nesta celebración, e ao Excelentísimo Sr. Ney Cardoso, embaixador de Cabo Verde, que se conectou vía videoconferencia. Este último felicitou e animou o profesorado a continuar co seu labor, "porque investir no futuro dos mozos caboverdianos é investir no futuro da colectividade”. Despois da repercusión e emotividade da xornada, tanto o deputado Francisco Pereira como o embaixador, destacaron unha cita de Fernando Pessoa: “Todo vale a pena, cando a alma non é pequena”.
 
Pódese acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Excursión xeolóxica e participación na Olimpíada de Xeoloxía

O pasado mércores 8 de febreiro, un grupo de catro de alumnos/as de 4º ESO e outro de 1º de Bacharelato participamos na XIV Olimpíada de Xeoloxía, celebrada en Quiroga. Ademais, os alumnos/as de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de acudir á viaxe, aínda que sen participar na Olimpíada. 

O alumnado e profesores acompañantes, Fernando e Sol, saímos de Burela sobre as 8:15 da mañá cara a Quiroga. Chegamos sobre as 11 ao Museo Xeolóxico de Quiroga, onde tomamos unha serie de fotografías, para despois dividir os nosos camiños.

Os alumnos/as non participantes na Olimpíada gozaron dunha interesante e enriquecedora explicación na visita ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), onde aprenderon sobre o ouro e a súa obtención. 

Por outra banda, os representantes comezamos a Olimpíada coa primeira proba: unha xincana por grupos dentro do propio museo. Nesta, a partir das distintas exposicións presentes nas salas do museo, tiñamos que ir resolvendo problemas e cuestións xeolóxicas. Tras unha hora e cuarto, entregamos as nosas respostas e finalizou a proba. Á súa vez, o resto de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de realizar a xincana sen participar na competición. 

Acto seguido, trasladámonos en autobús ao concello de Ribas de Sil para realizar un cuestionario individual con 40 preguntas tipo test. Á súa vez, o resto de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de realizar a xincana sen participar na competición. Despois xuntámonos para acudir todos, xunto aos demais participantes da Olimpíada, a xantar, comida ofrecida pola organización da olimpíada.  

Despois do xantar, os participantes visitamos o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), ao que o resto de alumnos xa foran pola mañá, polo que eles puideron pasear ao carón do río. 

Para rematar o día, acudimos de novo ao concello de Ribas de Sil, onde se levou a cabo a entrega de premios e diplomas. Resultou gañador do Accésit de 4º ESO o noso compañeiro Hugo Gorgojo Basanta. Moitísimos parabéns! Despois da entrega, voltamos cansos pero satisfeitos a Burela. 

Tivemos moita sorte de poder vivir esta experiencia, aprender tanto e divertirnos nun lugar tan importante como o Xeoparque Montañas do Courel. Repetiría sen dubidalo! 

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Nerea Francos Cornide - 1º de Bacharelato A



by Dr. Radut