O venres pasado, día 23 de novembro, o profesorado e alumnado do IES Elviña abriu un oco nas súas tarefas cotiás para amosar o seu compromiso coa loita pola dignidade da muller, conmemorando deste xeito a Xornada internacional contra a violencia machista que se celebrou o domingo 25. Desta vez, unha serie de sinxelos actos de protesta e compromiso foron as contribucións simbólicas (humildes e sinceiras) do noso instituto a esta noble e tan necesaria loita.
Así, durante a mañá do luns 19 e do mércores 21, todos os grupos asistiron á proxección de varios vídeos de concienciación e crítica sobre a situación de desamparo da muller maltratada. Eses mesmos grupos, escolleron os seus propios lemas para confeccionar un vídeo-protesta a partir deles (coa sempre amable colaboración de Carlos, compañeiro de traballos e director de cinema do insti).
Desde a Biblioteca do centro, asemade, preparouse unha selección de lecturas e de filmes que teñen por tema a violencia sobre a muller. A selección acompañouse tamén dun mural con poemas, imaxes e textos destinados a espertar a reflexión do alumnado.
O venres, ademais, o alumnado de 1º e 2º de ESO e parte do profesorado aproveitaron os dez minutos de miragroso sol entre os insistentes chaparróns da mañá (e da tarde, e da noite...) para facer no patio do centro un lazo humán contra as violencias machistas. Aí estiveron profas, profes, rapazas e rapaces coas mans ben moradas (de friaxe non, sí de compromiso) gardando o preceptivo minuto de silenzo polas moitas mulleres (unha xa sería dabondo!) que a cotío sofren a gratuíta violencia do sexo oposto.
Unha aperta de ánimo a todas elas desde o IES Elviña.