CHARLA INFORMATIVA ALUMNADO 4º ESO

 

 As familias do alumnado que cursará Bacharelato o próximo curso participaron na charla impartida polo Departamento de Orientación  para informar sobre as diferentes modalidades e itinerarios de Bacharelato para o curso 2024-25.  A acollida e o acercamento das familias ao noso instituto  favorece a adaptación  do alumnado á dinámica do centro e mellora as relacións centro-familia.

 

VISITA ALUMNADO 4º ESO (IES CASTRO DA UZ)

 

O alumnado de 4º de ESO do IES Castro da Uz visitou o IES Moncho Valcarce. Participou nunha charla impartida polo Departamento de Orientación sobre a oferta académica do curso 2024-25: modalidades e itinerarios de bacharelato, posibilidade de realizar Ciclos de Formación Profesional, posibles validacións, etc. Esta información axudaralles na toma de decisión á hora de elixir un itinerario académico. Tamén realizaron unha visita polas principais instalacións do centro.

 

28 M DÍA NACIONAL DA NUTRICIÓN

 

Coincidindo coa celebración do Día Nacional da Nutrición (impulsado pola FESNAD), o alumnado de 1ºBacharelato de Anatomía Aplicada realizou diferentes investigacións destinadas a mellorar os hábitos nutricionais, e a comprender a estreita relación entre os hábitos alimentarios e a saúde. En concreto, indagaron sobre as recomendacións da OMS respecto das cantidades diarias recomendadas de azucres libres, a importancia da etiquetaxe alimentaria, os conceptos “ecolóxico” e “integral” e as enfermidades inflamatorias gastrointestinais. Por outra banda, o alumnado de 3ºESO traballou o método do prato de Harvard, co cal se pretende, dun xeito visual e sinxelo, dar a coñecer as cantidades e grupos alimentarios que se recomenda consumir en cada comida para que a dieta sexa o máis saudable posible.  

 

VISITA DA ESCRITORA ANDREA MACEIRAS

 

A escritora Andrea Maceiras visitou este mércores o noso instituto para participar nunha xuntanza co alumnado de 3º e 4º de ESO. Compartiu con nós as súas experiencias literarias e resolveu todas as dúbidas sobre os dous libros de lectura obrigatoria, O que sei do silencio e Europa Express. Dámoslles as grazas a Andrea polo seu tempo e a José Antonio (Anaya) por facer posible esta actividade.

 

DEPORTE E CONVIVENCIA NO GROVE

 

Alumnado de 3º ESO foron á comarca de O Grove durante 3 días e dúas noites. Practicaron varios deportes: kaiak pola Ría do Grove, surf na praia da Lanzada, tiro con arco, voleibol e outras acitvidades deportivas e recreativas. Realizaron tamén xogos e actividades de grupo para fomentar a convivencia no entorno das Rías Baixas.

 

CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

 

 

Este xoves, 16 de maio, o noso instituto celebrou o Día das Letras Galegas cun festival  no que se combinou poesía e música, dando a coñecer a figura e obra poética  da  autora homenaxeada este ano, Luisa Villalta . Este acto, que foi organizado entre o Departamento de Galego, Departamento de Música e o Equipo de Dinamización Lingüística,  contou con varias partes: 

  • Presentación da figura e obra de Luísa Villalta  por dous alumos (ESO e BACH)
  •  Presentación dos  catro mellores videopoemas de Luísa Villalta feitos polo noso alumnado.
  •  Entrega dos premios do I concurso de  videopoemas convocado este curso , promocionados polo Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística. As gañadoras foron: Érika Fernández, Lara Meizoso e Sheila Bahamonde.
  • Actuacións musicais: 

O alumnado de 2º da ESO elaborou a letra e a música, sempre coa colaboración da súa profesora de música, dun rap no que se defende o uso da nosa lingua . A posta en escena foi levada a cabo por cinco alumnos de 2º e 3º de ESO.

O coro do profesorado do instituto  interpretou a peza” Lela”  de Os vellos non deben de namorarse.

Pechouse o acto  coa interpretación no escenario do himno galego  por alumnado de 3º de ESO, sendo acompañado polo resto de alumnado presente no salón de actos. .

Mentres non celebremos o próximo Día das Letras Galegas, leamos, escribamos e leamos en galego!!!

 

GRADUACIÓN DA PROMOCIÓN 2023-2024

 

O xoves, 16 de maio, tivo lugar no Alovi o acto de Graduación da promoción 2023-2024 do IES Moncho Valcarce. O devandito acto foi organizado pola ANPA Brixeo. Queremos felicitar a todas/os Graduadas/os e desexarlles moita sorte na nova etapa académica. PARABÉNS!!!

 

                
    

 

     

FESTIVAL DA FRANCOFONÍA

 

 

 

Un total de 51 alumnos de 3º e 4º ESO participaron nunha saída a Vilanova de Arousa (Pontevedra) o 6-7 de maio de 2024. Pernoctouse unha noite no pavillón multiusos desta localidade para asistir a celebración do festival da francofonía o martes 7 demaio de 2024.

O alumnado de  3º ESO interpretou o tema “demain ça ira” de smarty&toofan e 4º ESO interpretou o tema “vois sur ton chemin” remix.

 Outras actividades que se levaron a cabo foron un paseo pola ría de Arousa (visita a unha batea para coñecer este tipo de explotación) e a visita á casa museo de Valle-Inclán (O Cuadrante). Trátase dunha actividade interesante para o alumnado xa que fomenta o seu interese pola lingua e cultura francesas e que favorece a interacción entre varios centros educativos da comunidade. 

  

FINAL DA VII EDICIÓN DO CONCURSO DE VIDEOPOEMAS DE ROSALÍA E MANUEL MARÍA

 

Por primeira vez, o noso instituto participou  na VII EDICIÓN DO CONCURSO DE VIDEOPOEMAS sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María, convocado pola Casa-Museo Manuel María. Aínda que eramos principiantes, o resultado non puido ser mellor porque o videopema “Cando a luniña aparece” de Rosalía de Castro, musicado por Lara Meizoso e interpretado por Érika Fernández, ambas alumnas de 1º de bacharelato, foi seleccionado como finalista entre máis de 50 traballos presentados por institutos de toda Galicia.  Dende aquí darlles a nosa noraboa e felicitalas polo excelente traballo que fixeron.

CHARLA DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA. GRAO DE TERAPIA OCUPACIONAL.

 

O alumnado de 1º de Bacharelato participou na “ Proxecto de Orientación a estudantes e difusión do Grao en Terapia Ocupacional en Centros Educativos de Galicia”. Esta actividade de Innovación docente foi impartido por dúas estudantes da UDC que explicaron o plan de estudos e os proxectos que se desenvolven nos graos universitarios e presentaron un  Proxecto  de Innovación docente e aprendizaxe realizado por elas. Esta  actividade de orientación académico e profesional acerca ao noso alumnado aos estudos universitarios.

 

Distribuir contido