Skip to Content

Concurso Taboleiros de Nadal 24-25

Convócase unha nova edición do concurso Taboleiros de Nadal. 

Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor.

Poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. 

A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que se enviou ao correo en Vicedirección ou Secretaría. 

As normas son as seguintes: 

1. Decorade o taboleiro da aula. Valorarase a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade. Polo tanto, facede uso de materiais naturais ou reciclados. 

2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 

3. En canto a materiais, PROHÍBESE a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. Non se pode poñer nada fóra del.

5. O luns 16 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Que o espírito do Nadal entre nas aulas!

Entrega de premios do concurso de catrinas e de audiorrelatos de medo do Samaín

 
Lembrade que o luns 18 de novembro entréganse os premios de catrinas e tamén os de audiorrelatos de medo creados con motivo do Samaín e emitidos en Proxecto Neo: https://proxectoneo.blogspot.com/.../proxecto-neo-435... 
Podedes escoitalos no programa do minuto 7:20 ao 10:30. 
 
No concurso de catrinas, as votacións foron tan igualadas que houbo empate no segundo posto polo que se entregarán tres accésits. 
  
Parabéns pola súa creatividade aos gañadores e gañadoras de ambos concursos!

Visitia a Xantar 2024 (Ourense) e a Jim Sports (Palas de Rei)

O pasado 24 de outubro, o alumnado dos segundos cursos do ciclo básico de “Servizos Administrativos”, ciclo medio de “Xestión Administrativa” e ciclo superior de “Administración e Finanzas” emprendemos unha viaxe educativa para visitar o Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR en Ourense.

Tras máis de dúas horas e media de viaxe, chegamos ao recinto feiral Expourense onde se situaba a que é a única feira internacional de turismo gastronómico, cunha traxectoria de 25 anos, de aí a importancia que tivo para nós esta visita. 
 
Unha vez alí, ensináronnos moitos proxectos tecnolóxicos e tipos de innovacións que se fan hoxe en día coa comida. Un exemplo foi a demostración de Begoña Vázquez, propietaria do restaurante Regueiro da Cova, a cal empregou rodaballo, castañas e algas. Algúns de nós tivemos a oportunidade de probar esa comida, que a verdade estaba boísima. 
 
Finalizada a visita ao salón gastronómico, dirixímonos ás termas de auga natural de Ourense, onde puidemos relaxar o corpo e a mente, algo que nos fixo xenial despois dunha mañá tan intensa. 
 
Ao día seguinte, o venres 25 de outubro, partimos ben cedo cara a Palas de Rei onde visitamos a empresa JIM SPORTS, dedicada á importación, exportación e venda de material deportivo das súas principais marcas, así como ao deseño e á creación de terceiras. 
 
Alí recibiunos unha traballadora chamada Jesica, quen nos explicou como o dono puxera en marcha, hai vinte anos, esta empresa, a cal foi pouco a pouco crecendo ata chegar a internacionalizarse e contar incluso cunha franquía na República Dominicana cara a onde exporta os seus produtos. 
 
Gustounos moito ver a área de administración xa que é moi probable que cos nosos estudos poidamos, nun futuro, traballar nun espazo similar. Tamén nos resultou moi interesante a zona de loxística e ver como se almacenan os paquetes e como saen en grandes guindastres. Finalmente, estivemos no departamento de deseño, onde nos amosaron como imprimen as camisetas de deporte nunha tea especial para asegurar a súa durabilidade. 
 
Comprobamos que en JIM SPORTS é fundamental o capital humano, ao que lle prestan moita atención, xa que teñen un ximnasio nas propias instalacións, algo bastante innovador dentro dunha empresa. Ambas visitas nos gustaron moito, polo que queremos dar as grazas aos nosos profesores Patricia e Jesús por acompañarnos nesta viaxe e permitirnos vivir esta experiencia que será inesquecible para todos nós. 
 
Podedes acceder ás fotos AQUÍ
 
Elisabeth Mendes Rubal - 2º Ciclo Medio de Xestión Administrativa

Anótate para participar nun obradoiro de decoración de Nadal con arxila!

Os mércores 20 e 27 de novembro e 4 de decembro no recreo e na aula de Plástica, a 402, poderedes participar nun obradoiro de decoración de Nadal para elaborar adornos con arxila.
 
Só hai 20 prazas. Anótate na folla de inscrición colocada na columna da entrada do edificio 1 antes do venres 15 de novembro. 
 
Andrea, a profesora de Educación Plástica será a encargada de impartilo. Ela informarate se tes calquera dúbida. 
 
O alumnado de 1º ESO non pode anotarse neste obradoiro porque xa vai elaborar os adornos na propia hora de Plástica. 

