Skip to Content

Actividades

CHEGOU O NADAL AO IES ELVIÑA

Fin do primeiro trimestre

     Achéganse os días finais do primeiro trimestre e as luces do Nadal acéndense no noso instituto. Ao mesmo tempo que se adorna o rostro da fachada cunha nova e flamante porta de cristal, engalánanse tamén os andares e os espazos públicos do centro para festexar o fin de tremestre e a chegada do tempo das Saturnalia-Janucá-NadalAcumúlanse as actividades e celebracións no IES Elviña nestas datas: patinaxe sobre xeo, visita á casa-museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa, exposición de tarxetas postais, preparación de "cookies" non informáticas, exposición de murais sobre os dereitos humanos, actividades da Biblioteca... En fin, que neste frenesí de fin de trimestre, entre exame e exame, avaliación e avaliación, aínda hai tempo para as celebracións.

A nosa "Árbore de biblionadal"

010203
101112

     Empecemos pola Biblioteca. A intrépida bibliotecaria Alba Lorenzo, adicou un tempiño co alumnado de 3º de ESO para acondicionar a seriosa biblio de acordo coas datas que corren. Como, polo visto, Santa Claus tamén pasará pola nosa biblioteca, deixouse unha árbore de libros para que se entreteña este orondo visitante nórdico. En fin, que, desde a biblioteca do IES Elviña, se desexan felices festas e que o vindeiro 2019 veña con moitas lecturas para todos e todas!

O instituto vestido de invernía

     Pois o dito, que como chega o solsticio de inverno toca encher todo de espumillóns verdes, árbores con boliñas de cores e todo iso. Aí van as fotos.

01
02
03


Christmas & Cookies

     Outros que se sumaron ás celebracións son os rapaces e as rapazas e o profesor e a profesora (hai que ser inclusivos e inclusivas) do grupo de Actividades plurilingües do luns á tarde. Así que, co aquel da viciñanza do Nadal, o grupo fixo unha actividade consistente en cociñar unha receita tradicional inglesa, os Gingerbread cookies. Metidos novamente a cociñeiros despois do Thanksgiving, adeliñaron os ingredientes da masa e déronlles forma, coa calor da lareira (i.e. forno) déronlles tamén vida (They are alive!), e despois as degustaron (ou sexa, que as comeron, pero finamente) mentres cantaban a Christmas Carol (galego común: panxoliña) The twelve days of ChristmasMáis fotos para o delight da vista.

040507
010302


Árbore e postais de Nadal

E, para rematar, a nosa árbore, montada este ano polo alumnado de PMAR coa inestimable dirección de Gemma López. Grazas a todos polo traballo.

árborePostais

Felices festas desde o IES Elviña!

XORNADA DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER NO IES ELVIÑA

a5     O venres pasado, día 23 de novembro, o profesorado e alumnado do IES Elviña abriu un oco nas súas tarefas cotiás para amosar o seu compromiso coa loita pola dignidade da muller, conmemorando deste xeito a Xornada internacional contra a violencia machista que se celebrou o domingo 25. Desta vez, unha serie de sinxelos actos de protesta e compromiso foron as contribucións simbólicas (humildes e sinceiras) do noso instituto a esta noble e tan necesaria loita.

     Así, durante a mañá do luns 19 e do mércores 21, todos os grupos asistiron á proxección de varios vídeos de concienciación e crítica sobre a situación de desamparo da muller maltratada. Eses mesmos grupos, escolleron os seus propios lemas para confeccionar un vídeo-protesta a partir deles (coa sempre amable colaboración de Carlos, compañeiro de traballos e director de cinema do insti).

b1b2

     Desde a Biblioteca do centro, asemade, preparouse unha selección de lecturas e de filmes que teñen por tema a violencia sobre a muller. A selección acompañouse tamén dun mural con poemas, imaxes e textos destinados a espertar a reflexión do alumnado.

