Skip to Content

Actividades

SAMAÍN 2019

E PASOU O SAMAÍN POR ELVIÑA...

cabaza

A mañá menceu chuventa e escura. Aínda sen a mortal friaxe dos días que virían despois, semellaba que a luz non tiña nen gañas nen forza para atravesar os suxos vidros da fiestra. Os supervivintes do exame de Bioloxía fuxían das aulas aterridos polo berros que chegaban do soto. Unha ducia de espíritos apareceron entón no primeiro andar, amarelos e  lentos, vagarosos como as brétemas que chegan coas maruxías de novembro, e enfilaron, con decisión, ata a Biblioteca arrastrando as cadeas, deixando polo camiño algún anaco de carne, un par de ósos cariados (que atoparon as señoras da limpeza detrás da porta de audiovisuais) e catro pozas de sangue fresco fronte a sala de profesores...
Ben sabían os espíritos o que lles agardaba na Biblioteca do IES Elviña: as lecturas máis horrendas, os laídos máis calafriantes, as torturas máis crueis (ollos arrincados, meigas fóra, demos vermellos de lingua babexante, coitelos afiados, pústulas e apostemas...)
Pois nada, que o alumnado do clube de lectura, como cada ano por estas datas, adicoulles aos atentos espíritos desta Santa Compaña elviñense, a lectura duns poucos contos de medo, banquete delicioso para as ánimas atormentadas polos anxos infernais.

Velaquí o espantosa que foi a lectura do conto
das DÚAS ASASINAS...

 

O GRUPO DE BIBLIOTECA NO URBAN PLANET

AXUDAR TEN PREMIO

08     Agora que, por desgracia, remata o curso 2018-19, a nosa bibliotecaria Alba Lorenzo decidiu premiar os desvelos do grupo de voluntarios e voluntarias da Biblioteca que estivo axudando nos labores de organización e vixilancia do santuario da lectura do centro en todos os recreos do ano escolar. Así que, coma mamá cabra (védea choutando nas fotos que acompañan a reseña...), levou aos seus cabritiños ao Urban Planet de Oleiros para desfogar a gusto lonxe do recuncho escolar.
     A rapazada, adoecida coa tristura e a melancolía do fin do ano académico, apenas desfrutou da saída, segundo pode comprobarse polas bágoas de desesperación e os xestos de arrepío que reflicten as fotografías do evento. Case dubidei se colgalas desta vez, mais, en fin, os feitos son os feitos... Aí os tedes, chorando coma Madalenas polo fin do curso. Tranquilos todos! O próximo ano haberá MÁIS...

010203
050607

SEMANA DO LIBRO (II): QUEN É QUEN NO IES ELVIÑA

CONCURSO DE CARAS NO INSTITUTO

Taboleiro de quen é quen

     Ademais da escape room do día 23, desde a Biblioteca propúxose e levouse a bo fin unha actividade desas que fan gracia: un concurso de "quen é quen no IES Elviña?". Unha vintena de profes e profas e máis algún membro ben coñecido do persoal non docente rebuscaron entre as súas fotos de pequechos e trouxeron unha imaxe da súa tenra infancia. A actividade tiña o seu aquel de literatura, pois a principal pista para recoñecer aos retratados era unha lembranza literaria... Aí tivestes en todos os recreos da semana ao alumnado (e ao profesorado) do insti escachando coa risa na tentativa de recoñecer nos trazos do pasado as enrugas do presente...

quien1quen2quen3

     Seica os rapaces sentían curiosidade...

SEMANA DO LIBRO (I) 2019

"Escape Room" na Biblioteca do Elviña

C2    Xa sabiamos que pechar xente polos sitios é divertido e ademais está de moda. Pois nada, se o di a moda, que é unha señora que sabe moi ben o que di, que iamos facer nós, homes e mulleres deste malfadado século XXI decadente e sen imaxinación? Pois facer una escape room (para sermos máis chic temos que pronuncialo "esqueip rum", pero con u longo, ou sexa "ruum", coma fai un motor aceso). E como, cando se trata de estar á última, en Elviña somos os que máis, decidimos pechar ao alumnado de 3º de ESO na Biblioteca o día do libro (parece lóxico: día do libro, Biblioteca...). Porén, paradoxicamente a intringulis do asunto estaba en escapar dela... Que ninguén nolo tome mal, de todo canto se pode facer nunha biblioteca, unha escape (lembrade, léese esqueip) évos cousa ben inocente. A fin de contas, o mesmo Cervantes chimpoulle lume á biblioteca do seu andante cabaleiro. Nós aínda non chegamos a tanto...

