Skip to Content

Reunión Club de lectura A xanela familiar


 

 

Xa temos árbore de Nadal 2023-24

Este curso a árbore vén chea de sorpresas: casiñas, ourizo cachos, renos e unha morea de orixinais adornos. 

Con ela, o IES Perdouro deséxavos un feliz Nadal!

 

Amplíase o prazo para os taboleiros de Nadal

 

Mes da ciencia en galego: obradoiro "A ciencia dentro dunha pompa de xabón"

O xoves 30 de novembro de 2023, a quinta hora da mañá, o alumnado de 3º da ESO A do IES Perdouro de Burela, foi á biblioteca para encontrarse con Marga, quen máis tarde lles explicou moitas curiosidades sobre as pompas de xabón. 

A actividade comezou cunha breve explicación sobre que é o xabón e de que está formado, e máis tarde falaron sobre como se facían as pompas e tamén sobre a tensión superficial. Tras a explicación leváronse a cabo varios experimentos. 

• O primeiro experimento consistiu na fuxida de materiais que flotan na auga ó estar en contacto co xabón: 

◦ Para isto puxéronse tres escarvadentes nunha cunca de auga formando un triángulo e tamén había que mollar un dedo en xabón; ó tocar o centro do triángulo co dedo enxabonado, os escarvadentes fuxían do xabón desfacendo así a forma xeométrica.

◦ O mesmo pasou á hora de botar pementa na cunca de auga. Ao tocar o líquido co dedo cheo de xabón, a pementa que estaba situada ó redor dese punto fuxía e, neste caso, afundíase debido ó pouco peso. 

Tras o experimento, chegamos á conclusión de que isto era producido porque o xabón desfacía a tensión superficial que había na auga. Esta é producida pola atracción de moléculas de H2O entre si e provoca que algúns materiais estean na súa superficie sen afundirse (como o exemplo da pementa) e que outros materiais ao formar formas xeométricas, sexan atraídos cara ao seu propio centro impedindo a súa separación (como os escarvadentes). 

• O segundo experimento consistiu en meter dúas láminas ou placas cadradas unidas entre si con parafusos nun recipiente con xabón. Os parafusos facían formas xeométricas visualmente, como cadrados, triángulos... Entón, cando as láminas saían do caldeiro con xabón podíase apreciar como se facían figuras que tocaban sempre nos parafusos. Estas figuras representaban a área mínima das dúas láminas xuntas. Isto podía explicar que as películas de xabón sempre intentaban facer a súa área mínima para que ao formarse, a enerxía que necesitan fose mínima. Por exemplo, as pompas de xabón sempre son redondas debido a que esa é a forma que representa a súa área mínima sempre coa mesma cantidade de aire. 

• Por último, como terceiro experimento, Marga permitiunos observar como diferentes figuras 3D (feitas por ela mesma manualmente con arames de cobre) formaban no seu interior pompas de xabón ao metelas no recipiente indicado anteriormente. As diferentes figuras sempre tiñan unhas liñas de xabón que unían os vértices das figuras coa pompa que se formaba no medio; estas liñas sempre formaban ángulos de 120º coa pompa. Marga tamén nos explicou que un dedo seco pode romper unha pompa ou unha película de xabón. Pero un dedo mollado en xabón non pode romper a pompa ou película e permítenos atravesala completamente. Sobre isto comentounos que se tes unha figura semiaberta pechada cunha corda que se pode manipular, o dedo mollado en xabón, pode aumentar o tamaño da película tirando da corda. Aínda así, hai que facer un pouco de forza para manipulala, porque como xa expliquei anteriormente, a pompa sempre fai forza cara ao seu interior para manter sempre a superficie mínima.

Foi un obradoiro moi interesante e entretido!

Podedes acceder ás imaxe AQUÍ

Xosé Riveira Alonso - 3º ESO A

Campionatos San Xoán Bosco na biblioteca 2024

Durante os recreos celebraremos na biblioteca as eliminatorias dos campionatos de San Xoán Bosco das modalidades de xadrez, os luns; damas, os mércores e cubo de Rubik, os venres. 

Prestade atención ao taboleiro de anuncios coas datas das eliminatorias!

 Aquí deixamos un álbum de fotos que iremos actualizando.

Obradoiro: "A ciencia dentro dunha pompa de xabón"

O xoves 30 de novembro o alumnado de 3º ESO asistirá a un obradoiro preparado por Marga L. Periago no que empregarán líquido xabonoso con fins científicos. Veredes como sairán pompas de diferentes formas e tamaños. 
 
Mais non só o alumnado de 3º ESO poderá desfrutar da elaboración de pompas. O venres 1 de decembro no recreo quen queira probar a crear burbullas con xabón que se achegue a Marga no patio.  
 

Concurso Taboleiros de Nadal 23-24

Convócase unha nova edición do concurso Taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 

Poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. 

A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que se enviou ao correo en Vicedirección ou Secretaría. 

As normas son as seguintes: 

1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 

2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 

3. En canto a materiais, PROHÍBESE a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 

5. O luns 15 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Estaremos na Xornada de Bibliotecas escolares de Galicia 2023

Estamos convidadas a expoñer a nosa experiencia en canto a Traballos por proxecto na Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia (Sábado 18 de novembro)..

O noso proxecto Construbot, Comeza a partida! foi merecedor do premio ao mellor proxecto realizado con metodoloxía científica no VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS convocado por Bibliotecas Escolares de Galicia. 

O noso proxecto desenvolveuse no curso 21/22 co alumnado de 4º ESO. Aquí deixamos unha pequena presentación.

 

 

Novembro: mes da ciencia en galego

Ruta científica, artística e literaria por Castela-A Mancha sur e Andalucía centro e sur

Este curso participamos no programa "Rutas científicas, artísticas e literarias". A ruta que lle foi asignada ao IES Perdouro foi a que percorre Castela-A Mancha sur e Andalucía centro e sur e que leva por nome "Ruta dos camiños e o mar romano". 

Este programa educativo pretende, ademais de dar continuación aos coñecementos recibidos polo alumnado na aula, mellorar e presentar de forma máis atractiva a formación recibida nos seus respectivos centros, a través dunha contorna máis experimental e visual. Isto favorecerá non só a formación artística, literaria, científica, cultural, histórica, medioambiental e social, senón tamén o seu desenvolvemento integral. 

O IES Perdouro comparte experiencia co IES Clara Campoamor de Valencia e o alumnado participante dos dous centros realizarán a ruta en común. 
 
Na primeira xornada, a do luns, visitaron os muíños de Consuegra, o castelo de La Muela, as lagoas de Ruidera e a cova de Montesinos. O aloxamento tivérono en Manzanares e alí desfrutaron dunha divertida velada. 

 Na segunda xornada, visitaron as Tablas de Daimiel, un corral de comedias en Almagro, onde asistiron a unha representación teatral, e logo dirixíronse a Bailén, localidade onde se aloxaron. 

 
 
Na terceira xornada, o grupo visitou unha almazara en Bailén, na que desfrutaron dunha cata de aceite. Logo, dirixíronse a Córdoba, recibiron unha charla no departamento de Electrónica da Escola Politécnica da Universidade de Córdoba e pasearon por lugares emblemáticos da cidade, entre eles o Zoco. 
 

 Podedes ver máis imaxes AQUÍ



by Dr. Radut