Skip to Content

Normalización

DÍA DO LIBRO 2021

UNHA CELEBRACIÓN DA POESÍA
NO DÍA DO LIBRO

LibrosComo cada ano, o día 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro (xa non dicimos todo iso de Cervantes, de Shakespeare e do Inca Garcilaso, a quen lle interese, pode aprender do enlace...).

O IES Plurilingüe Elviña, fór co vento ou fór coa chuvia, co sol ou coa lúa, confinado ou sen confinar, non deixou nengún ano de celebrar esta festa das venerables e menesterosas letras. Non ía ser menos neste curso das frías distancias e das abafantes máscaras.

Tocoulle turno ao xénero dos xéneros, o xénero fondo, o da beleza e a sonoridade, peza reservada aos lectores íntimos, aos que buscan non os lexítimos praceres do entretenemento novelesco, senon o paladeo exquisito da eterna verdade humana, mergullada nas ancestrais verbas da tribu. Nunha palabra, a poesía.

Coa colaboración de departamentos do instituto tan varios como biblioteca, lingua castelá, lingua galega, lingua inglesa, lingua francesa, linguas clásicas, dinamización ou tecnoloxía (deixámolo aí para non dar pé ás murmuracións), seleccionáronse textos líricos nas distintas linguas coñecidas e estudadas no centro para facer un vídeo conmemorativo coas lecturas feitas -ás veces con notable imaxinación- polo alumnado dos distintos grupos. Foron moitos os colaboradores, que leron poemas ou grabaron vídeos (maese Cóvid manda). Contodo, só algúns foron os elixidos na versión definitiva que podemos ver aquí.

Que ninguén o tome a mal: a lectura foi o premio. Cando avanzamos na palabra dos poetas -xa non palabras súas, senon cedidas á humanidade, solidarias e comunais-, en certa maneira facémonos poetas, depositarios das mesmas emocións que foron, das que son e das que serán. Velaí o vídeo, na nosa canle de Youtube.

Versión extendida do vídeo

 
Colaboración co Vasile Lucaciu College romeno (programa Erasmus+)

VLXa sabedes todos que o noso centro, a través da fermosa iniciativa do Erasmus+, liderado pola nosa benquerida María Sancosmed, avanza polo camiño da internacionalización. Nesta ocasión, contamos nesta actividade coa colaboración duns nosos amigos de Romanía. O Colegiul Naţional Vasile Lucaciu de Baia Mare quixo facer a súa propia homenaxe á lectura neste Día do libro contribuíndo, coma nós, cun fermoso vídeo feito polo seu alumnado: noble acto de irmandade académica e humana para esta noble ocasión. Irmandade no Cóvid, tamén, neste caso, pois os nosos amigos romenos tiveron que facer as súas lecturas confinados. Que poidan liberarse desa carga cedo!
Un afectuoso saúdo a Romanía desde o IES Elviña!

 

... E unha lembranza para Paco Brines

O Día do libro é tamén a ocasión en que no noso país entrégase o premio Cervantes. Este ano foi elixido o poeta Francisco Brines, da xeneración social do 50. Moi maior está Paco Brines -se cadra non recollerá o premio en persoa-. Sexa como fose, non haberá mellor maneira para rematar esta xa longa entrada da nosa web que cunhas palabras deste grande poeta valenciano, que cantan á beleza da vida, da xuventude e da amistade. Vaia polo maestro!

Estaban en la plaza, rodeados
por la luz inclinada de la tarde,
cerca de las estatuas.
Los jóvenes, tendidos junto al muro,
sumíanse en el tiempo.
Y él se sentó debajo de los arcos,
en la primera grada.
Con el pecho latiendo,
miraba con los ojos encendidos
la inquieta cercanía de los otros.

   Más allá de las aves y las torres,
cubriendo los abismos,
ascendía la sombra de la tierra.
Le miraron, y el golpe
vivo del corazón
hizo entreabrir la suavidad del labio
en tímida sonrisa,
en hermosas palabras de amistad.

    Hablaban los dos jóvenes,
y otro después, y pronto se agruparon
todos los extranjeros de la plaza
alrededor, visibles a la luna,
con los distintos rasgos de su origen.
Hablaban con amor
de sus lejanos reinos, y olvidaban
la sigilosa huida del hogar,
el deseado encuentro con la tierra
de la esquiva alegría.

     La emoción del recuerdo fue quemando
su errante corazón,
y al encontrarse solo, ya en el alba,
se durmió envejecido y misterioso.

                   [De Palabras a la oscuridad]

 

ENTROIDO 2021

AS COVIDTOLENDAS,
OU SEXA,
COVIDTROIDO

EntroidoPoster

 

O Dpto. de dinamización e o de lingua galega non queren deixar pasar as tradicionais datas de Entroido cunha celebración no noso instituto. Por iso, con todas as prudencias que esixe a situación sanitaria, daranlle porta franca no centro ao bo de Don Carnal, quen, desta vez, trai disfraz posto de Dona Cuaresma, como manda a tradición do mundo ao revés. 

Pois, como manda a tradición polos pagos de Verín, o Entroido XA comeza, coma quen di, en xaneiro. Velaquí o calendario coas datas clave do fasto e co que toca en cada xornada:

Calendario

 

 Velaquí podedes descargar o cartaz deste NON tradicional entroido do IES Elviña.

Levádeo con moderación, como dicían en Delfos...

