Co gallo do Día das Escritoras, o alumnado de 4º ESO A e 1º BAC A adicou un tempo da materia de Lingua castelá e Literatura a descubrir “escritoras ocultas”.
Na Idade Media, a todos nos soan as obras e os nomes do Arcipreste de Hita, de Gonzalo de Berceo, de don Juan Manuel ou de Fernando de Rojas. Pero a ningúen, ou a moi poucos, nos soan nomes como Leodegunda (calígrafa galega e escritora do s. X), Leonor López de Córdoba (as súas Memorias son uns dos primeiros escritos autobiográficos europeos) ou Teresa de Cartagena (autora do primeiro texto feminista en castelán), entre outras.
No Renacemento e no Barroco, sempre estudamos a Garcilaso de la Vega, Lope de Vega, Góngora, Quevedo, Cervantes… Pero nunca adicamos un pouco de tempo a falar das cartas de Estefanía de Requesens, das guías de María de San José, da Nueva Filosofía de Olivia Sabuco, do Cristalián de España de Beatriz Bernal (único libro cabaleiresco en castelán escrito por unha autora feminina coñecida), do libro Desengaños de la corte y mujeres valerosas de María de Guevara (feminista con todas as letras), das novelas barrocas de María de Zayas e Leonor Meneses ou das comedias de Ana Caro de Mallén.
No S. XVIII, sempre falamos de Iriarte, Samaniego, Jovellanos, Feijoo ou Moratín. pero nunca dos poemas de M.ª Gertrudis Hore ou de Margarite Hichey (quen adicou versos durísimos aos homes e introduciu o teatro de Racine e Voltaire en España). E, por suposto, tampouco aparece nunca nos temarios Josefa Amar y Borbón co seu Discurso de 1786, un clásico do feminismo español, ou M.ª Rosa Gálvez, cuxas comedias foron tildadas de obscenas e censuradas por facer un valente alegato feminista.
No S. XIX e posteriores ocorre o mesmo. Bécquer, Rubén Darío, Clarín, Galdós Larra, Zorrilla, Antonio Machado, Unamuno, Baroja… Todos homes e obras de homes. Pero non saen á luz (e se saen, saen timidamente) nomes e obras de mulleres como Elena Fortún (autora de libros infantís e xuvenís e creadora da coñecida personaxe de Celia). E así poderiamos continuar con decenas e decenas de nomes e obras de mulleres que quedaron ocultas pola hexemonía dos homes ao longo da nosa historia.
O alumnado “destapou”, sacou estes nomes e obras de mulleres da historia da literatura castelá, en caixas de zapatos abertas coas imaxes das súas caras e a información máis básica sobre a súa vida e obra literaria. Agora, nas sesións de clase farán as exposicións orais e darán a coñecer máis datos destas mulleres escritoras das que nunca ou case nunca se fala no eido educativo.
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá