Skip to Content

Amigo invisible polo día da amizade

Esta mañá, 14 de febreiro, chegou o gran momento da semana. Os emisarios de Cupido repartiron as cartas de amizade, un amor necesario para o benestar emocional. 

Houbo cousiñas lindas, debuxos, poemas, etc...

Promovendo a empatía para o un mundo máis xusto.

Máis fotos por aquí.

Es romántico/a?

Hoxe día de celebración do amor imos facervos unha pregunta: Es romántico/a? 

Contesta ao cuestionario que fixo o alumnado de 3ºESO  na materia de  Proxecto Competencial. Eles queren saber se o alumnado da ESO é romántico. 

En 15 preguntas saberás se o/a es ou non.    

Adica un momentiño no recreo e contesta. 

Amor libre sempre.

 

Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

En plena semana dos afectos, contaremos na biblioteca do centro coa escritora Antía Yáñez. Aí foi onde Antía sendo nena medrou e se iniciou no mundo da escritura. Estará co alumnado de 1º ESO impartindo un obradoiro de escritura creativa.
 
Educando en valores.

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez

O luns 30 de xaneiro, día escolar pola paz, celebramos un obradoiro de regueifa destinado ao alumnado de 1º de ESO. Contamos con grande Cristian de Burela, ex-alumno do centro, laureado en varios certames de regueifa e membro da comunidade Enregueifate que promove o certame do mesmo nome. O improvisador explicoulles que é unha regueifa e unha vez entendido o mecanismo, en seguida compuxeron coplas e houbo moita creatividade e diversión nas propostas.

Pode acceder á reportaxe de fotografías aquí.

Bibiana Candia, autora de "Azucre"

O pasado 21 de novembro tivemos a honra de recibir na nosa biblioteca a Bibiana Candia, escritora que coñecemos a través da lectura da súa primeira novela e da que nos veu falar: Azucre. 

Azucre está baseada en feitos reais. Narra a historia de parte dos 1700 galegos que se embarcaron nunha viaxe a Cuba para gañar a vida traballando nos campos de caña de azucre. En contra do que eles esperaban, acabaron sendo vendidos como escravos. 

Bibiana comezou contándonos como lle xurdira a idea de escribir o libro. Comentounos que, antes de poñerse a redactalo, houbo un proceso moi longo. No seu caso, todo comezou cando, estando en Berlín, unha amiga compartiu con ela unha ligazón dun documental de RTVE e uns documentos cos nomes dos galegos que viaxaran a Cuba, xa que pensou que serían do seu interese pois Bibiana escribe en dúas revistas que tratan sobre historia e cultura. A amiga atinou plenamente porque Bibiana se interesou moito polo tema e pareceulle sorprendente que non se soubera nada dun feito histórico de tal relevancia. Así que, púxose a investigar e conseguiu recabar moita máis información coa que redactou e publicou un libro. Pero o obxectivo de Bibiana era dar a coñecer o caso e sabía que desa forma non o conseguiría, polo que se propuxo escribir unha novela. 

Para conseguir sensibilizar os lectores, a autora crea uns personaxes de ficción cos que é máis doado empatizar xa que, segundo Bibiana, “las personas no hemos cambiado tanto”, facéndonos ver que poderiamos ter sido calquera de nós aos que nos tocase vivir esa situación e a reacción sería moi similar. A autora recorda perfectamente o seu avó e os veciños da aldea que estaban nunhas circuntancias moi parecidas ás dos galegos antes de marchar e cre que se nacesen anos antes serían candidatos perfectos a esa viaxe á escravitude. 

Tamén nos falou das circunstancias que propiciaron este feito, tanto en Cuba como en Galicia. Contounos que Cuba, naquel momento, temía que se revolucionasen os escravos negros, ao igual que en Haití, pois eran moitos en número se se comparaban coa poboación branca. Ademais, precisaban escravos para traballar o azucre. Mentres, Galicia acababa de pasar un inverno moi frío, que acabou con todas as colleitas, e un andazo de cólera, polo que se necesitaba traballar fóra para paliar a fame e a pobreza. Neste escenario, o deputado Urbano Feijóo Sotomaior decide levar galegos a Cuba como traballadores libres, pide permiso á raíña Isabel II e contrata sete barcos. Cando os galegos chegan ao lugar de traballo, atópanse con dous problemas: por un lado, cústalles moitísimo adaptarse ao clima cubano e traballar nesas condicións e, por outro lado, tanto as estruturas como o persoal que se atoparon alí estaban acostumados aos escravos, polo que os galegos eran tratados como se o fosen. 