 

SABORES DE OUTONO

IV XORNADA DE COMIDAS DE OUTONO DO IES ELVIÑA

Como ven sendo tradición (e as tradicións cómpre respetalas), chegado o outono, veñen tamén os seus sabores a encher os espazos do IES Elviña, e tamén os seus bandullos. O Departamento de dinamización, coa axuda inestimable de todos os membros do instituto (alumnado, familias, docentes e non docentes), organizou un ano máis a súa festa da outonía. Outros festexan o Nadal, a canícula, os campionatos mundiais de fútbol e outras cousas máis raras aínda: nós festexamos o outono, a estación dourada do ano (a cor das follas caedizas, da castaña que reventa no tépedo ourizo, do saboroso cogumelo, do alongado solpor de outubro e do mel da laboriosa abella, entre outras líricas orixes).

E como se festexa un bo outono?, perguntarán os apacibles lectores.
Pois como vai ser! Somos galegos, non si? Pois comendo, que é xerundio.

01020304
O soto do IES Elviña festexando o seu outono
06070809
A xente do IES Elviña colaborando (a mellor parte foi dos que xantaron as viandas...)

     Como cada ano, cada participante deu o mellor de si mesmo para traer o mellor exemplo das súas habilidades na cuciña, tentando non repetir, porque a graza está non só no xantar, senon na sorpresa do que se lle ocorreu este ano aos "chefs" do turno. E así, xunto coas inevitables castañas cocidas e asadas (e que ricas que están!) ou coa frescaxe da granada, correron por aí tartas de chocolate (e de chocolates), de améndoas e de marmelada, galletas de manteiga, de nata e de bombón (dignas do paladar de Willy Wonka), biscoitos de froitas e de tona (entonado ficou quen os degustaba), pasteliños de doce de leite ou de sweet cream (en poucas ocasións foi o centro máis plurilingüe...), pastas recheas de noz coa aromática dozura do anís e, por se non chegase xa con todo isto, o caldo da venerable Galiza e as fabes das Asturias apareceron tamén para quencer os corpos e alegrar as ánimas, que boa falta lles facía.

010610
Coma sempre fantástico o traballo dos voluntarios e das voluntarias

Poesía con sabor de outono no primeiro tempo lecer

     Coma parte literaria da xornada, para abrir boca, no andar da pranta baixa do centro durante o primeiro recreo Fernando Álvarez ofreceuse a ler para todos os presentes o poema de Rosalía de Castro "Miña casiña, meu lar" (Libro IV de Follas Novas, "Da terra"), no que, tras da violenta requisitoria contra a mesquindade humana para o pobre e o vencido, agóchase tamén un canto emocionado á honradez do fogar campesiño, simbolizado no sinxelo alimento que é o sal da vida. Que a ninguén lle falte!

02mediana

Arrimei ò pote ô lume
con augua para quentar;
mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo d'a fertuna...
¡Miña Virxe d'o Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta qu'unhas páscoas
volvín a port'a pechar
e na miña horta pequena
unhas berzas fun catar.
Con un pouco d'unto vello
qu'o ben soupen aforrar,

    e c'a fariniña munda,
    xa tiña para cear.
    Fixen un caldo de groria
    que me soupo que la mar;
    fixen un bolo d'o pote
    qu'era cousa de envidiar;
    despois qu'o tiven comido,
    volvín de novo a rezar;
    e despois qu'houben rezado
    puxen a roupa a secar,
    que non tiña fío enxoito
    d'haber tanto em mollar;
    n'antramentras me secaba
    púxenme logo a cantar...

Por último, o vídeo da xornada, editado por Carlochos:

 

SAMAÍN 2019

E PASOU O SAMAÍN POR ELVIÑA...

cabaza

A mañá menceu chuventa e escura. Aínda sen a mortal friaxe dos días que virían despois, semellaba que a luz non tiña nen gañas nen forza para atravesar os suxos vidros da fiestra. Os supervivintes do exame de Bioloxía fuxían das aulas aterridos polo berros que chegaban do soto. Unha ducia de espíritos apareceron entón no primeiro andar, amarelos e  lentos, vagarosos como as brétemas que chegan coas maruxías de novembro, e enfilaron, con decisión, ata a Biblioteca arrastrando as cadeas, deixando polo camiño algún anaco de carne, un par de ósos cariados (que atoparon as señoras da limpeza detrás da porta de audiovisuais) e catro pozas de sangue fresco fronte a sala de profesores...
Ben sabían os espíritos o que lles agardaba na Biblioteca do IES Elviña: as lecturas máis horrendas, os laídos máis calafriantes, as torturas máis crueis (ollos arrincados, meigas fóra, demos vermellos de lingua babexante, coitelos afiados, pústulas e apostemas...)
Pois nada, que o alumnado do clube de lectura, como cada ano por estas datas, adicoulles aos atentos espíritos desta Santa Compaña elviñense, a lectura duns poucos contos de medo, banquete delicioso para as ánimas atormentadas polos anxos infernais.

Velaquí o espantosa que foi a lectura do conto
das DÚAS ASASINAS...

 

100 días de curso

Celebrando o centésimo día do curso

Polo visto pasamos o ecuador (Tempus fugit atque ruit, et "Panta rea") e nin nos deramos conta! É un dicir, claro: no subconsciente colectivo tíñano todos moi presente. Tanto, que a algunha ánima menesterosa ocurriúselle celebralo cun "photocall" de andar pola casa, iso sí, que o presuposto non da para máis alegrías... 

Álbum: Actividades -> 100 días do curso 2018-19
Distribuir contido


by Dr. Radut