Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

VISITA A CLESA

O pasado xoves 21 de marzo, o alumnado que cursa a materia de Proxecto Competencial de 1º e 2º ESO no IES Macías o Namorado visitou a fábrica de CLESA, localizada en Caldas de Reis (Pontevedra). 

CLESA é unha das marcas de produtos lácteos pertencentes á cooperativa CLUN, referente no sector agrogandeiro galego, que aposta pola sostibilidade e presenta un modelo de compromiso coa innovación e a calidade dos seus produtos.                                

Esta saída foi organizada polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e de Educación Física, ambos os dous coordinadores do proxecto Nutriactívate co Macías!, co que neste curso 2023/2024 participamos no programa Nutriescolas (dentro do Plan Proxecta+).

       

No noso proxecto temos como obxectivo promocionar hábitos saudables no alumnado e resto da comunidade educativa, tanto desde o punto de vista da alimentación como da actividade física. Por este motivo, consideramos de gran interese a realización desta visita, pois os rapaces e rapazas que asistiron coñeceron de primeira man a fabricación de varios produtos lácteos e visitaron brevemente parte das instalacións. Tamén puideron probar algunhas das variedades de iogur (e incluso propoñer sabores novos!) e dar opinión sobre o novo logo e packaging dos produtos actuais.

 

Emerxencia climática

Esta semana traballouse nas aulas de 1º ESO o obxectivo nº 13 da axenda 2030 polo desenvolvemento sustentable: ACCIÓN POLO CLIMA.

O departamento de Bioloxía e Xeoloxía organizou con este alumnado dúas xornadas propostas polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) para participar no seu reto "Loita contra a Emerxencia Climática (programa para unha transición ecolóxica)".

Na 1ª sesión recibiron unha charla sobre as causas e consecuencias do cambio climático e as súas evidencias en Galicia, e na 2ª sesión participaron nun obradoiro para calcular a súa pegada ecolóxica, co obxectivo de adquirir conciencia do propio impacto ambiental e de discorrer e propoñer como poderían mitigar os seus efectos. A actividade rematou cunha interesante reflexión:

"Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo" (Eduardo Galeano)

Aprendendo xeoloxía con Fran Canosa

O xoves 16 de decembro o xeólogo e divulgador científico Fran Canosa visitou o noso centro para impartir uns obradoiros de minerais e unha charla sobre tectónica e xeoparques:

- As alumnas e os alumnos de 1º ESO repasaron as propiedades máis chamativas dos minerais que xa estudaron nesta avaliación. Iso si, gozando da colección dos espectaculares exemplares que Fran trouxo ao IES, dos que observaron a cor, a forma, o brillo, a ferromagnetismo, a raia... e, do que máis lles chamou a atención, a fluorescencia.

        

- Pola súa banda, o alumnado de 1º Bacharelato, ao que finalmente tamén se uniu o de Ciencias da Terra de 2º Bacharelato, asistiu a unha charla sobre aspectos xerais de tectónica e sobre a singularidade xeolóxica dunha das zonas galegas máis fermosas: o xeoparque do Cabo Ortegal.

                                   

Quedamos con ganas de xeorruta!

Saída ao cine e ao museo do alumnado 1º ESO

Onte o alumnado de 1º ESO realizou unha saída organizada polo EDLG, en colaboración co departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

 

-  Na primeira parte da visita, as rapazas e rapaces visitaron o cinema NUMAX, onde gozaron da película O principiño.

O noso centro participa así por segunda vez no seu programa NUMAX na escola.

 

- Completouse a saída coa visita guiada no Museo de Historia Natural Luís Iglesias, no que o alumnado percorreu as seccións de xeoloxía, botánica e zooloxía, unha maneira diferente de completar o aprendido sobre minerais e rochas durante este trimestre. 

Vista a Noia e ás Minas de San Fins

O pasada semana o alumnado de 4º ESO asistiu a unha visita guiada a Noia e ás minas de San FIns, en Lousame.