Novembro, mes da ciencia en galego: videoconferencias de Igaciencia

Durante novembro, celebramos o mes da ciencia en galego. Xa inscribimos o centro para poder conectarnos ás videoconferencias de Igaciencia que terán lugar os martes 12, 19 e 26 de novembro ás 12:00h. Esta é a información de cada unha das videoconferencias deste ano, que versarán sobre Astronomía.  

O profesorado interesado ten a continuación os enlaces para as videoconferencias co seu alumnado: 

Augusto Pérez Alberti: https://youtube.com/live/QV7L_HNgJ5s?feature=share
Begoña Vila Costas: https://youtube.com/live/pdfUg_A4mjU?feature=share
Ana María Ulla: https://youtube.com/live/-MfDKA1T_S4?feature=share

Se queredes participar realizando algunha pregunta, tedes tamén a continuación o enlace para subscribirvos á canle de Youtube de Igaciencia. Se non vos subscribides, non poderedes facer preguntas. Ademais, debe subscribirse un docente que transmita as preguntas do alumnado, non o alumnado. O profesorado é quen debe controlar o chat, non deixar ao alumnado escribir nel. 

 

A duración de cada conferencia estímase entre 1h mínimo e 1:30 h máximo, dependendo do número de preguntas que fagan os asistentes a través do chat. Polo tanto, se tedes a clase das 12:00h ou estades interesados nalgunha das videoconferencias completas, avisádeme e así podemos falar co profesorado da hora seguinte para intercambiar as clases ou pedirlle se o alumnado pode participar na videoconferencia na súa hora de clase. 

Todas as relatoras e relatores son moi interesantes. Aquí tedes información sobre eles e sobre a temática da súa correspondente videoconferencia: 

Augusto Pérez Alberti, Catedrático de Xeografía Física Ad Honorem (USC). Investigador independente. Día 12 de novembro ás  12h. 

Título: "O cambiante planeta Terra" Resumo: Escoitando ou lendo os medios de comunicación dá a impresión de que o clima comezou a mudar vai uns anos. Semella que as temperaturas, precipitacións ou os ventos sempre foron os mesmos; que vivíamos nun escenario estático e eterno no que nunca mudaba nada; que cada día chovía uns mm ou non; que a temperatura non pasaba dunha cifra exacta nin que, a consecuencia diso, os ríos e o mar sempre tiñan o mesmo nivel.

Pois non, o clima mudou sempre e seguirá a mudar. Máis alá do que pensen uns ou outros, o clima é cambio, mudanza. Outra cousa é que o impacto humano, moito mais recente que o Planeta Terra, adquirira nos derradeiros séculos un papel fundamental nas mudanzas climáticas; esa é outra historia.

Mais, a cantidade de auga que hai no planeta non mudou; nin temos unha billa pola que entra auga e unha tubaxe pola que saia. Non. A cantidade de auga existente sempre é a mesma: o que muda é o seu estado. Unha vez está convertida en xeo, e os glaciares dominan o planeta; outra en auga líquida e sube o nivel do mar.

Ao longo da charla voume centrar en falar das mudanzas das que temos constancia ao longo do tempo xeolóxico; no Cenozoico, Cuaternario e no Holoceno e das pegadas que se poden ollar hoxe en día en Galicia.

Begoña Vila Costas, Dra en Astrofísica, Enxeñeira Xefe de Sistemas no centro da NASA GSFC, segundo o Faro de Vigo "A muller que ilumina o Universo" Título “O Universo e a exploración espacial”.  Día 19 de novembro ás 12 h.

Un breve resumo: A observación do Universo avanzou moito desde as primeiras observacións co telescopio de Galileo Galilei. Agora sabemos doutras galaxias, outras estrelas e outros planetas arredor delas pero aínda temos un montón que non sabemos: como se formaron as primeiras galaxias e estrelas e como evolucionaron para formar aquela na que vivimos?; como se formou un planeta como o noso e pode haber outro con auga e vida?; que pode ser a materia escura e a enerxía escura? Os novos telescopios espaciais como o James Webb, o Nancy Grace Roman e o Telescopio de Mundos Habitables e outros que exploran o noso Sistema solar buscan os datos que nos poden axudar a atopar as respostas.

Begoña é a James Webb Space Telescope Fine Guidance Sensor Systems Lead e a Nancy Grace Roman Space Telescope Systems Engineer

Ana María Ulla Miguel, catedrática de Astrofísica da UVigo, Dia 26 de Novembro ás 12h. "Non hai estrelas sen noite escura"

Resumo: O ceo é a nosa ventá ao universo, e a todo o coñecemento que da súa observación pódese derivar. De día, o Sol permítenos facer astronomía diúrna, e de noite as estrelas, galaxias, planetas e restantes corpos celestes achégannos aos confíns do universo mesmo. Nesta charla repasaremos algúns avances recentes en astronomía e astrofísica, no contexto adverso que a contaminación luminosa supón, tanto para a observación astronómica como para a saúde e o medio ambiente.