01030405


    Pero sexamos serios, que este é o segundo parágrafo (1). Do que se trataba neste caso é de achar as combinacións dos catro broncíneos cadeados que pechaban as solemnes portas da Biblioteca. Catro probas, a cal máis retorcida, levaban ao alumnado ás desexadas combinacións a través da lectura e consulta de libros, da resolución de acertixos, da pericia matemática, da orientación espacial (nisto axudaron as meigas pequenas, ou sexa, as
brúxulas), da habilidade para resolver puzzles ou para decodificar criptogramas... De todo se fixo para que o paso dos rapaces e rapazas pola Biblio do noso centro fose entretido. Conseguiuse? Dígano as imaxes, que valen máis que mil palabras (pero só cando están mal escritas, non como estas, que fiz as máis apostas que puiden achar (2)). O demais será silencio.

06070910
12131415


(1) Os amables lectores saberán desculpar ao redactor desta reseña: a lectura estragoulle o siso, como lle pasou a Don Quijote e a Raskolnikov. Por outra banda, a tarde anterior estivo a ler a Larra e non pode dubidarse que se lle pegou algo o estilo do ilustre autor (espérase que non o temperamento). Se alguén cre que pode confiar en que volte á razón, cousa é de esperar que se acade co tempo ou coa penitencia (como lles pasou aos dous personaxes mencionados), ata entón, toca entoar aquilo do canto terceiro do Dante: lasciate ogni speranza... 

(2) Xa para rematar: hai que agradecer á historia da literatura universal todos os préstamos intertextuais (i.e. citas, quotations, furtos) que andan espallados por esta reseña. Grazas lle sexan dadas a Juan Manuel, a Dante, a Cervantes, a Dostoievski, a Larra, a Darío, a Homero, ao bardo de Avon e aos restantes non mencionados. Xuramos que os plaxios, se os hai, non son conscientes (¡Ni gato ni perro de aquella color!). Ou, confirmando as verbas de Azorín sobre a broma de d'Annunzio, "lo que no es tra(d)ición es (pl)agio". Ou foi Baroja? Non quero acordarme...

DÍA DA PAZ 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ, IES ELVIÑA 2019

ÁrboreO día 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz. O equipo de dinamización da Biblioteca puxo da súa parte para facer visible o compromiso da comunidade educativa de Elviña coa non violencia. O mal tempo non permitiu moitas alegrías fóra do centro (lamentablemente non houbo saída ao patio nin concentración, coma o ano pasado), pero dentro do insti... ¡ai, dentro do insti!... houbo compromiso dabondo: víronse vídeos, fixéronse murais e cada un, deixou a súa pegada na loita pola paz.

010203
05manentrada

 Mesmo o martes pola tarde pasaron polo instituto algunhas ratiñas non pouco presumidas que engadiron as súas pegadas ás dos nosos rapaces. Cando a ocasión é boa, benvidas sexan...

alborada
Os ratos que viñeron do Alborada

Desta vez, o noso Carlochos fixo vídeo da xornada, coa súa habitual pericia de director e mesmo guionista. Deixamos o enlace coa súa canle de Youtube e engadimos uns versos de Blas de Otero (a poesía, esencial humanidade na palabra enchida de senso e emoción, arma poderosa dos pacíficos) pertencentes ao seu libro Pido la paz y la palabra (1954).

Creo en la paz. He visto
altas estrellas, llameantes ámbitos
amanecientes, incendiando ríos
hondos, caudal humano
hacia otra luz: he visto y he creído.

*     *     *

Distribuir contido


by Dr. Radut