O pasado xoves día 24 de febreiro conmemorouse o día da nosa poeta máis internacional Rosalía de Castro. Como todos os anos, no IES Elviña os departementos de Biblioteca, dinamización e lingua galega colaboraron para celebrar esta xornada con exposicións, lecturas, disfraces (pois estamos no entroido) e vídeos.
Como cada ano, o día 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro (xa non dicimos todo iso de Cervantes, de Shakespeare e do Inca Garcilaso, a quen lle interese, pode aprender do enlace...).
O IES Plurilingüe Elviña, fór co vento ou fór coa chuvia, co sol ou coa lúa, confinado ou sen confinar, non deixou nengún ano de celebrar esta festa das venerables e menesterosas letras. Non ía ser menos neste curso das frías distancias e das abafantes máscaras.
Tocoulle turno ao xénero dos xéneros, o xénero fondo, o da beleza e a sonoridade, peza reservada aos lectores íntimos, aos que buscan non os lexítimos praceres do entretenemento novelesco, senon o paladeo exquisito da eternaverdade humana, mergullada nas ancestrais verbas da tribu. Nunha palabra, a poesía.
Coa colaboración de departamentos do instituto tan varios como biblioteca, lingua castelá, lingua galega, lingua inglesa, lingua francesa, linguas clásicas, dinamización ou tecnoloxía (deixámolo aí para non dar pé ás murmuracións), seleccionáronse textos líricos nas distintas linguas coñecidas e estudadas no centro para facer un vídeo conmemorativo coas lecturas feitas -ás veces con notable imaxinación- polo alumnado dos distintos grupos. Foron moitos os colaboradores, que leron poemas ou grabaron vídeos (maese Cóvid manda). Contodo, só algúns foron os elixidos na versión definitiva que podemos ver aquí.
Que ninguén o tome a mal: a lectura foi o premio. Cando avanzamos na palabra dos poetas -xa non palabras súas, senon cedidas á humanidade, solidarias e comunais-, en certa maneira facémonos poetas, depositarios das mesmas emocións que foron, das que son e das que serán. Velaí o vídeo, na nosa canle de Youtube.
Xa sabedes todos que o noso centro, a través da fermosa iniciativa do Erasmus+, liderado pola nosa benquerida María Sancosmed, avanza polo camiño da internacionalización. Nesta ocasión, contamos nesta actividade coa colaboración duns nosos amigos de Romanía. O Colegiul Naţional Vasile Lucaciu de Baia Mare quixo facer a súa propia homenaxe á lectura neste Día do libro contribuíndo, coma nós, cun fermoso vídeo feito polo seu alumnado: noble acto de irmandade académica e humana para esta noble ocasión. Irmandade no Cóvid, tamén, neste caso, pois os nosos amigos romenos tiveron que facer as súas lecturas confinados. Que poidan liberarse desa carga cedo! Un afectuoso saúdo a Romanía desde o IES Elviña!
... E unha lembranza para Paco Brines
O Día do libro é tamén a ocasión en que no noso país entrégase o premio Cervantes. Este ano foi elixido o poeta Francisco Brines, da xeneración social do 50. Moi maior está Paco Brines -se cadra non recollerá o premio en persoa-. Sexa como fose, non haberá mellor maneira para rematar esta xa longa entrada da nosa web que cunhas palabras deste grande poeta valenciano, que cantan á beleza da vida, da xuventude e da amistade. Vaia polo maestro!
Estaban en la plaza, rodeados por la luz inclinada de la tarde, cerca de las estatuas. Los jóvenes, tendidos junto al muro, sumíanse en el tiempo. Y él se sentó debajo de los arcos, en la primera grada. Con el pecho latiendo, miraba con los ojos encendidos la inquieta cercanía de los otros.
Más allá de las aves y las torres, cubriendo los abismos, ascendía la sombra de la tierra. Le miraron, y el golpe vivo del corazón hizo entreabrir la suavidad del labio en tímida sonrisa, en hermosas palabras de amistad.
Hablaban los dos jóvenes, y otro después, y pronto se agruparon todos los extranjeros de la plaza alrededor, visibles a la luna, con los distintos rasgos de su origen. Hablaban con amor de sus lejanos reinos, y olvidaban la sigilosa huida del hogar, el deseado encuentro con la tierra de la esquiva alegría.
La emoción del recuerdo fue quemando su errante corazón, y al encontrarse solo, ya en el alba, se durmió envejecido y misterioso.
A partir deste xoves día 11 de marzo, a Biblioteca estará operativa nos tempos de lecer para uso do alumnado. Dacordo coas directrices do protocolo establecido polo equipo Covid e aprobado por inspección educativa, a Biblioteca establecerá limitacións de aforo e outras medidas de seguridade. A realización de actividades con grupos estará limitada a grupos reducidos de alumnado dentro dunha mesma aula. Executarase, ademais, unha limpeza do espazo a media mañá entre os dous recreos para garantir ás máximas prevencións sanitarias no seu uso. Pódese consultar un resumo da normativa de uso no enlace de abaixo.
