Convocatoria probas libres obtención da ESO
Xa está publicada na páxina da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a convocatoria para realizar as probas libres para a obtención da ESO para maiores de 18 anos. Acceda a toda información nas seguintes ligazóns:
RESOLUCIÓN |
INFORMACIÓN XERAL |
CRONOGRAMA |
Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2021-2022 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
4. O alumnado matriculado durante o curso 2021-2022 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
4.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre.
4.2. As persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 7 de marzo ao 17 de marzo de 2022, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 de xullo ao 8 de xullo de 2022, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican no punto 3 ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nun dos centros figuran no punto 3 desta convocatoria da disposición segunda.
Documentación complementaria para a tramitación das solicitudes
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias, de acordo co establecido no punto 2 da epígrafe décimo terceira desta resolución, só no caso de aspirantes que os superasen nun centro distinto ao que realizan a inscrición.
b) Copia, se procede, da certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos puntos 3 e 4 da epígrafe décimo terceira desta resolución.
c) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.
d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.
2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase presencialmente nos centros educativos sinalados no punto 3 da epígrafe 2 desta resolución ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Realización das probas
1. As probas constarán de tres partes, correspondentes aos tres ámbitos en que se organizan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas e os seus contidos terán como referente curricular os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables establecidos para cada un dos ámbitos de coñecemento .
2. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 20 de maio e 2 de setembro de 2022 para as respectivas convocatorias.
3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, das 9.30 horas ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación física. Na segunda parte, das 12.15 horas ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación a Actividade Emprendedora Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.
Na sesión da tarde, das 16.00 horas ás 19.00 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:
a) Lingua Galega e Literatura.
a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.
a.2) Cuestións de Lingua Galega e Literatura.
b) Lingua Castelá e Literatura.
b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme o disposto no punto a.1) para a Lingua Galega e Literatura.
b.2) Cuestións de Lingua Castelá e Literatura.
c) Lingua estranxeira (inglés ou francés).
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Cronograma proba libre.pdf | 93.12 KB |