Skip to Content

Visita ao IDIS

O venres 27 de setembro, o alumnado de 1ª de Bacharelato das materias de Anatomía Aplicada, Cultura Científica e Bioloxía viaxamos a Santiago de Compostela para adentrarnos no día a día do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. 

Dividímonos en varios grupos e organizamos a mañá en dúas partes. Así, cada equipo podería realizar dúas das prácticas relacionadas coa investigación que nos ofrecían. Aprendemos sobre o proteoma e a impresión 3D aplicada á saúde. Tivemos ocasión de ver peixes cebra nas súas primeiras etapas de crecemento, nas cales non senten dor nin estrés. Deste xeito, pódese traballar con estes pequenos organimos para avanzar no campo da oncoloxía. 

En diferentes actividades practicamos o uso de micropipetas e o traballo con volumes. Os expertos explicáronnos como de pequenas eran as magnitudes que manexan acotío e observamos medidas de ata nanolitros. 

Na actividade relacionada coa cardioloxía, aprendemos sobre a importancia de levar unha dieta equilibrada ao observar exemplos de corazóns afectados pola mala alimentación e diferentes biopsias líquidas. 

O IDIS é un centro interdisciplinar onde colaboran dende biotecnólogos e biólogos ata informáticos e fisioterapeutas. Traballan día a día investigando para conseguir aplicar as súas conclusións ao ámbito da saúde, de aí o seu carácter translacional. Así, puidemos aproveitar os consellos e o exemplo de expertos para enfocarnos mellor no noso futuro. Desfrutamos e aprendemos moito nesta saída e, sobre todo, tivemos a oportunidade de adentrarnos no mundo científico do xeito máis entretido, ademais de tomar conciencia da importancia que ten o traballo dos investigadores nas nosas vidas. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Carla Paz Trelles - 1º Bacharelato A

 
 

Xogo de pista especial Xogos Olímpicos

Quedan 10 días para celebrar os Xogos Olímpicos de París 2024. Nós, no Perdouro, anticipámonos o pasado 24 de abril e organizamos un xogo de pistas onde o alumnado de 2º de ESO de francés tivo que medir as súas destrezas lingüísticas en dito idioma así como as súas habilidades físicas nas distintas competicións deportivas que lles tiñamos preparadas: carreira de sacos, de relevo e de obstáculos ou mesmo lanzar á canastra bólas de ping-pong. O alumnado de 4º de ESO de francés fixo de monitores e de xurado durante toda a proba. Cada grupo clase tiña 50 minutos para seguir as instrucións do xogo e conseguir chegar á meta final. 

Aquí deixamos unha completa reportaxe fotográfica do que foron os nosos JO FLEPerdouro.

Agradecemos ao departamento de Educación Física por deixarnos o material para as carreiras e queremos felicitar ao dpto de Fabricación Mecánica pola impresión 3D das medallas dos Xogos Olímpicos, réplicas das oficiais de Paris 2024.

 

CHAMPIONS et CHAMPIONNES DES JO FLEPERDOURO

Moito aprenderon á vez que se esforzaron física e intelectualmente. Cituis, Altius, Fortius -Communiter « Plus vite, plus haut, plus fort – ensemble ».

Parabéns por prestarvos ao xogo con ilusión.

Inicio dos Xogos Olímpicos de Paris 2024 Venres 26 de xullo de 2024 ás 20:16 h.

Actualizado o podcast das Saídas escolares IES Perdouro

Xa está actualizado o podcast das saídas escolares do IES Perdouro, que inclúe 4 audios orixinalmente emitidos no programa Proxecto Neo. 

Deixamos aquí a ligazón.

 

Actividades Quérote+ do curso 2023-24

Ao longo do presente curso 23/24, o IES Perdouro aplicou o programa Quérote + nas aulas de 3º ESO que se enmarca dentro dos Plans Proxecta. Froito diso, mostrámosvos unha parte do traballo realizado co noso alumnado que participou activamente realizando murais, en debates, así como o visionado de curtametraxes e un longo etcétera difícil de plasmar só a través de imaxes.

