Skip to Content

Encontro con Lucía Ferro, autora de "En Brandán"

Lucía Ferro estará na biblioteca do IES Perdouro, mañá venres, día 3 de novembro para falar de "En Brandán", a súa segunda novela.
O alumnado do club de lectura terá a oportunidade de intercambiar coa escritora palabras sobre o proceso de creación literaria así como aspectos desta novela policiaca.
 
Lucía Fernández Rodríguez, veciña de Barreiros, tamén escribe en galego e en inglés intervencións curtas publicadas na rede.  
 

Concurso de catrinas de 1º ESO

Nesta época de Samaín, coñecemos tamén tradicións doutras culturas. En México celébrase o Día de Mortos e, para iso, o alumnado de 1º ESO elaborou catrinas, caveiras decoradas, que expuxeron no 1º andar do edificio 1. O profesorado e o persoal non docente escollerá as tres mellores, que recibirán un premio. Moita sorte e parabéns polos vosos traballos!

Coñece a túa vila: ruta por Burela

Tal e como fixeron as promocións anteriores, no inicio do novo curso o alumnado de 1º ESO do IES Perdouro saímos a coñecer a nosa vila: Burela. 

A organización do centro decidiu que fósemos andando con seis profesores e profesoras: Fernando Losada, Sol Galdo, Fernando Lago, Miguel Rodríguez, Begoña Abad e Carmen Sampedro. 

Ás 8:30 reunímonos, dividíronnos en 2 grupos e saímos do recinto escolar ás 8:45. Nada máis baixar pasamos moi preto do Hospital da Mariña, moi importante para os cidadáns desta comarca. Seguimos a ruta e atopamos outro edificio importante: o Cuartel da Garda Civil. Aproveitando as vistas do alto de Burela, explicáronnos que "o faro non é faro" senón que é unha baliza. Tamén puidemos ver unhas plantas de menta, medicinais, que axudan a calmar a dor das ortigas. 

Dirixímonos á parte vella de Burela: a Vila do Medio. Alí vimos un cruceiro, unha cruz que axuda á orientación, unha casa tradicional galega e un hórreo, sobre o que nos deron información. Aprendemos que son estruturas típicas galegas fundamentais para gardar o millo e outros cereais. 

Entre o máis antigo que ten a nosa vila está a igrexa da Vila do Medio, unha impresionante construción do século X. Os nosos guías mostráronnos as famosas pinturas que contén o seu interior, as 3 campás e ofrecéronnos moitos máis datos que nos deixaron abraiados. Aproveitamos para facer unha foto de grupo nese fermoso monumento. 

Moi preto desa zona atópase un lugar idóneo para ver diferentes tipos de plantas típicas da vila tanto autóctonas como invasoras: alí puidemos ollar un groso castiñeiro centenario, xigantes eucaliptos, un muíño de auga e un río que fai que haxa musgo, fentos e acacias. Os salgueiros, toxos e a herba da pampa (planta invasora) encontrámolos aos poucos metros. 

Deixamos a zona vella de Burela e camiñamos en dirección á Marosa. Alí puidemos escoitar unha curiosa explicación da erosión da auga, que fai que as rochas polo impacto do mar se vaian convertendo nunha peculiar “tableta de chocolate”. 

De regreso vimos a "uña-de-gato" (outra planta invasora) e as Tetas da Vinculeira, emblema da riqueza arqueolóxica da Mariña. Para rematar a nosa andaina, vimos o antigo castro habitado polos galaicos onde se atopou o Torques de Burela tan famoso da nosa vila. Obviamente, non puidemos evitar estar uns intres parados desfrutando das vistas que nos ofrece Cabo Burela. 

Case sen darnos conta, xa era hora de voltar para o instituto e dar por terminada a xornada educativa.

Pódese acceder ás imaxes AQUÍ.

Gabriel Marrube Mendaña - 1º ESO A

Charlas formativas abertas para as familias: Atención á Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero

Retomamos as conferencias de Escola de familia. A primeira das charlas programadas para este curso no marco do Programa Lectura e Familias será impartida pola profesora Ana Ojea Alonso. Falarase de educar en igualdade, da identidade de xénero, de educación afectivo-sexual e educación emocional na atención á diversidade.

Curriculum de Ana Ojea: Profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes. Responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo.

Cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.
Formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

Non faltedes á cita, previa confirmación de asistencia chamando ao 982 87 01 02.

Vémonos na biblioteca.

Martes 31/10/2023 ás 18h30.

Conferencia do neurobiólogo Carlos Spuch sobre o Alzheimer e outras demencias

Na xornada do martes 17 de outubro o alumnado de 1º de Bacharelato e de CM de Peiteado e Cosmética Capilar acudimos a unha charla sobre o alzhéimer, unha enfermidade que afecta actualmente en España ao redor de 70.000 persoas. Esta actividade foi organizada pola Fundación Barrié e por AFAN Burela.  

O neurobiólogo Carlos Spuch explicounos cales son as causas da enfermidade, os datos máis relevantes sobre ela e como podemos axudar ás persoas que a sofren. 

O alzhéimer non afecta a todo o cerebro, senón só a unha pequena parte, a correspondente á fala, toma de decisións, comportamento e pensamento, entre outras. Pola contra, non afecta nin á memoria musical nin ás emocións, polo que a musicoterapia é unha das formas de atrasar a aparición desta enfermidade; tamén axuda a isto algunha das medicinas descubertas e o adestramento do cerebro. Sabemos tamén que a memoria non se perde, senón que fallan os lóbulos sinápticos, é dicir, as redes que conectan as neuronas entre si. 

