Novas

Final do YBT, este ano telemática.

O pasado venres 7 de maio celebrouse a final do Young Business Talents no IES Monte da Vila. Tradicionalmente a final deste torneo celébrase en Madrid pero debido á COVID, este ano celebrouse de forma telemática.

De todos os equipos que comezaron en toda España no mes de novembro, dous equipos do IES Monte da Vila conseguiron clasificarse para esta final.

O equipo AFOJANECORAS, integrado polos alumnos de 1º de bacharelato Breixo Iglesias, Anxo Pérez e Carlos Rodríguez, quedaron no posto 77 dos máis de 3.000 equipos de toda España.

O equipo EMPRESAURIOX, integrado polo alumnado de 2º de bacharelato Zaira Besada, Anxo Cambados, Yael Cambados e Jennifer Meis, gañou a súa simulación na final e quedou clasificado no posto 26 do ranking estatal.

Noraboa aos dous equipos polos seus resultados e aos outros quince equipos do instituto participantes.

DragonBoats

Por fin puidemos facer unha actividade fóra do Instituto! Estábamolo desexando e presentóusenos unha increíble, diferente e sobre todo, de traballo en equipo: DRAGÓN BOATS.

O xoves, 5 de maio, viaxamos ao Pontillón do Castro, en Verducido e nas instalacións do Centro Deportivo David Cal, experimentamos co Dragón. O tempo non acompañaba pero a actividade superou as nosas expectativas en canto a diversión e actividade física.

Respectáronse tódalas medidas covid e traballamos en grupos-aulas de maneira moi coordinada e en equipo. Tamén coñecemos o centro de alto rendemento e a modalidade de competición do Dragón.

Foi unha xornada especial e calmou as nosas ansias de facer algo diferente.

Aquí vos deixamos unha reportaxe da xornada. Esperamos que a desfrutedes...


Se non podes ver o vídeo clica aquí

Atila no Grove

O pasado venres, 30 de abril, tivemos un encontro entre o alumnado de Historia de España, de 2º de Bacharelato, e Antón Mascato, autor de “Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)”. O autor falounos do proceso de investigación e elaboración da obra, que xa vai pola súa sexta edición, e que supón un fondo e documentado análise do pasado da vila. Tras a introdución, procedemos a una ronda de preguntas e debate, que permitiu un maior coñecemento dun período convulso e complexo por parte do noso alumnado.

 

Encontros coas Universidades de Galicia

O 16 de Marzo, Magdalena Domínguez e Luís Muñoz da Universidade de Vigo expuxeron a oferta educativa da súa universidade e contaron os detalles da convocatoria da ABAU. O Luns 22 da Marzo, Luis Quintela da Universidade de Santiago achegouse ó instituto para falarnos da oferta educativa da mesma e da ABAU. 

A marabillosa historia do descubrimento dos fármacos

O venres 5 de marzo volvemos a ter unha visita do conferenciante Alberto José Coelho Cotón, docente e investigador do Departamento de Química Orgánica da USC esta vez cunha charla sobre o descubrimento dos fármacos a que asistiu o alumnado de Ciencias aplicadas de 4º C.
A charla comezou ca definición de droga, principio activo e medicamento sinalando a diferencia entre os tres. De seguido, o relator fixo fincapé na importancia (sobre todo no momento en que vivimos) da hixiene e como o longo dos séculos esta importancia foi destacada por científicos e médicos ca experimentación e constatación de diminución de mortalidade nos distintos escenarios.

A charla desenvolveuse a continuación destacando descubrimentos importantes na industria farmacéutica sinalando descubridor e principio activo así como que en descubrimentos como a penicilina ( Alexander Fleming en 1928), a warfarina (Karl Link en 1940) …. tivo moita importancia un concepto como é a “serendipia” (Achado valioso que se produce de maneira accidental ou casual).

Entroido

A semana do 8 ao 12 de febreiro desfrutamos dun entroido pouco corrente no Monte da Vila. A pesar de non poder organizar comparsas como en anos anteriores, fixemos desafíos de disfraces diarios e cada clase escolleu unha temática para disfrazarse o venres. Atopamos moita participación e ganas de rachar coa rutina! 
 