Muller2muller15Muller3
14
111012
a7a2a3


    O venres, ademais, o alumnado de 1º e 2º de ESO e parte do profesorado aproveitaron os dez minutos de miragroso sol entre os insistentes chaparróns da mañá (e da tarde, e da noite...) para facer no patio do centro un lazo humán contra as violencias machistas. Aí estiveron profas, profes, rapazas e rapaces coas mans ben moradas (de friaxe non, sí de compromiso) gardando o preceptivo minuto de silenzo polas moitas mulleres (unha xa sería dabondo!) que a cotío sofren a gratuíta violencia do sexo oposto.
     Unha aperta de ánimo a todas elas desde o IES Elviña.

SAMAÍN, 2018

araña

 

 

Títulocaveira

Samaín

     Cando a xornada comeza, aínda entre as abafantes néboas da mañá, van chegando os rapaces á sinistra biblioteca do IES Elviña (as teas das arañas e as persianas baixadas dan conta do abandono do lugar). En fin, que se unha biblioteca xa é de seu arrepiante no noso país, imaxínense vostedes o sentimento de afogo e terror no día dos defuntos...
    Grazas á colaboración dos diversos departamentos, o espazo puido engalanarse para tan fúnebre ocasión: testemuñas tácitas os esqueletes que saíron dos armarios para escoitar as historias de aparecidos e asasinatos que leron os rapaces (Esconxurados quedaron sapos, demos, cabras e bruxas!). En fin, que chegou o Samaín e foise un ano máis, sen que o sangue chegase ao río... pero si ao fío cortante dos coitelos e dos vampirescos cabeiros que luciron as pantasmas voadizas que percorrían os pasadizos do castelo, quero dicir, os andares do instituto...

040708
050109
1013

DÍA DO LIBRO

Imaxe-05      O día 23 de abril conmemórase a Xornada Internacional do Libro. A coincidencia no mesmo día do ano 1616 da morte de William Shakespeare e Miguel de Cervantes (e do Inca Garcilaso de la Vega, para redondear a cousa) xustifica sobradamente a celebración deste día (aínda que sexa con truco... en fin, que si non è vero, è ben trovato).

     No IES Plurilingüe Elviña os departamentos de linguas optaron este ano por facer unha exposición na Biblioteca de libros nos distintos idiomas do mundo (aproveitando que the surname v.gr. le prénom do noso centro é Plurilingüe). Moitas grazas a todos os profes que remexeron nas súas bibliotecas particulares para atopar os tesouros escondidos: libros do século XVIII, unha edición rara dos grabados da Encyclopédie de Diderot, unha edición das obras de Hawthorne de 1877, un misal romano do XIX, un facsímil dun Libro de Horas medieval, gramáticas do español de 1920, dicionarios de latín do século XIX, libros en xaponés, en chinés, en alemán, en inglés, en francés, en italiano, en ruso, en portugués, facsímiles, libros asinados polos autores, libros troquelados, xornais de todo o mundo... En fin, viuse alí todo tipo de publicacións do mundo. Unha boa maneira de celebrar o Día do libro.

im-01Im-02Im-03Im-04
Im-05Im-06Im-07Im-09
Im-14Im-07Im-10
Im-12Im-11

     Ademais da exposición, os rapaces e rapazas de 1º de ESO prepararon unha exposición de marcapáxinas feitos coas figuras de Castelao, Rosalía, Curros Enríquez e María Victoria Moreno, a quen se adica este ano o Día das letras galegas.
     Alba Lorenzo, a nosa profesora de lingua castelá, preparou ademais un concurso literario para completar a exposición: máis dun deuse de croques para saber a que escritor pertencían os textos da proba...

Concurso

Celebración do día das linguas

     O pasado día 3 de Outubro celebreouse o día mundial das linguas. No noso instituto non quixemos deixar pasar a oportunidade de facer un acto para conmemoralo. O Departamento de dinamización lingüística en colaboración cos departamentos de linguas do centro escolleu a alumnos e alumnas de varios cursos da ESO para ler polas distintas aulas poemas escollidos en diferentes linguas. A nosa compañeira do Departamento de lingua galega Patricia Varela preparou un vídeo con imaxes da actividade que podemos ver na súa conta de youtube. Velaquí o vídeo.

Distribuir contido


by Dr. Radut