Skip to Content

I Día da Literatura caboverdiana

O Departamento de Portugués organiza un encontro de lectura comunitaria do romance caboverdiano "Chiquinho" que será celebrado o 14 de marzo na biblioteca da nosa escola.

Non é por acaso que teñamos decidido organizar este encontro de lectura do romance Chiquinho, pois en Burela existe unha comunidade caboverdiana moi importante e consideramos que este tipo de encontros constitúen unha ferramenta necesaria para traballarmos na aproximación á cultura caboverdiana.

É por iso que consideramos moi importante a participación. Somos conscientes de que a participación presencial non é posible en moitos casos, por iso decidimos combinar esa modalidade coa participación online. Así, os participantes que non poidan asistir á lectura de forma presencial poderán ler conectando por videoconferencia ou ben participar enviando um vídeo gravado a:  modeloburela@gmail.com ou pola mensaxería privada do facebook.
 

Charla impartida polo alumnado de 1º de Bacharelato: Sobre saúde, dietas e azucres

O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.

Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.

De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos.

Para representar a cantidade de azucre que teñen os alimentos que consumimos habitualmente amosáronnos un taboleiro onde colocaron os envoltorios de cada un dos produtos xunto cunhas bolsas onde estaba a cantidade de azucre correspondente a 100 gramos do alimento en cuestión. Sorprendeume que alimentos tan comúns coma o Cola Cao, que moitos dos meus compañeiros e compañeiras declararon consumir para almorzar, puidesen conter tanto azucre.

A segunda metade da presentación tratou sobre os diferentes trastornos alimentarios. Falaron de algúns coma a vigorexia, a anorexia, a bulimia, a obesidade ou o sobrepeso e explicaron as diferenzas entre eles. Despois de recibir información sobre todas elas, eu destacaría o rol que teñen as redes sociais e a publicidade como causas de moitos dos trastornos. No que atinxe á obesidade e ao sobrepeso, falaron do IMC (índice de masa corporal), que serve para clasificar o tipo de obesidade segundo o resultado dunha operación matemática.

Pareceume interesante a mención ás diferentes aplicacións que existen hoxe en día para coñecer o valor nutricional dos produtos dun supermercado, pois eu descoñecía que puidesen chegar a xerar adicción nos seus usuarios e, moito menos, a afectarlles aos seus hábitos alimentarios. A parte referente ás dietas milagre foi moi interesante, pois a pesar de oír falar delas nunca fora consciente das consecuencias que poden traer a quen as realiza.

Como conclusión, pareceume unha actividade moi interesante pero, sobre todo, diferente. Hoxe en día as conferencias sobre nutrición son habituais á miña idade, e adoitan dicir o mesmo cunhas ou outras palabras. Como en tantas outras cousas, a xente non dá datos reais, e iso quítalles veracidade. Non obstante, nesta actividade achegáronse datos obxectivos, ademais doutros aspectos importantes coma as causas e as consecuencias dos diversos trastornos. En definitiva, foi unha experiencia que creo que nos axudou a concienciarnos sobre a relevancia que ten, a curto e longo prazo, unha alimentación sa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Ana Lestao Ben - 3º ESO B

Encontro con Antía Yáñez: a muller en Senlleiras

Este venres teremos con nós a Antía Yáñez para que o alumnado de 1º Bacharelato poida compartir con ela as súas impresións sobre o papel da muller na súa novela Senlleiras

Trátase dunha actividade máis dentro da Semana da Muller, arredor do 8M. 

 

Cartel 8M do IES Perdouro

Temos cartel Especial 8M!! Grazas a Zoe Arias Lamelas, alumna de 4º ESO, por achegarnos a súa proposta tan axeitada para a ocasión. Lembra: IGUALDADE!

O xogo da zoca: camiñando cara á igualdade

Unha das actividades organizadas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, é este xogo ideado pola profe Carmen Sampedro para que poidamos aprender sobre mulleres salientables ao longo da Historia. Ela mesma, acompañada de alumnado do ciclo de Xestión Administrativa, pasará pola aulas para que poidades xogar e avanzar así cara á igualdade. De aí o lema do xogo: 

Con estas zoquiñas, máis libre camiñas!
 

Celebración do 8M, Día da Muller

Presentámosvos as actividades para esta semana na que se desenvolverán diferentes actos para celebrar o Día da Muller, facendo fincapé nalgúns ámbitos nos que a igualdade aínda non é unha realidade. 
 
