LUNS 26 DE NOVEMBRO ÁS 12H tivo lugar no noso centro a inauguración oficial da exposición itinerante:
“Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de memorias dun neno labrego”
UBICADA NO PATIO CENTRAL DO NOSO INSTITUTO,
CONTAMOS COA PRESENCIA DE XOSÉ NEIRA VILAS, O ALCALDE DE SADA E A CONCEILLEIRA DE CULTURA AMÉN DE OUTRAS AUTORIDADES.
Durante estes días o noso instituto acolle a exposición itinerante “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego” coa finalidade de achegarlle á comunidade educativa a vida e obra de Xosé Neira Vilas. A mostra chega a Sada por medio da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello e co impulso da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a nosa ex-bibliotecaria pero compañeira e colaboradora nos labores da nosa biblioteca: Marisa Naveiro.
Contidos da exposición
‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.
A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.
Achegarlle as letras galegas á cidadanía
A exposición fai parada en Sada tralo seu paso -dende abril de 2011- polas bibliotecas e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira ou Oleiros. A través da súa itinerancia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.