2º ESO C gañou por partida dobre. Non soamente recibiron a puntuación máis alta nos retos diarios, senón que coa súa temática de fútbol americano para o venres aquilo pareceu a Super Bowl

COVID-19: Historia dunha pandemia. Leccións por aprender.

O venres 12 de febreiro o alumnado de Cultura Científica de 4º ESO e 1º Bacharelato tivo unha charla con Alberto José Coelho Cotón, docente e investigador do Departamento de Química Organica da USC.

A charla versou sobre a pandemia que estamos a vivir, de aí a súa necesidade e utilidade. Para poñernos en contexto comezou contándonos como se viviron pandemias tan famosas como a Peste Negra ou a mal chamada Gripe Española. Seguidamente explicou, en xeral, que son os virus; a súa estrutura e funcionamento, incluíndo as famosas mutacións; vías de transmisión; e tratamentos dispoñíbeis. Isto permitiulle poñer o foco finalmente no SARS-CoV-2, pechando a xuntanza cun debate sobre a abordaxe política da pandemia, a seguridade da vacina e as medidas de prevención

Entroido IES Monte da Vila

ENTROIDO IES MONTE DA VILA
RETOS DIARIOS E CONCURSO DE DISFRACES 2021

Coa finalidade de fomentar a participación do alumnado no entroido, establécense as seguintes actividades para os días entre o 8 e o 12 de febreiro (incluídos):


PRIMEIRA: RETOS DIARIOS DE DISFRACE


  • Cada día da semana entre o luns 8 e o xoves 11 haberá un desafío de disfraces diario, e común a todos os cursos.
  • As temáticas foron deseñadas polo alumnado de 2o de Bacharelato, e buscan que todo o mundo poida participar empregando roupa e complementos que teña por casa.
  • Ao escoller o voso disfrace, tende en conta que non pode interferir co uso da mascara, emprego do hidroxel, etc. É dicir: nin luvas nin caretas, ou outros elementos que tapen a cara. Igualmente, non podemos esquecer o mantemento das normas de seguridade (distancia persoal, evitar o contacto, non compartir material, etc).
  • As temáticas son as seguintes:
    • Luns 8: deportes. Individual ou por equipos, o importante é participar!
    • Martes 9: celebración. Aproveita e saca a roupa de festa! Vodas, bautizos e comuñóns do Monte da Vila!
    • Mércores 10: pixama. Iso si, non vale durmirse!
    • Xoves 11: labregos. A rebuscar no armario dos avós!

SEGUNDA: CONCURSO DE DISFRACES POR GRUPOS


  • O venres 12 celebraremos un concurso de disfraces por clases.
  • A temática é libre, pero cada clase ten que escoller a súa antes do día 9 e inscribirse.
  • Ao igual que nos retos diarios, o cumprimento das normas de seguridade e hixiene fronte á Covid é fundamental.
  • Para inscribirse no concurso, os delegados de cada clase entregaranlle aos seus titores ou ao vicedirector unha folla coa listaxe de participantes da súa clase, e a temática escollida.
  • Lembrade que se non vos inscribides non teredes a oportunidade de gañar o premio!

TERCEIRA: XURADO E PREMIOS


  • De luns a xoves, o profesorado valorará a cada grupo na sesión de clase correspondente, tendo en conta os disfraces, a participación do conxunto do grupo, a adecuación á temática diaria e o cumprimento das normas. O grupo que teña maior puntuación final obterá o seguinte premio:
    • Almorzo na cafetería do centro e diploma.
  • O venres haberá un xurado composto por entre 3 e 5 profesores, encargado de valorar os disfraces, a súa adecuación á temática escollida e o cumprimento das normas.
  • No concurso de disfraces entregarase o seguinte premio:
    • Almorzo na cafetería do centro ao mellor grupo de disfraces e diploma.
  • A participación no concurso supón a aceptación destas bases e o fallo do xurado.

Distribuir contido