Novas

Festival Montenegro de Arte e Novela Negra

Tal como viñemos facendo os anos anteriores, queremos que o noso centro se convirta no punto de encontro de escritores e escritoras, ilustradores e ilustradoras, artistas, ...  

 

O punto de partida para a celebración deste Festival son os certames literarios. No blog do Festival Montenegro de Arte e Novela Negra podes acceder ás bases dos mesmos. 

O Certame de poesía chega á súa terceira edición e o Certame de relatos breves á cuarta.

Tamén poñemos en marcha o I Certame de microrrelatos.

Esperamos que te animes a participar !!!

Concurso: "Ningunha ave voa soa". Cartas breves e lemas de amor non romántico (2 ao 11 de febreiro)

CONCURSO: Ningunha ave voa soa.

Cartas breves e lemas de amor non romántico

Pola Candeloria, a metade do inverno vai fóra.

A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa.

(Refraneiro popular)

 

A Candeloria, tamén coñecida coma a Festa da Luz, é unha tradición galega coa que se celebra que xa pasou a metade do inverno. A partir do 2 de febreiro os días medran, e a natureza prepara o estourido de vida que é a primavera. Comeza o retorno das aves migratorias e do seu cortexo… ou como di a cultura popular, “os paxariños casan”. 

 

Tipos de texto: carta breve (1 folio) ou lema xeitoso (1 a 3 liñas).

Convoca: IES Monte da Vila (O Grove)

Bases:

1. Pode participar calquera persoa, establecéndose as seguintes categorías: 

· A: 1º e 2º de ESO.

· B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.

· C: Bacharelato e Ciclos formativos.

2. As cartas breves ou lemas xeitosos estarán escritos en galego, con letra Arial, tamaño 12. A extensión máxima non excederá dunha páxina para as cartas, e de 3 liñas para os lemas. Só se aceptará un máximo de dous textos por persoa.

3. Os temas deberán estar relacionados co amor nun sentido amplo e non romántico: a amizade, o agarimo familiar, o compañeirismo, o respecto ou a admiración. 

4. Os textos enviaranse ao correo electrónico: candeloriaMDV@gmail.com. O envío constará de dúas partes: a) corpo do correo electrónico cos datos da persoa participante (nome e apelidos, título da obra, categoría en que participa e pseudónimo); b) documento adxunto en formato Word co/s texto/s, indicando ao comezo o título da obra e o pseudónimo (sen referencia á persoa participante).

5. A data límite de entrega será o 11 de febreiro de 2022 (ás 17:00 min).

6. O xurado estará composto por tres integrantes: a coordinadora do EDLG do centro, un membro do equipo directivo e un representante do profesorado. O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.

 

7. Premios: haberá un primeiro premio e tamén finalistas por cada categoría. Os premios consistirán en vales de desconto para adquirir en comercios do Grove produtos culturais en galego (libros, discos, películas, etc.).

 

Conferencia sobre xenética evolutiva e hibridación de especies

O luns, 20 de decembro tivo lugar no centro a conferencia sobre hibridación de especies próximas de peixes migradores destinada a alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato de Ciencias, dentro das materias de Bioloxía e Cultura Científica que coordinan os profesores Roi Pazos e Arantxa Fernández.

 

O relator foi David José Nachón García, Doutor en Bioloxía e experto en ictioloxía do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela. David José Nachón García é Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con máis de 10 anos de carreira investigadora no campo da bioloxía e ecoloxía das especies de peixes migradoras en xeral, e sobre dúas especies de alosas en particular. Actualmente é investigador postdoutoral da USC no Laboratorio de Hidrobioloxía da Facultade de Bioloxía do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física de la Facultad de Bioloxía de la Universidade de Santiago de Compostela (USC), a cargo do proxecto “DiadES (Diadromous fishes and Ecosystem Services) - Assessing and enhancing ecosystem services of diadromous fish under climate change”.

 

Obxectivo Saúde: a Revolución dos Alimentos

O día 10 de decembro, o alumnado da materia Promoción de Estilos de Vida Saudables (PEVS) de 2º BAC., que imparte Nuria Santiago, tivo unha xornada moi especial. Dentro do II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos para espertar na mocidade o interese pola ciencia e tecnoloxía, recibimos no IES á Profesora e Investigadora do CSIC, Isabel Medina (Coordinadora de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos).

 

A Profesora Isabel, deixounos dúas mensaxes impactantes: a importancia da elección da nosa formación, que sexa cunha grande vocación e sobre todo, a importancia dos alimentos que veñen do mar, en concreto, dos ÁCIDOS GRAXOS OMEGA3, e o seu impacto na especie humana e no desenvolvemento cognitivo dende fai 600 millóns de anos e a importancia do seu consumo na actualidade como favorecedor de indicadores de mellora de saúde e de diminución de enfermidades cardiovasculares e outras enfermidades non transmisibles e pandémicas dende fai unhas décadas.

 

Na actualidade, tamén nos instruíu sobre o aumento de enfermidades neurodexenerativas que afectan á memoria (parkinson, demencia senil, alzheimer , etc) e da importancia destes ácidos graxos omega3 e o seu consumo para frealas.

 

Estamos agradecidas e agradecidos da súa forma de divulgar, tan sinxela, paixoal e potente. Esperamos contar con Isabel Medina en vindeiras ocasións.

 

Charla informativa sobre o programa Erasmus+

O 23 de novembro tivo lugar a conferencia de Iván Villar Fernández sobre o proxecto Erasmus+. O relator, coordinador dos Programas Erasmus+, do IES Bouza Brey de Vilagarcía, explicoulle ao alumnado as vantaxes de participar nestes programas e o crecemento que supón a nivel laboral e persoal.