O escándalo chegou ata os oídos dos emigrados en Nova York e estes decidiron escribir cartas a Madrid para que os axudasen. Celébrase un debate sobre a escravización e disólvese a empresa de Feijóo Sotomaior. Os galegos que sobreviviron quedaron libres e déuselles a opción de volver ás súas casas. 

A raíz de todo isto, Bibiana opina que este acontecemento non quedou na memoria popular xa que supuña unha gran vergoña voltar de América sen ter conseguido nada.

Despois de contarnos todo isto e responder as nosas preguntas, dedicounos os nosos exemplares do libro. Foi unha mágoa que non houbese máis tempo para poder facerlle máis preguntas. 

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Gabriela Pedre Lastra e Ramón Leal González

Festival de Entroido 2023

Participade no festival do Entroido 2023!

Falade co/a voso/a titor/a para anotarvos e entregade a ficha de inscrición en Vicedirección ata o 27 de xaneiro. 

Podedes acceder AQUÍ á ficha de inscrición e AQUÍ a máis información sobre as indicacións para o festival. 

Chegaron os calendarios 2023

Todas as aulas locen xa o calendario anual de sobremesa tan esperado da Asociación Cultural Os Matos, Equipo de dinamización e Biblioteca.

O tema escollido foi EcoPerdouro, proxecto de sensibilización medioambiental do centro.
Contouse co alumnado de 4° ESO TIC para a elaboración de lemas, selección de imaxes e montaxe.
Resultado: Doce meses, doce xestos ECO.

E ademais repartimos entre todo o alumnado o calendario marcapáxina para estrealo nos seus libros da hora de ler por exemplo.

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez

Temos programado na biblioteca do centro un obradoiro de regueifa a cargo de Cristian Gómez para o vindeiro luns, día 30. Está destinado ao alumnado de 1º de ESO. Haberá dous pases onde o alumnado poderá darlle a fondo á improvisación.
 

A viaxe a Canadá do noso compañeiro Alexandre Rivera

O noso compañeiro Alexandre Rivera, do departamento de Inglés, participou no programa PIALE 2022 e viaxou a Ottawa integrándose nun centro educativo canadense, o Cedarview Middle School. 

O seu cometido era observar o sistema educativo canadense para achegar as súas experiencias ao seu alumnado de Burela. 

Estivo traballando co alumnado de 3º ESO PDC, 4º ESO B e 1º de Bacharelato para ensinarlles como funciona un instituto en Canadá e os aspectos máis destacables da súa cultura: o bilingüismo francés-inglés, a multiculturalidade etc. 

Un dato relevante e que chamou a atención do alumnado é que alí comezan as clases co himno nacional e logo agradecen aos aborixes (que eles chaman as primeiras nacións) o territorio no que aprenden, xogan e medran intentando redimirse do pasado colonialista. 

A continuación tedes a presentación que Alexandre empregou co alumnado na que tamén aparecen as actividades que se desenvolveron na aula á súa chegada e nas que traballaron por estacións: un concurso de cultura canadense, a planificación dun día por Ottawa, a xeolocalización das cidades e provincias de Canadá e elaboración de souvenirs. 

Canada difusion by Alexandre Rivera

Competición de montaxe e configuración

O alumnado do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicación rematou o último día antes de Nadal cunha competición de montaxe e configuración, traballando en grupos de alumnos de 1º e 2º curso. Demostrando as súas destrezas nas diferentes tecnoloxías vistas en distintos módulos profesionais, instalaron paneis con circuítos de alumeado, tomas de corrente eléctrica, sinais de televisión e instalación de videovixilancia. 
 
O grupo gañador estivo formado por: 
  • Bruno (1° CM) 
  • Daniel (1° CM) 
  • Christian (2° CM) 
  • Izan (2° CM)
E o grupo subcampión foi o composto por: 
  • Javier (1° CM) 
  • Miguel (1° CM) 
  • Kemer (1° CM) 
  • Breixo (2° CM)
  • Adrián (2° CM)
Moitos parabéns! Gran traballo!
 
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ


by Dr. Radut