Skip to Content

Efemérides

O Macías contra a violencia de xénero

O pasado 25 de novembro o Macías sumouse á conmemoración internacional, e denunciou a violencia contra as mulleres. O alumnado concentrouse cunha pancarta elaborada polos alumnos/as de ESO, e escoitaron a lectura dun manifesto a cargo de dous compañeiros/as de Bacharelato que demandaban entre outras cousas " a erradicación de todas as formas de violencia machista: física e sicolóxica, ameazas, coaccións, agresións á liberdade sexual..."

                       

No manifesto incluíanse unhas verbas de Emila Pardo Bazán que, escritas hai máis de 120 anos, desgraciadamente seguen de plena actualidade: "o que axexa o paso dunha muller, atravésalle o corazón ou a degola, e despois alega que a quería, que a adoraba, que non podía vivir sen ela, a ese, todo o rigor da lei, porque ademáis de criminal é un covarde".

                                              

O MACÍAS DI NON A TODO TIPO DE VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!!!

17 de maio, Día das Letras Galegas

Onte, luns 16 de maio, co motivo da celebración do DÍA DAS NOSAS LETRAS, que este ano se dedican a Florencio Manuel Delgado Gurriarán, o noso IES participou na VII Festa da Lingua que o Concello de Padrón organizou, e na que tamén participou o alumnado do IES Camilo José Cela.

O noso alumnado presentou as seguintes propostas:

  • Lectura do poema de Rosalía de Castro "Eu cantar, cantar, cantei" (Cantares Gallegos), e do poema de Florencio Delgado "Resposta a Rosalía" (Galicia infinda), a modo de diálogo, a cargo de alumnado de 4º ESO.
  • Interpretación do poema de Florencio Delgado "A Pandeirada", musicado por tres alumnas de 1º Bacharelato e unha alumna de 4º ESO, cantando e tocando a pandeireta.
  • Lectura dun texto baseado no manifesto que o colectivo de A Sega dedicou a Luísa Villalta, Galega das Letras 2022, por dúas alumnas de 2º ESO.
  • Lectura dun poema de Luísa Villalta, por un alumno de 2º ESO.
  • Lectura do manifesto pola lingua, Danza das Bolboretas, por unha alumna de 4º ESO. Este manifesto foi escrito pola dinamizadora da Lingua Galega do noso centro.

Estas actividades foron organizadas desde o centro polo EDLG, que contou tamén coa colaboración da Vicedirección e de profesorado de distintos departamentos, como Lingua Galega e Bioloxía. Por suposto, queremos dar os parabéns ao alumnado voluntario que quixo participar na celebración deste día tan importante para a nosa lingua.

Día das Artes Galegas

O 1 de abril é o Día das Artes Galegas. Para celebralo, no noso centro tivo lugar, onte martes 5 de abril, un obradoiro de 2 horas dirixido ao alumnado de 1º ESO e impartido por Nina Alvela e Camilo Seira, e dedicado ao artista José Otero Abeledo, Laxeiro, o homenaxeado nesta efeméride este ano 2022Esta actividade foi organizada polo departamento de Debuxo.

Aquí podedes ver algunhas fotos da xornada:

   
   
   
   

Entrega de premios "Canto sabes de Macías, o noso Namorado?

E por fin chegaron os esperados premios do concurso virtual organizado por Vicedirección e o equipo da Biblioteca, Canto sabes de Macías, o noso Namorado?

A través de 10 cuestións, o alumnado participante tivo que demostrar todo o que aprendeu sobre a personaxe que dá nome ao noso instituto. As respostas estaban na exposición: nos mapas, nos obxectos medievais, nos instrumentos, no cómic de Antonio Ceacero Hernández, nas personaxes do departamento de Plástica, nas cantigas, nas obras de Larra e de Lope de Vega, na información do concello de Arjonilla, etc.

Parabéns ás dúas rapazas gañadoras do premio! Un 10 para elas!

Ademais, preparamos un vídeo coas fotos da exposición, que podedes consultar no blog da Biblio, premendo aquí.

8M, Día Internacional da Muller

Hoxe, 8 DE MARZO, celebramos no noso IES o DíA INTERNACIONAL DA MULLER:

  • Repartíronse MÁSCARAS MORADAS ao alumnado, profesorado e persoal non docente.

  • Elaborouse un MANIFESTO, cuxa lectura, megáfono en man, correu a cargo de varias alumnas de 2º Bacharelato e Ciclo Superior durante o 2º recreo na explanada do centro. Parabéns para elas, e o noso máximo agradecemento por participaren na iniciativa. Podedes ler este manifesto aquí.

Agradecemos tamén a todo o profesorado, alumnado e persoal non docente a súa colaboración e participación neste acto para visibilizar a necesidade dun mundo máis igualitario, xusto e libre, tal e como dixeron as rapazas na súa lectura.

Para pechar a efeméride, o vindeiro xoves 17 de marzo, o alumnado de 1º Bacharelato asistirá á actividade Comando Igualdade, no Auditorio de Padrón, xunto a alumnado doutros centros da zona.

