Tal e como establecen as Instrucións do 27 de marzo, dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario, sobre a concreción de medidas a adoptar en relación coa avaliación do segundo trimestre, o IES Isaac Díaz Pardo procede a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre, co traballo desenvolvido ata a data de declaración do estado de alarma.
Logo de realizar xuntas de avaliación por videoconferencia, o venres 3 de abril, ás 15:00 horas, publicaranse as cualificacións no Espazo Abalar. (No ficheiro adxunto é posible consultar a guía informativa para familias).
As familias que non teñan acceso a Espazo Abalar deberán comunicar co centro co fin de artellar outro medio de información.
As circunstancias excepcionais que estamos a vivir esixen revisións das programacións que poden ser consultadas nas adendas dispoñibles no bloque relativo ás Programacións.
É importante destacar que as cualificacións da 2ª avaliación teñen un carácter meramente informativo. As posibles dúbidas e consultas deben ser canalizadas a través das titorías (contacto por Espazo Abalar, correo electrónico, teléfono do centro).
Conscientes da dificultade do momento e comprometidos co noso alumnado e as súas familias, continuamos a traballar para avanzar no curso. E-Dixgal e Aula Virtual son ferramentas imprescindibles.
Durante as vacacións de Semana Santa non habrá actividade académica.
A proposta á volta é respectar o horario de traballo de cada grupo, contactando profesorado e alumnado a través das plataformas dixitais nas franxas horarias habituais do curso. Cisco Webex e outras plataformas facilitan o seguimento das clases por videoconferencia e xa están sendo empregadas por parte do profesorado en cursos como 1º e 2º Bacharelato.
Traballando conxuntamente sairemos reforzados.
Os mellores desexos de saúde.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
guia_familias_-_novo_espazoabalar_galegov2.2.pdf | 4.81 MB |