| ||
Cando a xornada comeza, aínda entre as abafantes néboas da mañá, van chegando os rapaces á sinistra biblioteca do IES Elviña (as teas das arañas e as persianas baixadas dan conta do abandono do lugar). En fin, que se unha biblioteca xa é de seu arrepiante no noso país, imaxínense vostedes o sentimento de afogo e terror no día dos defuntos...
Grazas á colaboración dos diversos departamentos, o espazo puido engalanarse para tan fúnebre ocasión: testemuñas tácitas os esqueletes que saíron dos armarios para escoitar as historias de aparecidos e asasinatos que leron os rapaces (Esconxurados quedaron sapos, demos, cabras e bruxas!). En fin, que chegou o Samaín e foise un ano máis, sen que o sangue chegase ao río... pero si ao fío cortante dos coitelos e dos vampirescos cabeiros que luciron as pantasmas voadizas que percorrían os pasadizos do castelo, quero dicir, os andares do instituto...