Skip to Content

SABORES DE OUTONO

IV XORNADA DE COMIDAS DE OUTONO DO IES ELVIÑA

Como ven sendo tradición (e as tradicións cómpre respetalas), chegado o outono, veñen tamén os seus sabores a encher os espazos do IES Elviña, e tamén os seus bandullos. O Departamento de dinamización, coa axuda inestimable de todos os membros do instituto (alumnado, familias, docentes e non docentes), organizou un ano máis a súa festa da outonía. Outros festexan o Nadal, a canícula, os campionatos mundiais de fútbol e outras cousas máis raras aínda: nós festexamos o outono, a estación dourada do ano (a cor das follas caedizas, da castaña que reventa no tépedo ourizo, do saboroso cogumelo, do alongado solpor de outubro e do mel da laboriosa abella, entre outras líricas orixes).

E como se festexa un bo outono?, perguntarán os apacibles lectores.
Pois como vai ser! Somos galegos, non si? Pois comendo, que é xerundio.

01020304
O soto do IES Elviña festexando o seu outono
06070809
A xente do IES Elviña colaborando (a mellor parte foi dos que xantaron as viandas...)

     Como cada ano, cada participante deu o mellor de si mesmo para traer o mellor exemplo das súas habilidades na cuciña, tentando non repetir, porque a graza está non só no xantar, senon na sorpresa do que se lle ocorreu este ano aos "chefs" do turno. E así, xunto coas inevitables castañas cocidas e asadas (e que ricas que están!) ou coa frescaxe da granada, correron por aí tartas de chocolate (e de chocolates), de améndoas e de marmelada, galletas de manteiga, de nata e de bombón (dignas do paladar de Willy Wonka), biscoitos de froitas e de tona (entonado ficou quen os degustaba), pasteliños de doce de leite ou de sweet cream (en poucas ocasións foi o centro máis plurilingüe...), pastas recheas de noz coa aromática dozura do anís e, por se non chegase xa con todo isto, o caldo da venerable Galiza e as fabes das Asturias apareceron tamén para quencer os corpos e alegrar as ánimas, que boa falta lles facía.

010610
Coma sempre fantástico o traballo dos voluntarios e das voluntarias

Poesía con sabor de outono no primeiro tempo lecer

     Coma parte literaria da xornada, para abrir boca, no andar da pranta baixa do centro durante o primeiro recreo Fernando Álvarez ofreceuse a ler para todos os presentes o poema de Rosalía de Castro "Miña casiña, meu lar" (Libro IV de Follas Novas, "Da terra"), no que, tras da violenta requisitoria contra a mesquindade humana para o pobre e o vencido, agóchase tamén un canto emocionado á honradez do fogar campesiño, simbolizado no sinxelo alimento que é o sal da vida. Que a ninguén lle falte!

02mediana

Arrimei ò pote ô lume
con augua para quentar;
mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo d'a fertuna...
¡Miña Virxe d'o Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta qu'unhas páscoas
volvín a port'a pechar
e na miña horta pequena
unhas berzas fun catar.
Con un pouco d'unto vello
qu'o ben soupen aforrar,

    e c'a fariniña munda,
    xa tiña para cear.
    Fixen un caldo de groria
    que me soupo que la mar;
    fixen un bolo d'o pote
    qu'era cousa de envidiar;
    despois qu'o tiven comido,
    volvín de novo a rezar;
    e despois qu'houben rezado
    puxen a roupa a secar,
    que non tiña fío enxoito
    d'haber tanto em mollar;
    n'antramentras me secaba
    púxenme logo a cantar...

Por último, o vídeo da xornada, editado por Carlochos:

 



page | by Dr. Radut