Celebrando o Día das Escritoras: Escritoras ocultas da literatura castelá


 
Co gallo do Día das Escritoras, o alumnado de 4º ESO A e 1º BAC A adicou un tempo da materia de Lingua castelá e Literatura a descubrir “escritoras ocultas”. 
 
Na Idade Media, a todos nos soan as obras e os nomes do Arcipreste de Hita, de Gonzalo de Berceo, de don Juan Manuel ou de Fernando de Rojas. Pero a ningúen, ou a moi poucos, nos soan nomes como Leodegunda (calígrafa galega e escritora do s. X), Leonor López de Córdoba (as súas Memorias son uns dos primeiros escritos autobiográficos europeos) ou Teresa de Cartagena (autora do primeiro texto feminista en castelán), entre outras.
 
No Renacemento e no Barroco, sempre estudamos a Garcilaso de la Vega, Lope de Vega, Góngora, Quevedo, Cervantes… Pero nunca adicamos un pouco de tempo a falar das cartas de Estefanía de Requesens, das guías de María de San José, da Nueva Filosofía de Olivia Sabuco, do Cristalián de España de Beatriz Bernal (único libro cabaleiresco en castelán escrito por unha autora feminina coñecida), do libro Desengaños de la corte y mujeres valerosas de María de Guevara (feminista con todas as letras), das novelas barrocas de María de Zayas e Leonor Meneses ou das comedias de Ana Caro de Mallén. 
 
No S. XVIII, sempre falamos de Iriarte, Samaniego, Jovellanos, Feijoo ou Moratín. pero nunca dos poemas de M.ª Gertrudis Hore ou de Margarite Hichey (quen adicou versos durísimos aos homes e introduciu o teatro de Racine e Voltaire en España). E, por suposto, tampouco aparece nunca nos temarios Josefa Amar y Borbón co seu Discurso de 1786, un clásico do feminismo español, ou M.ª Rosa Gálvez, cuxas comedias foron tildadas de obscenas e censuradas por facer un valente alegato feminista. 
 
No S. XIX e posteriores ocorre o mesmo. Bécquer, Rubén Darío, Clarín, Galdós Larra, Zorrilla, Antonio Machado, Unamuno, Baroja… Todos homes e obras de homes. Pero non saen á luz (e se saen, saen timidamente) nomes e obras de mulleres como Elena Fortún (autora de libros infantís e xuvenís e creadora da coñecida personaxe de Celia). E así poderiamos continuar con decenas e decenas de nomes e obras de mulleres que quedaron ocultas pola hexemonía dos homes ao longo da nosa historia. 
 
O alumnado “destapou”, sacou estes nomes e obras de mulleres da historia da literatura castelá, en caixas de zapatos abertas coas imaxes das súas caras e a información máis básica sobre a súa vida e obra literaria. Agora, nas sesións de clase farán as exposicións orais e darán a coñecer máis datos destas mulleres escritoras das que nunca ou case nunca se fala no eido educativo.
 
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
 
 
 

Día da Saúde Mental 2024

O alumnado de 3º ESO de Educación en Valores Cívicos e Éticos preparou un vídeo para conmemorar o Día da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. Coa axuda da súa profesora Lara Oliveros dannos algúns consellos para coidar o noso benestar emocional. 

Celebrando o Día das escritoras - Escritoras francófonas presentes en BiblioPerdouro

Para celebrar o día das escritoras, as alumnas de 1º de Bacharelato de Francés puxéronse a investigar a ver cantas escritoras francófonas están presentes e accesibles na nosa biblioteca de BiblioPerdouro. Resultado: 16 mulleres.

Aquí deixamos a recollida gráfica cunha pequena sinopse das autoras así como das súas obras presentes na biblioteca. Pica na ligazón para acceder ao noso fondo de préstamo.

Cóntanos un relato de terror

Cóntanos un relato de terror de 1 minuto e poderás gañar un premio. 

Envía o teu audio en formato MP3 a traballosmaruxia@gmail.com ata o luns 28 de outubro. Indica no correo o teu nome e apelidos e o curso ao que pertences. 

O concurso está aberto a todo o alumnado do centro

Anímate a participar!

 
 

Comezan os torneos de San Xoán Bosco 2024-25

Este martes 8 de outubro comezan os torneos de San Xoán Bosco. Esta primeira semana enfrontaranse os equipos de fútbol-sala de 1º da ESO. A semana que vén tocaralle ao baloncesto.  
 
Estade atentos ao panel da entrada do edificio principal para saber cando vos toca xogar. Moita sorte a todos os equipos e que gañe o mellor!
 

 

 
 


by Dr. Radut