 

Tamén falou dos tipos de financiamento e temporalidade dos programas.

 

Acercounos testemuñas e resolveu dúbidas a alumnado e profesorado.

 

Levou a cabo un labor moi didáctico dos programas.

 

 

 

Iniciativa do alumnado contra a Violencia de Xénero

Durante a xornada do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o alumnado do IES Monte da Vila levou a cabo unha serie de actividades reivindicativas.

 

O alumnado do Bacharelato de Artes, coordinado polas profesoras Josebe Arrillaga, Clara Vindel e Patricia Fernández, elaborou unha serie de carteis de denuncia:

 

   

 

Carteis elaborados polo alumnado de 1º Bacharelato Artístico.

 

Maquillaxe: Alba Rivas Pérez          

 

Diseño de cartel: Iñaki Méndez Mouriño

 

Fotografía e iluminación: Iñaki Méndez Mouriño

 

Modelos: Manuel Guillán Rivas, Érika Padín Rubianes, Camila Sol de Seta Martínez.

 

 

Baixo o lema de por que?, púxose nome ás mulleres mortas en España durante o ano 2021 por violencia de xénero.

 

Ás 11:10 todos os membros da comunidade educativa, ataviados con máscaras moradas, concentrármonos no patio para ler un manifesto contra a violencia de xénero e gardar un sentido minuto de silencio.


 

 

O manifesto lido foi o seguinte:

Hoxe queremos conmemorar o día contra a violencia de xénero, e polo tanto, gustaríanos que este minuto non só sirva para recordar as vítimas desta violencia, se non tamén para que cada un de nos reflexione sobre o feito de que todos somos iguáis, seres humanos, con ideas e pensamentos que merecen ser escoitados e que unhas voces non se deben escoitar máis que outras. Pensade como cambian as cousas cando nos respectamos e pouco a pouco camiñamos cara a igualdade. Agora iniciaremos o minuto de silencio, querémonos vivas a todas. 

 

Organización do minuto de silencio: Carla Reboiras, Paula García y Carmela Salgado (2º BAC.)

Redación e lectura do texto: Carmela Salgado

Fotografías: Carla Reboiras e Carmela Salgado

A experiencia ERASMUS+ de Carmen e Pablo en empresas de Braga (Portugal) Curso 20/21

No curso 2020/21 os alumnos de FPB Pablo Gondar Soutullo e Carmen Calviño Fraga realizaron a Formación en Centros de Traballo (FCT) en Braga, dentro do programa Erasmus+ / KA102 do IES Monte da Vila, que leva por título “Unha nova oportunidade”. A súa estancia formativa en Portugal durou desde o 26/04/2021 ata o 24/06/2021.

Carmen e Pablo, coa coordinadora da FCT, Ana Gómez, e a actual directora do instituto, Nuria Santiago.

Pablo realizou a súa formación na empresa JOSÉ SOARES E RODRIGUEZ, LDA (SORAUTO). Nas súas propias palabras, a participación no proxecto Erasmus+ foi “unha grande experiencia, na que aprendes a ser responsable e autosuficiente, e na que coñeces a moita xente, fas novos amigos e descobres lugares interesantes”.

 

 

Carmen realizou a súa formación na empresa STOCK – CAR, tamén en Braga. Como ela mesma di, “foi unha experiencia incrible. Coñecín un país, unha cultura, un idioma, e aprendín un traballo”.

Agardamos que a enriquecedora experiencia de Carmen e Pablo anime ao alumnado de Formación Profesional a presentar a súa candidatura para as futuras convocatorias do proxecto Erasmus+.

 

Visita ao Museo de Pontevedra (23 de novembro)

O alumnado da materia de Volume (1º Bac.), acompañado das súas profesoras, Patricia e Josebe, visitamos recentemente o Museo de Pontevedra.

 

A actividade comezou coa saída ás 9:00 horas do instituto, unha vez en Pontevedra dividímonos en dous grupos para facer dúas quendas de visita ao museo. A chegada a Pontevedra un dos grupos foi visitar a Illa das Esculturas, explicamos “in situ” a historia da creación dese lugar e explicamos tamén cada unha das esculturas de land art que a compoñen. Disfrutamos delas, sacamos fotos e ata aproveitaron para sacar algunha foto para o concurso de fotografía, dada a paisaxe de outono na que nos atopábamos. Despois desto, unha parada de 20 minutos para merendar e entramos no museo ás 11:30. A esa hora o outro grupo saía e dirixíase a visitar a Illa das Esculturas, tal como fixo o primeiro. No museo recibiunos María, que nos fixo unha enriquecedora visita guiada que empezaba pola sala de Castelao. Todos levamos unha gran sorpresa ao poder coñecer obras de todo tipo de técnicas de Castelao, reivindicativas, poéticas e case contemporáneas tanto en temática como e n técnica. Tras eso pasamos a ver outra sala de artistas galegos da mesma época, como Laxeiro, e por último baixamos a ver a exposición “Origami”. Esta exposición disfrutámola moitísimo. Na nosa materia de volume comezamos o curso traballando o origami e o kirigami, polo que era un tema familiar e todos quedamos fascinados das marabillas que se poden chegar a facer cun anaco de papel.

En definitiva, encantounos pasar unha mañá rodeados de arte e quedámonos con moitas ganas de repetir experiencia e posta en común.

 

Distribuir contido