 

Vídeos do Coro da Emocións de Educación Responsable 2023-24

A Educación Emocional é un dos piares do proxecto educativo do IES Perdouro e desde hai anos o profesorado recibe formación que repercute nas actividades desenvolvidas co alumnado. Unha das actuacións que se levaron a cabo durante este curso e o anterior foi a participación no programa Educación Responsable. Concretamente, a aportación do departamento de Música leva por nome "Coro das Emocións". 

Trátase dun recurso educativo destinado a desenvolver, a través do canto coral, as habilidades emocionais, sociais e creativas que constitúen o obxectivo do programa de Educación Responsable. Neste coro pode caber todo o alumnado porque é o momento de gozar da música en grupo independentemente das aptitudes musicais de cada un. O grupo fai medrar musicalmente e axudamos ao grupo a consolidarse e todo isto... ao mesmo tempo que o pasamos ben! 

Cando os ensaios rematan, chega o momento de completar o proceso formativo e artístico do coro. Dende o primeiro día os nosos alumnos senten que co seu esforzo persoal, talento e creatividade poden aportar moito ao conxunto final e nos vídeos así o demostran. Esta actuación final baséase en dous piares, o musical e a posta en escena. Desfrutemos do traballo feito polos tres grupos de 2º ESO e a súa profesora Patricia! 

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 30

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 30 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

 

Esta mañá, a biblioteca abriu as súas portas para recibir un evento moi esperado: a presentación da revista escolar Maruxía. A alumna de 4º ESO TIC, Iria Jacomé, foi a encargada de conducir o acto.

Durante a presentación, Alba F. Quelle e Alberto Núñez explicaron como o equipo traballou arreo para sacar adiante a número 30. Ambos destacaron a importancia do traballo en equipo e a colaboración constante para superar os retos que se presentaron ao longo do proceso de elaboración da revista.

A nova edición da Maruxía inclúe unha ampla mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro, reflectindo o talento e a creatividade dos estudantes. Ademais, recóllense os premios do XVII Concurso de Relato Curto e Poesía e do XV Concurso de Imaxe, convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos". Estes certames son unha plataforma importante para fomentar a creatividade e o talento artístico entre os alumnos.

A nova edición da Maruxía é un reflexo fiel do esforzo colectivo e da creatividade dos estudantes do Perdouro.

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Noé Vázquez, coordinador do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Djessica Tavares Pereira Barbosa (portada) e Álvaro Guisande Rego (traseira).
 

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada polo compañeiro Fernando Losada, AQUÍ.

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Maruxía nº 30 - Desvelamos as portadas gañadoras

Os alumnxs de 4º de ESO TIC capitaneados por Natalia Irimia e Natalia Aldegunde remataron estes días de compoñer o número 30 da revista MARUXÍA. Xa está na imprenta.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro venres 21 de xuño ás 11h30.

Desvelamos a portada e o dorso da revista deste ano.

Parabéns a :
- Djessica Tavares Pereira Barbosa, alumna de 4° ESO - portada
- Álvaro Guisande Rego, alumno de 4° ESO - dorso

 

 

 

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "As viaxes":

XVII Concurso literario da As. Cultural Os Matos 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Dani Borrajo Trelles (1º ESO A)
  • 2º premio: Nicolás Amorín Vázquez (1º ESO A)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (2º Bach.B)

POESÍA:

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

XV Concurso de Imaxeda As. Cultural Os Matos

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (4ºESO A)

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Djessica Tavares Pereira Barbosa (4ºESO C) 
  • Alvaro Guisande Rego (4ºESO A)

Moitos parabéns a todxs!

Actividades de Educación emocional por niveis educativos

Durante este curso leváronse a cabo distintas actividades de Educación emocional que foron propostas para cada curso das distintas etapas educativas. 

A continuación presentámosvos a planificación temporal no cadro. No enlace podedes acceder á explicación de cada actividade. 

