Skip to Content

Visitia a Xantar 2024 (Ourense) e a Jim Sports (Palas de Rei)

O pasado 24 de outubro, o alumnado dos segundos cursos do ciclo básico de “Servizos Administrativos”, ciclo medio de “Xestión Administrativa” e ciclo superior de “Administración e Finanzas” emprendemos unha viaxe educativa para visitar o Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR en Ourense.

Tras máis de dúas horas e media de viaxe, chegamos ao recinto feiral Expourense onde se situaba a que é a única feira internacional de turismo gastronómico, cunha traxectoria de 25 anos, de aí a importancia que tivo para nós esta visita. 
 
Unha vez alí, ensináronnos moitos proxectos tecnolóxicos e tipos de innovacións que se fan hoxe en día coa comida. Un exemplo foi a demostración de Begoña Vázquez, propietaria do restaurante Regueiro da Cova, a cal empregou rodaballo, castañas e algas. Algúns de nós tivemos a oportunidade de probar esa comida, que a verdade estaba boísima. 
 
Finalizada a visita ao salón gastronómico, dirixímonos ás termas de auga natural de Ourense, onde puidemos relaxar o corpo e a mente, algo que nos fixo xenial despois dunha mañá tan intensa. 
 
Ao día seguinte, o venres 25 de outubro, partimos ben cedo cara a Palas de Rei onde visitamos a empresa JIM SPORTS, dedicada á importación, exportación e venda de material deportivo das súas principais marcas, así como ao deseño e á creación de terceiras. 
 
Alí recibiunos unha traballadora chamada Jesica, quen nos explicou como o dono puxera en marcha, hai vinte anos, esta empresa, a cal foi pouco a pouco crecendo ata chegar a internacionalizarse e contar incluso cunha franquía na República Dominicana cara a onde exporta os seus produtos. 
 
Gustounos moito ver a área de administración xa que é moi probable que cos nosos estudos poidamos, nun futuro, traballar nun espazo similar. Tamén nos resultou moi interesante a zona de loxística e ver como se almacenan os paquetes e como saen en grandes guindastres. Finalmente, estivemos no departamento de deseño, onde nos amosaron como imprimen as camisetas de deporte nunha tea especial para asegurar a súa durabilidade. 
 
Comprobamos que en JIM SPORTS é fundamental o capital humano, ao que lle prestan moita atención, xa que teñen un ximnasio nas propias instalacións, algo bastante innovador dentro dunha empresa. Ambas visitas nos gustaron moito, polo que queremos dar as grazas aos nosos profesores Patricia e Jesús por acompañarnos nesta viaxe e permitirnos vivir esta experiencia que será inesquecible para todos nós. 
 
Podedes acceder ás fotos AQUÍ
 
Elisabeth Mendes Rubal - 2º Ciclo Medio de Xestión Administrativa


page | by Dr. Radut