Skip to Content

SEMANA DO LIBRO (I) 2019

"Escape Room" na Biblioteca do Elviña

C2    Xa sabiamos que pechar xente polos sitios é divertido e ademais está de moda. Pois nada, se o di a moda, que é unha señora que sabe moi ben o que di, que iamos facer nós, homes e mulleres deste malfadado século XXI decadente e sen imaxinación? Pois facer una escape room (para sermos máis chic temos que pronuncialo "esqueip rum", pero con u longo, ou sexa "ruum", coma fai un motor aceso). E como, cando se trata de estar á última, en Elviña somos os que máis, decidimos pechar ao alumnado de 3º de ESO na Biblioteca o día do libro (parece lóxico: día do libro, Biblioteca...). Porén, paradoxicamente a intringulis do asunto estaba en escapar dela... Que ninguén nolo tome mal, de todo canto se pode facer nunha biblioteca, unha escape (lembrade, léese esqueip) évos cousa ben inocente. A fin de contas, o mesmo Cervantes chimpoulle lume á biblioteca do seu andante cabaleiro. Nós aínda non chegamos a tanto...

01030405


    Pero sexamos serios, que este é o segundo parágrafo (1). Do que se trataba neste caso é de achar as combinacións dos catro broncíneos cadeados que pechaban as solemnes portas da Biblioteca. Catro probas, a cal máis retorcida, levaban ao alumnado ás desexadas combinacións a través da lectura e consulta de libros, da resolución de acertixos, da pericia matemática, da orientación espacial (nisto axudaron as meigas pequenas, ou sexa, as
brúxulas), da habilidade para resolver puzzles ou para decodificar criptogramas... De todo se fixo para que o paso dos rapaces e rapazas pola Biblio do noso centro fose entretido. Conseguiuse? Dígano as imaxes, que valen máis que mil palabras (pero só cando están mal escritas, non como estas, que fiz as máis apostas que puiden achar (2)). O demais será silencio.

06070910
12131415


(1) Os amables lectores saberán desculpar ao redactor desta reseña: a lectura estragoulle o siso, como lle pasou a Don Quijote e a Raskolnikov. Por outra banda, a tarde anterior estivo a ler a Larra e non pode dubidarse que se lle pegou algo o estilo do ilustre autor (espérase que non o temperamento). Se alguén cre que pode confiar en que volte á razón, cousa é de esperar que se acade co tempo ou coa penitencia (como lles pasou aos dous personaxes mencionados), ata entón, toca entoar aquilo do canto terceiro do Dante: lasciate ogni speranza... 

(2) Xa para rematar: hai que agradecer á historia da literatura universal todos os préstamos intertextuais (i.e. citas, quotations, furtos) que andan espallados por esta reseña. Grazas lle sexan dadas a Juan Manuel, a Dante, a Cervantes, a Dostoievski, a Larra, a Darío, a Homero, ao bardo de Avon e aos restantes non mencionados. Xuramos que os plaxios, se os hai, non son conscientes (¡Ni gato ni perro de aquella color!). Ou, confirmando as verbas de Azorín sobre a broma de d'Annunzio, "lo que no es tra(d)ición es (pl)agio". Ou foi Baroja? Non quero acordarme...



book | by Dr. Radut