Skip to Content

Cita co teatro grecolatino

Neste curso 2018-2019 non faltamos á nosa primaveral cita no Teatro Colón o mércores 13 de marzo. Como ven sendo habitual, na sesión matutina representouse unha traxedia (Bacantes de Eurípides) e na vespertina unha comedia (Anfitrión de Plauto). Noite Bohemia foi a compañía encargada das dúas obras que fixeron as delicias do alumnado de Latín e Grego do noso centro. Procuraremos repetir a gozosa experiencia nos anos vindeiros...

ELVIÑA NO MUNDO

Historia viva de ELVIÑA

     Unha débeda pendente dos centros de ensino do noso país é a escaseza de vínculos co alumnado do seu pasado. O labor educativo, académico, remata cos exames finais e deixa ao alumnado na liberdade de continuar os seus estudos na Universidade, noutras ensinanzas ou de entrar no mercado de traballo.  Son moitas as ocasións en que antigos alumnos "regresan" ao centro sexa para matricular aos seus fillos, sexa para facer unha visita e lembrar tempos xuvenís, para facer algunha xestión administrativa, ou mesmo para traballar, desde esta barreira, coma profesorado agora, acolléndose ao claustro histórico do instituto de Elviña.

     Esperta certa envexa o coidado que noutras terras ponse no vencello entre a fría institución e as vidas intensas de quen pasou por ela. Por iso, abrimos aquí esta xanela ás novas que nos chegan de exalumnos e exalumnas, coma un xeito de subliñar o respecto e o orgullo co que, desde a actualidade, o IES Plurilingüe Elviña mira ao seu pasado, e a segura convicción que temos de que o noso alumnado actual encherá no futuro moitas páxinas ilustres no devir das ciencias e das artes.

Marisol Soengas: exalumna do IES ELVIÑA, autoridade na loita contra o melanoma

     Unha persoalidade de relevancia no mundo da investigación médica é Marisol Soengas que fixo os seus estudos de secundaria no noso centro para acadar despois a licenciatura e o doutoramento en Bioloxía pola Universidade Autónoma de Madrid e obter, a partir dos seus estudos, importantes logros laborais e distincións (como o premio Josefa Wonenburger no ano 2009).
     As súas investigacións no estudo do melanoma teñen sido noticia en distintas ocasións, e mesmo no mes de abril do ano pasado se lle adicou un número do dominical El País semanal sobre as mulleres españolas na ciencia actual (clicar na foto para acceder á entrevista). Adicámoslle un afectuoso recordo desde esta a nosa web. Sexa exemplo para as nosas estudantes do presente dos éxitos profesionais obtidos a base de estudo, paixón e traballo.

Marisol Soengas

7ª CONVOCATORIA BOLSAS EUROLINGUA

EurolinguaEurolingua Venairlanda convoca bolsas de axuda para a realización de Cursos de Inglés en Irlanda de dúas semanas de duración durante o verán nun programa de inmersión con todos os gastos incluídos. Trátase dun total de 20 bolsas dirixidas a alumnado de secundaria, bacharelato ou FP. O prazo de solicitude remata o día 17 de abril. Pódese atopar más información nos enlace do Portal educativo da Xunta de Galicia.

DE VIAXE EN SANTANDER

1º e 2º de ESO por terras cántabras

     Adoitan os métodos pedagóxicos o acomodo, mal que ben, co espírito de cada época. Nos tempos dos que xa o temos, o espírito educativo tiña hábitos sedentarios (ou sexa, que os estudantes pasabamos as horas e os días sentadiños na aula e atendendo ao profe de turno, aínda que o de atender era un dicir, claro, figura literaria chamada antonomasia). Quen nos ía dicir a nós que tanto mudarían as tornas? Agora o que priva para aprender é o movemento: hai que saír por aí, sacar aos rapaces para que lles dea o ar e lles ventile o maxín coas paisaxes non coñecidas. En fin, que o espírito pedagóxico ese mudou en itinerante, e abofé que aos rapaces non semella importarlles moito. E aos sufridos "profes"? Aí os vedes, sorrindo rexuvenecidos (sen esaxerar, xa eran xóvenes cando saíron), todos felices e contentos... Quen diría que pasaron catro noites sen durmir!

    Pero vaiamos ás cuestións: quen foron? Foron os rapaces e as rapazas de 1º e 2º de ESO do Elviña. E "Ubi fuerunt?" que diría o Boecio. Pois foron a Cantabria cun percorrido completiño: Santander, covas do "Soplao", albergue rural con actividades lúdicas na montaña, parque de Cabárceno, Santillana do Mar, Altamira... E como o pasaron? Iso terano que dicir eles, pero, a xulgar polas imaxes, diríase que non mal de todo.

01020304
1V2V3V4V
05060708

 
Presíntese que queimaron enerxía. Afortunadamente deixaron algunha:
AÍNDA LLES QUEDA UN TRIMESTRE!

Álbum: Actividades -> Viaxe a Cantabria 2019

O IES ELVIÑA EN PULL & BEAR

Visita ás instalacións de Pull & Bear en Narón

     O venres 22 de marzo o alumnado de Economía de 4º ESO e Bacharelato visitou a sede central e as instalacións de Pull & Bear en Narón, unha das máis coñecidas franquicias do emporio Inditex.
    En primeiro lugar puideron ver como se desenvolven as operacións de loxística nos almacéns, recibindo 8 millóns de prendas ao ano confeizoadas noutros países, que despois son enviadas ás case 1000 tendas que Pull & Bear ten espalladas por 47 países, ademais das vendas online.
    E despois visitaron a súa sede central, puidendo observar todos e cada un dos departamentos da empresa: as tendas piloto, o merchandising, os e as modelos "posando" para o catálogo web, deseño, patronaxe, informática, country-managers, etc. En fin, unha clase práctica de sabia e exitosa organización comercial. Moito aprenderían os rapaces!

010203

     Por certo, como de costume, o alumnado de Elviña deu exemplo de urbanidade (mandáronse felicitacións por escrito ao correo do centro polo seu comportamento e interese durante a visita). Que non se diga!

Distribuir contido


by Dr. Radut