Andamos cinéfilos no insti, xa non só pola materia de cinema que o Dpto. de inglés montou en 1º de ESO, senon tamén porque o Depto. de galego trouxo ao centro para dar unha charla aos rapaces de 4º ESO a Manuel Castelo (Ourense, 1946), un dos "pais" do cinema galego. Precisamente, estivo o pasado día 13 de xaneiro no Salón de actos do IES Elviña a falar sobre unha das proto-obras do noso cinema, O pai deMigueliño, realizada por el mesmo en 1977. A obra inspírase no famoso relato de Alfonso D. Castelao do mesmo título. Aproveitando a charla, Manuel Castelo proxectou algunhas mostras da filmación.
Como ven sendo tradición (e as tradicións cómpre respetalas), chegado o outono, veñen tamén os seus sabores a encher os espazos do IES Elviña, e tamén os seus bandullos. O Departamento de dinamización, coa axuda inestimable de todos os membros do instituto (alumnado, familias, docentes e non docentes), organizou un ano máis a súa festa da outonía. Outros festexan o Nadal, a canícula, os campionatos mundiais de fútbol e outras cousas máis raras aínda: nós festexamos o outono, a estación dourada do ano (a cor das follas caedizas, da castaña que reventa no tépedo ourizo, do saboroso cogumelo, do alongado solpor de outubro e do mel da laboriosa abella, entre outras líricas orixes).
E como se festexa un bo outono?, perguntarán os apacibles lectores. Pois como vai ser! Somos galegos, non si?Pois comendo, que é xerundio.
O soto do IES Elviña festexando o seu outono
A xente do IES Elviña colaborando (a mellor parte foi dos que xantaron as viandas...)
Como cada ano, cada participante deu o mellor de si mesmo para traer o mellor exemplo das súas habilidades na cuciña, tentando non repetir, porque a graza está non só no xantar, senon na sorpresa do que se lle ocorreu este ano aos "chefs" do turno. E así, xunto coas inevitables castañas cocidas e asadas (e que ricas que están!) ou coa frescaxe da granada, correron por aí tartas de chocolate (e de chocolates), de améndoas e de marmelada, galletas de manteiga, de nata e de bombón (dignas do paladar de Willy Wonka), biscoitos de froitas e de tona (entonado ficou quen os degustaba), pasteliños de doce de leite ou de sweet cream (en poucas ocasións foi o centro máis plurilingüe...), pastas recheas de noz coa aromática dozura do anís e, por se non chegase xa con todo isto, o caldo da venerable Galiza e as fabes das Asturias apareceron tamén para quencer os corpos e alegrar as ánimas, que boa falta lles facía.
Coma sempre fantástico o traballo dos voluntarios e das voluntarias
Poesía con sabor de outono no primeiro tempo lecer
Coma parte literaria da xornada, para abrir boca, no andar da pranta baixa do centro durante o primeiro recreo Fernando Álvarez ofreceuse a ler para todos os presentes o poema de Rosalía de Castro"Miña casiña, meu lar" (Libro IV de Follas Novas, "Da terra"), no que, tras da violenta requisitoria contra a mesquindade humana para o pobre e o vencido, agóchase tamén un canto emocionado á honradez do fogar campesiño, simbolizado no sinxelo alimento que é o sal da vida.Que a ninguén lle falte!
Arrimei ò pote ô lume con augua para quentar; mentras escarabellaba na cinza, vin relumbrar un ichavo d'a fertuna... ¡Miña Virxe d'o Pilar! Correndiño, correndiño o fun en sal a empregar; máis contenta qu'unhas páscoas volvín a port'a pechar e na miña horta pequena unhas berzas fun catar. Con un pouco d'unto vello qu'o ben soupen aforrar,
e c'a fariniña munda, xa tiña para cear. Fixen un caldo de groria que me soupo que la mar; fixen un bolo d'o pote qu'era cousa de envidiar; despois qu'o tiven comido, volvín de novo a rezar; e despois qu'houben rezado puxen a roupa a secar, que non tiña fío enxoito d'haber tanto em mollar; n'antramentras me secaba púxenme logo a cantar...
Por último, o vídeo da xornada, editado por Carlochos:
As imaxes e vídeos contidos nesta páxina web corresponden ás actividades desenvolvidas dentro da Programación anual de actividades do noso centro polo noso alumnado. Todas as familias e responsables legais do alumnado que aparece nelas asinaron coa matrícula un permiso específico para permitir a difusión destas imaxes a través da web do instituto ou a través das contas en espazos web e en redes sociais que son de titularidade do IES Plurilingüe Elviña. Asimesmo, familias e responsables están tamén informados do seu dereito de revogar esa autorización de uso de imaxe. Lémbrase que a descarga destes materiais visuais e o seu uso por terceiros fóra do estrito marco dos espazos e funcións permitidos pola autorización citada (isto é, a difusión meramente informativa das nosas actividades complementarias e extraescolares a través da páxina web oficial do centro e a través das contas das que o centro é titular) son ilegais, poden e deben ser denunciados. O IES Plurilingüe Elviña non se fai responsable do uso que se poida facer destas imaxes por terceiros fóra do ámbito dos espazos web que son da súa titularidade.