Unha das preguntas máis frecuentes sobre este mal é: o alzhéimer é xenético? A resposta é non: é unha enfermidade que se dá a causa do noso ambiente aínda que, raramente, tamén pode ser xenética. 

En conclusión, para axudar ás persoas afectadas, deberiamos escoitar e interpretar o que nos queren dicir. Outra opción sería falarlles e poñelas en contexto da situación na que se atopan, para que poidan así expresar as súas emocións. 

Para rematar a charla, Carlos Spuch nomeou tamén diferentes persoas que padecían esta enfermidade ou algún outro tipo de demencia, como Carmen Sevilla, unha actriz española, e unha veciña da localidade de Burela, a cal estivo presente no acto. 

Pódese acceder a máis imaxes da actividade AQUÍ.

 Laura Alonso Fernández - 1º BACB

Xa comezou Proxecto Neo!

A semana pasada comezou Proxecto Neo. Como cada mércores de curso escolar durante 13 anos, o equipo de radio do IES Perdouro realizou distintas entrevistas. 

 Na emisión inicial desta tempada por fin puidemos estrear as instalacións de radio dos Polos Creativos. Os locutores deste primeiro programa do curso, que xa é o 393 desde o comezo de Proxecto Neo, foron Yanira, Hugo, Sara, Germán, Vanesa e Bernardo. A fotógrafa oficial é Lucía Rivas e no control técnico estivo Karina Parga, que contou coa axuda de Moustapha Sarr. 

Estas foron as persoas entrevistadas: 

- Anxo Rivas, locutor de Radio Foz 

- Miruca Parga, vicedirectora do IES Perdouro 

- Félix Pardo, profesor de Electrónica, do IES Perdouro 

- Ineida Moreno, alumna do CUALE de lingua portuguesa 

- Pepe Peinó, profesor e escritor 

- e María José Pardiñas, directora do centro. 

Proxecto Neo emítese en CUAC FM na Coruña, Radio Filispim en Ferrol, Xente de Teo en Compostela, Radio Piratona en Vigo e, este ano, como novidade, estará tamén na frecuencia de Radio Foz e Radio Valadouro.

Esta semana, novo programa, escoitádeo con atención!

Reunión Club de lectura A xanela familiar

 

 

Concurso Aulas Limpas 2023-24

Comezamos no mes de outubro co concurso Aulas Limpas, o que quere dicir que nos grupos da ESO e Bacharelato o alumnado debe ter en conta unha serie de medidas para manter a súa aula limpa e ordenada.

Achegamos a rúbrica que utiliza o xurado do concurso polo que é recomendable repartir entre o alumnado as tarefas de vixilancia para que todos os puntos da rúbrica se cumpran. 
 
As ventás e persianas dos extremos da clase deben quedar cerradas e as do medio, abertas, para ventilar antes de proceder á limpeza da aula. É importante tamén subir as cadeiras enriba das mesas para facilitar o labor das limpadoras. Se na última hora de clase o grupo que queda é pequeno, o alumnado anterior debe deixar subidas as súas cadeiras. 
 
Cada un de nós debe poñer o seu gran de area para que se manteña a limpeza e a orde nas aulas. 
 
Consultade a rúbrica do concurso para ver qué puntos debedes ter en conta.
 

Semana europea da mobilidade: STOP accidentes

O martes 19 de setembro veunos dar información unha das responsables da asociación STOP Accidentes de Galicia, que axudan ás vítimas de tráfico, traballan en prevención fomentando a mobilidade sustentable, saudable e segura. 

Empezou presentándose e explicando a que se dedicaba a asociación. Despois falounos do perigoso que é ir rápido no coche porque podemos provocar accidentes ou mortes a nós mesmos e a outras persoas. Tamén nos contou que sempre debemos coller un taxi ou outro medio de transporte antes de ir cun amigo que acaba de sacar o carnet ou que vai ebrio. Tampouco debemos estragar unha vida por unha noite na que estás cos teus amigos consumindo alcohol ou outras substancias e decides coller o coche para volver á casa. 

Por último, comentounos que sempre hai que ir co cinturón posto porque se vas con máis xente e tes un accidente podes chocar contra os teus amigos ou saír despedido por algún lado. 

Para ver mais fotos preme AQUÍ

Avril Hermida e Uxía Del Ángel de 4º ESO B e PDC

Tenis de mesa nos recreos

O profesor de Educación Física, Emérito, e o alumnado de 4º da ESO están a organizar nos recreos os partidos de tenis de mesa, unha actividade dentro do obxectivo de PATIOS ACTIVOS, na cal se dispón de 4 mesas, 8 pas e 6 pelotas que se van intercambiando cando se estragan ou rompen. Para que participe todo o mundo o alumnado xoga a 3-5 puntos con diferenza de 2 puntos e quen perda cédelle o posto a outra persoa para que poida xogar.

Esta actividade sempre está moi concorrida, por desgraza só por rapaces.

RAPAZAS, ANIMÁDEVOS!

Podedes acceder a outras imaxes AQUÍ

Hugo Sanjurjo e Borja Cortegaza - 4º ESO A



by Dr. Radut