Skip to Content

Actividades

Charlas Garda Civil

O pasado xoves 24 de marzo o alumnado de 1º ESO, 2º ESO e 1º curso de FPB recibiu unha charla sobre Uso das Tecnoloxías, impartida pola Garda Civil. Esta actividade está enmarcada dentro do Plan Director da Mellora da Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas.

Ás rapazas e rapaces explicáronselles, entre outros aspectos, a importancia das normas de ciberseguridade ou do emprego correcto das redes sociais (ex.: como actuar ante casos de ciberacoso).

Esta actividade foi organizada polo departamento de Orientación.

Comando Igualdade

Encadrado dentro do programa do 8M, este xoves 17 de marzo o alumnado de 1º Bacharelato asistiu, no Auditorio de Padrón, a unha actividade organizada pola asociación feminista Mulleres en Padrón, en colaboración co CIM Terras de Iria, o Concello de Padrón, a Vicedirección e o departamento de Orientación.

A xornada consistiu na presentación do proxecto por parte da filósofa Chis Oliveira, tras a cal se deu paso á intervención da rapazada do Comando Igualdade formada no IES Alexandre Bóveda de Vigo. O obxectivo era achegarlle o traballo desenvolvido polo Comando ao noso alumnado a través da súas propias experiencias, e abrir un debate entre a mocidade sobre cuestións relacionadas coa igualdade: estereotipos, relacións tóxicas, machismo, feminismo, etc.

Charla sobre as probas ABAU

Onte o alumnado de 2º Bacharelato asistiu a unha charla informativa sobre as probas ABAU, organizada polo departamento de Orientación e impartida polo profesor emérito da facultade de Matemáticas da USC, Luis Hervella Torrón, quen resolveu todas as dúbidas das nosas alumnas e alumnos de xeito ameno e didáctico.

O noso máximo agradecemento ao profesor Hervella por axudar ao noso alumnado a achegarse a estas probas de forma tranquila, serena e sobre todo moi positiva!

8M, Día Internacional da Muller

Hoxe, 8 DE MARZO, celebramos no noso IES o DíA INTERNACIONAL DA MULLER:

  • Repartíronse MÁSCARAS MORADAS ao alumnado, profesorado e persoal non docente.

  • Elaborouse un MANIFESTO, cuxa lectura, megáfono en man, correu a cargo de varias alumnas de 2º Bacharelato e Ciclo Superior durante o 2º recreo na explanada do centro. Parabéns para elas, e o noso máximo agradecemento por participaren na iniciativa. Podedes ler este manifesto aquí.

Agradecemos tamén a todo o profesorado, alumnado e persoal non docente a súa colaboración e participación neste acto para visibilizar a necesidade dun mundo máis igualitario, xusto e libre, tal e como dixeron as rapazas na súa lectura.

Para pechar a efeméride, o vindeiro xoves 17 de marzo, o alumnado de 1º Bacharelato asistirá á actividade Comando Igualdade, no Auditorio de Padrón, xunto a alumnado doutros centros da zona.

Visita ás facultades da USC

Como parte do programa "A Ponte entre o ensino medio e a USC", o alumnado de 1º Bacharelato tivo a oportunidade de visitar as facultades da Universidade de Santiago de Compostela na actividade "ENCONTROS na zona USC".

As alumnas e os alumnos fixeron un percorrido por ambos campus, para achegarse á formación académica universitaria que moitos delas e deles comezarán nun ano. Esta saída foi organizada polo departamento de Orientación, e os titores de cada grupo foron os profesores acompañantes.

Charlas procura de emprego

Este mércores, 16 de febreiro, Addecco impartiu unha Charla sobre Procura de Emprego  ao alumnado de 1º e 2º curso de FP das familias profesionais de Administración e Electricidade.

Addeco é unha empresa especializada na selección de persoal, que conta con máis de 280 oficinas en toda España.

Esta charla foi organizada polo Dpto. de Orientación en colaboración co Dpto. de FOL co obxectivo dar a coñecer ao alumnado técnicas e ferramentas para a súa próxima inserción profesional. 

Distribuir contido


by Dr. Radut