Gañadores nun dos retos de InnovatechFP 2023-24

O equipo de alumnado formado por Alicia Cabarcos e Sonia González do Ciclo Medio de Peiteado e cosmética capilar e Raúl Fraga e Alberto Cabana, estudantes do CS de Mecatrónica industrial, acompañados da directora do IES Perdouro María José Pardiñas, de Fernando López, profesor de Mecatrónica, e de Javier Rouco, coordinador do proxecto INNOVATECHFP 23-24 e profesor de Imaxe persoal, viaxamos ao recinto Expourense para recibir o galardón do programa InnovatechFP 23-24 da Consellería de Educación, que nos outorgou o primeiro premio na final celebrada na mañá de hoxe martes 18 de xuño por ter presentado e defendido un proxecto que deu resposta ao reto empresarial que a marca L’Oréal España-Portugal presentou ante 170 centros educativos da FP de Galicia na localidade de Culleredo a finais do ano pasado.

O reto emprazábanos a traballar en qué facer cos envases de plástico que se desbotan nos salóns de peiteado para transformalos en produtos duradeiros para ser usados nestes mesmos espazos. O equipo que lideramos desde o IES Perdouro de Burela tivemos claro desde o principio que deseñar uns prototipos que permitan triturar os envases cosméticos de plástico e fundilos para logo crear produtos novos, como é o caso de peites que se fabricaron dentro deste proceso con estes mesmos polímeros a través de inxectar o plástico fundido en moldes de fabricación mecánica e tamén a través da creación de filamento plástico para impresión 3D. Co fin de poder darlle vida aos prototipos, o mestre Fernando López e os seus alumnos Raúl e Alberto, crearon desde as aulas-taller de Mecatrónica o deseño e fabricación destes aparellos: unha trituradora e unha inxectora para envases cosméticos de plástico e un molde de fabricación mecánica que dará forma ao produto final: peites elaborados cos residuos plásticos dos envases cosméticos. Mentres se traballou na fabricación, presentamos a idea nunha primeira fase que foi seleccionada xunto con outras dúas grandes propostas presentadas por outros dous centros referentes na Formación Profesional de Galicia: o IES A Guía de Vigo e o CIFP Someso da Coruña. Os tres fomos seleccionados para pasar a unha segunda fase. Unha honra participar xunto con eles. 

Por fin inmerso na fase dúas, o noso alumnado defendeu o proxecto diante do xurado no Centro de Innovación e Emprendemento Eduardo Barreiro de Ourense o pasado xoves. Nesa ocasión, en 5 minutos o equipo de alumnado do Perdouro tivo que presentar os prototipos e o produto final, xustificar e convencer ao xurado e á Empresa L’Oréal da súa viabilidade técnica e económica tratando de explicar o impacto que tería no medio ambiente e no rural. 

Hoxe foi un gran día! O representante da empresa L’Oréal nomeou por fin o equipo gañador do seu reto no recinto feiral de Ourense: “O gañador do reto L’Oréal é o IES PERDOURO de Burela”. Logo de recoller o premio de 10.000 euros que se empregarán no desenvolvemento da idea e a posta en marcha do proxecto empresarial, vemos que queda un bo sabor de traballo en equipo e, por ende, unha porta aberta para seguir defendendo a nosa solución a un nivel máis potente, traballando coa colaboración do equipo técnico de produción da empresa L’ Oréal, líder no sector da cosmética, que nos acompañará e asesorará no seguinte proceso: facer do noso proxecto unha realidade. 

Agradecidos estamos de poder traer este premio a Burela e de achegar nun futuro a nosa solución á sociedade, pero ademais hai algo que nos ilusiona especialmente ao equipo: A Formación Profesional no IES Perdouro está ao nivel que as empresas líderes nos demandan, polo que seguiremos traballando arreo para seguir ofrecendo e achegando unha formación punteira ao noso alumnado! 

Grazas a todos cantos fixeron posible a solución a este reto e, en especial, ao noso alumnado que tan ben o soubo defender. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de IMAXE PERSOAL 

Coordinador do PROGRAMA INNOVATECHFP 23-24. IES PERDOURO BURELA



by Dr. Radut