Entrega de premios "Que me inspiras, Rosalía?"

Para rematar a semana de Rosalía, entregáronse os premios ao concurso de acrósticos Que me inspiras, Rosalía?, no que as alumnas e os alumnos do noso centro demostraron a súa creatividade artística e literaria con fantásticas cartolinas que adornan aínda o soportal acristalado dende onde nos mira a nosa autora (mural creado o curso pasado pola artista Lidia Cao).

ACRÓSTICOS GAÑADORES ACRÓSTICOS FINALISTAS 
   

Esta actividade foi organizada por Vicedirección e o equipo da Biblioteca, coa colaboración dos departamentos de LG e o EDLG.

Ademais, aproveitando a iniciativa da AELG, #sementadepensamentos, as gañadoras dos acrósticos plantaron pensamentos nunhas elegantes xardineiras encargadas para a ocasión. Parabéns ás premiadas, o xurado o tivo moi moi difícil!

23 de febreiro, Día de Rosalía

No IES Macías o Namorado estamos felices de celebrar esta data tan importante, nacemento da nosa escritora Rosalía de Castro.

Para conmemorar este día, o alumnado realizou as seguintes actividades:

- Visita Á Casa de Galicia, exposición ubicada na praza de Ramón Tojo (pódese ver ata mañá, 24 de febreiro).

- Asistencia ao acto institucional do Día de Rosalía e ofrenda floral no Paseo do Espolón, coa lectura de tres poemas extraídos da obra Follas Novas.

- Plantación dunha figueira agasallada polo Concello.

- Confección de acrósticos co nome da escritora, acompañados moitos deles dunha ilustración de elaboración propia.

- Escritura de poemas en pétalos para adornar, xunto cos acrósticos, o soportal acristalado do centro.

Velaquí algunhas imaxes das actividades:

A maiores, repartíronse a profesorado, alumnado e persoal non docente uns marcapáxinas deseñados coas postais gañadoras do concurso do pasado ano, para homenaxear a Rosalía. Podedes ver nestas imaxes o ben que quedaron:

Semana 14 de febreiro: coñece a Macías, o noso Namorado

Hoxe é 14 de febreiro. No noso IES quixemos adicar esta efeméride ao trobador que dá nome ao noso centro:

MACÍAS, O NAMORADO

Na entrada do instituto xa está preparada a exposición adicada a Macías, coas cantigas, o documento Porfiar hasta morir, dous pósters, instrumentos musicais e atrezzo medieval, etc.

Ademais, o alumnado poderá participar nun concurso virtual para demostrar todo o que aprendeu durante estas semanas acerca desta personaxe medieval. Para acceder a el desde a nosa aula virtual premer en: Biblioteca>Bibliomacías. Entre o alumnado acertante sortearanse 2 premios.

Esta actividade, proposta desde Dirección, foi organizada por Vicedirección e o polo equipo da Biblioteca. Colaboraron tamén os departamentos de Lingua Galega, Educación Plástica e Visual, Música e Bioloxía e Xeoloxía, xunto coa Conserxaría.

Agradecemos enormemente ao concello de Arjonilla todo o material facilitado e a súa enteira disposición para colaborar neste proxecto.

11 F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Hoxe é 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Para conmemorar esta data, o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, en colaboración cos departamentos de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, organizou o concurso virtual Galegas na Ciencia, que leva funcionando toda a semana. O alumnado tivo que superar un reto ao día, que consistía en que, a partir de tres pistas, tiña que averiguar a que científicas galegas se correspondía cada unha das informacións achegadas.

Hoxe, no 2º recreo na Biblioteca coñecimos o nome da persoa gañadora: Candela B.R., alumna de 1º ESO. Merecidísimo agasallo. Parabéns, Candela!

Semana 25 N

Esta semana levamos a cabo no noso centro diversas actividades relacionadas co DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES:

- Titorías: desde o departamento de Orientación, facilitáronse aos titores e titoras de cada grupo distintos recursos para traballar a educación contra o maltrato, como as curtas Escondite inglés e Memorando, ás que se pode acceder desde o noso apartado de Igualdade.

- Scape room urbano lúdico educativo "Rexeita o maltrato", para o alumnado de 1º e 2º ESO. Esta actividade formaba parte da programación do Concello de Padrón para o 25 N.

 

- Carteis contra a violencia machista, realizados por alumnado de 3º ESO.

- Charla da escritora e xornalista galega Montse Fajardo. A autora incidiu no alumnado na importancia de non normalizar condutas machistas e de denunciar as situacións de violencia de xénero. Repasou algunhas das historias de mulleres retratadas nos seus libros, como na súa obra Invisibles.

            

- Máis actividades EDLG: manifesto con audio da alumna Naiara Romero e poema interpretado pola alumna Saray del Río ambos escritos pola coordinadora do equipo. Xa podedes acceder a eles no blog do equipo: Nós, Rosaliando.

Distribuir contido


by Dr. Radut