Pequeniña historia de Tui

 

 Tui  ten unha orixe lendaria como corresponde ó seu privilexiado e elevado emprazamento á beira do río Miño na fronteira con Portugal.

A Tude romana era un importante núcleo administrativo e militar.

No tempo dos suevos/as adquire aínda maior relevancia ó ser o centro do seu dominio.

Cando andaban por aquí os visigodos, chegou a ser berce dalgún rei (o famoso Witiza).

Ata a Baixa Idade Media os tudenses asentáronse no actual barrio de San Bartolomeu. Do antigo mosteiro, que era sede episcopal só se conserva a Igrexa Románica. A súa fachada e o artístico cruceiro son do século XVIII.

Logo de diversos ataques e saqueos dos musulmáns e pobos nórdicos, a partires do século XI, prodúcese un rexurdimento en torno ó Bispado debido ás numerosas doazóns e privilexios reais situándose a cidade amurallada no outeiro actual(S.XII). Destas murallas só se conserva o tramo fronte á rúa Ordoñez e á Porta Pía.

A Catedral (S.XII e XIII) coroa a cidade e dálle un aspecto de fortaleza. Ten unha estrutura románica e remate gótico, cun fermoso pórtico que é a obra máis antiga do gótico na Península Ibérica.

Dende o século XII adquire carácter fronteirizo ó constituírse Portugal como reino independente.

Foi capital de provincia do Antigo Reino de Galicia dende 1623 ata 1833.

Na nosa vila celebráronse os Primeiros Xogos Florais de Galicia.¨É de destacar nos tempos máis recentes nesta comarca a importante loita antiforal, Mártires de Sobredo, e antifascista, Mártires daRepública.

Ese esplendoroso pasado histórico converte á actual zona vella de Tui nun conxunto monumental artístico de beleza singular, e ós seus arredores nunha ampla zona de grande riqueza patrimonial, que podendes observar na páxina do concello. Pinchando en "Tui" accederedes a ela.