 

Viaxe a Santiago para recoller o premio do I concurso de RCP do COMC

O alumnado de 4º ESO B2 viaxou o día 27 de febreiro a Santiago para recoller o premio do I Concurso de Reanimación cardiopulmonar a nivel galego convocado polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña, no que resultou premiado o traballo feito por Shiva Eliska Alinda Nurhakim e os seus compañeiros. O traballo tiña como requisitos elaborar un cartel, un podcast ou vídeos. No seu caso, elixiron crear un cartel no que se amosaban as instrucións para realizar a RCP e unha gravación de audio na que todo o alumnado do grupo narraba os pasos para executar as manobras correspondentes. 

O grupo chegou a Santiago sobre as 11:00h. Estaban citados na sala Eisenman da Cidade da Cultura e alí foron recibidos por responsables do Colexio Oficial de Médicos da Coruña e por Manuel Vila, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

Antes da entrega dos premios, a nosa compañeira Shiva foi entrevistada por unha xornalista. Uns minutos despois, presentaron os distintos grupos premiados e os representantes de cada centro educativo foron chamados para recibir o premio e expoñer os seus traballos ás persoas presentes. 

Á parte do IES Perdouro, estaban presentes o CPI Isidro Parga Pondal de Oleiros, o CPI O Cruce de Cerceda e o Colexio Peleteiro de Santiago. Para finalizar a entrega, todos os centros educativos posaron para unha fotografía conxunta. 

A continuación, convidáronos a un almorzo con café, leite, pastas, froita... 

Logo, foron visitar a catedral e os seus arredores. O profesorado foi explicando datos sobre os lugares por onde foron pasando: a praza da Quintana, a do Obradoiro, a Acibechería... E xa dentro da catedral a exposición tratou sobre a cripta do apóstolo Santiago, os estilos arquitectónicos, o funcionamento do botafumeiro, a recente limpeza da pedra polo que agora se ve policromada... 

Para rematar, comeron no centro comercial As Cancelas antes de volver a Burela. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Alumnado de 4º ESO B2

Concursos AC Os Matos 2023

Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo en torno a seguinte temática "Unha vida de emocións".

 

Tedes ata o 31 de marzo para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVI Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XIV Concurso de Imaxe

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°29.

Tedes ata o 20 de abril para participar.

Lembra: en lingua galega.

 


 

 

 

 

 



 

 

Día de Rosalía 2023

O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía xa que é a data do aniversario do nacemento da autora. 

A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) propón regalar nesta data un libro e unha flor e ademais anímanos a ler o manifesto que prepararon para este ano 2023. 

Podes lelo e publicalo nas túas RRSS. Esta é a parte final do manifesto de Carme Adán que nos fai reflexionar sobre a necesidade de denunciar as inxustizas do noso tempo: 

"Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma? 

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?" 

Podedes descargar ou ler o manifesto completo neste enlace

Animade ao voso alumnado a ler poemas de Rosalía ou a parte que máis lles guste do manifesto anterior. Se o facedes na aula e o gravades, enviade os vídeos á vicedirectora para publicalos. 

#cumpriuseaxustiza #rdc_2023

Entroido 2023

Este ano retomamos a celebración do Entroido todxs xuntxs no patio con desfile e exhibición. O xurado tívoo difícil. Todas as actuacións foron grandiosas e divertidas: baile e música de hoxe e de onte, video-xogos, xuízo, emocións, deportes: fútbol, baloncesto, natación, desfile de moda, debuxos animados, ...

 

Os premios para os mellores grupos de Entroido foron para:

    1º premio: A granxa de 1º de bacharelato C
    2º premio: Indios e vaqueiros de 4º ESO A
    3º premio: KK Chanel de 1º de bacharelato B
  
Os premios para o mellor disfrace foron para: 

 
    1º premio: Manuela e Gabriela de 1º de bacharelato B
    2º premio: Marina de 1º de bacharelato B
    3º premio: María de 4º ESO A 

 

O premio Entroido Sostible foi para: 

    Premio Sostible: 1º ESO A

 

O premio á elegancia foi para : 

    Elegancia: David de 4º ESO A 

O grupo Os malotes do Perdouro representados polos profes tamén tiveron o seu premio de grupo e Rosa, portadora do estandarte, levou o premio ao mellor disfrace de profe.

Finalmente temos tres agradecementos moi especiais: felicitamos o profesorado e alumnado dos ciclos de Mecanizado e Mecatrónica, Peiteado e Cosmética Capilar e de Instalacións de Telecomunicacións que se preocuparon de fabricar os trofeos, maquillar o profesorado, da instalación da megafonía e da xestión acústica do evento.

Parabéns a todxs pola vosa participación e moitas grazas por vivir o Entroido con tanta alegría!!
 
Podes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.



by Dr. Radut