Organizado polos departamentos de Lingua Gelaga e Bioloxía e Xeoloxía, a rapazada puido coñecer a vila de Noia e a historia da explotación mineira de San Fins. Unha saída moi interesante que complementa a súa formación, pois este alumnado está a ler Febre, de Héctor Carré (novela que recrea a febre do volframio na Galiza dos anos da Segunda Guerra Mundial), e, asemade, estudando os aspectos xeolóxicos do noso planeta.

                           

Se queredes saber máis sobre esta segunda novela de Héctor Carré, premede aquí.

Visita ao planetario 1ºESO

Onte completamos o que aprendimos de astronomía no 1º trimestre coa visita do alumnado de 1°ESO ao planetario móbil instalado estes días no auditorio de Padrón. Durante a sesión puidemos observar os movementos da Terra, a Lúa, o sistema solar e a nosa galaxia. Fixámonos nas órbitas descritas polos planetas, a rapidez coa que se move o Sol, pensamos nas distancias en anos luz e, así, decatámonos do abrumadores que poden resultar o espazo e o tempo. Tamén escoitamos o percorrido histórico que repasaba as principais achegas das civilizacións que mostraron o seu interese por esta ciencia, lembrando a figuras relevantes como Copérnico ou Galileo.

Esta rapazada xa é unha experta nesta disciplina!

Se queres ver algunha foto máis, preme aquí.

Aulas silenciosas exemplo de reutilización

 

 

 

Por fin completamos un dos nosos obxectivos no 1º trimestre: colocar nas patas das cadeiras pelotas de tenis deterioradas que tiñan como destino o lixo,  e así amortecer o ruído que se fai ao escoitar o timbre que marca o fin dunha clase. Un exemplo de boas prácticas dun dos 3R: a REUTILIZACIÓN. Deste xeito conseguimos promover actitudes respectuosas para o medio ambiente, ademais de concienciar sobre a problemática da exposición a ambientes pouco saudables acusticamente. 

Actúa local, pensa global!

Grazas ao Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo por doar 3 caixas repletas de pelotas de tenis. Esperamos seguir completando aulas. Por un centro responsable e comprometido co medio ambiente!

Charla sobre consumo responsable

 

No 1º trimestre tamén houbo cabida para o consumo responsable. O Instituto Galego de Consumo ofreceunos varios talleres, como o relacionado cos hábitos alimenticios, para o alumnado de 1ºESO. Despois dunha pequena charla, os rapaces/as realizaron unha divertida dinámica para comprobar o aprendido.

Preme aquí para ver máis fotos da xornada.

Charla sobre transplantes e doazón de órganos

O pasado mes de decembro, a axencia de doazón de órganos e sangue, ADOS, visitou o noso centro para contarlle á rapazada de 3ºESO e FP Básica en que consisten e que importancia teñen os transplantes e as doazón de órganos. Achegaron múltiples datos e imaxes para procurar concienciar a alumnado e profesorado asistente sobre o necesarias que son estas prácticas médicas. A parte máis emotiva da charla: o testemuño dunha paciente transplantada de ril, que contou en primeira persoa a súa propia experiencia.

Visita a Lousame e minas de San Finx

O pasado venres 18 de outubro o alumnado de 4ºESO das materias de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química visitou o complexo medioambiental Serra do Barbanza e as minas de San Finx.

Así puideron coñecer o impacto da problemática dos residuos, e atender á importancia da recollida selectiva dos mesmos e da práctida dos 3R (especialmente de REDUCIR, o primeiro R no que debemos traballar). Tamén reflexionaron sobre un novo R no que cómpre facer cada vez máis fincapé: REPENSAR os nosos hábitos de consumo, estreitamente relacionados cos residuos xerados.

En San Finx os rapaces/as adentráronse no centro de interpretación das minas de estaño e wolframio, onde lles relataron a historia do lugar, con anécdotas da época de máxima explotación destes minerais.

Os amantes da natureza gozaron tamén dos arredores, incluso puideron ver unha especie de musgo bioluminiscente, Schistostega pennata.

Premendo aquí podes ver máis fotos desta visita.

Distribuir contido


by Dr. Radut