Skip to Content

CURSO DE VICEDIRECTORES

     Este mércores día 8 de maio o director e máis o vicedirector do IES Plurilingüe Elviña foron invitados polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) como relatores dentro das xornadas de formación para equipos directivos que se están a desenvolver en Santiago de Compostela, en concreto dentro do Programa de formación continua para vicedirectores e vicedirectoras (Actividade G1801055). O relatorio que expuxeron nas sedes do Centro de Formación levaba por título "O papel da Vicedirección na organización da actividade do centro: a experiencia do IES Elviña".
      O feito de compartir con outros e outras colegas de centros de ensino de toda Galicia as nosas inquedanzas sobre a función vicedirectiva resultou unha experiencia gratificante e moi enriquecedora. Un saúdo desde a nosa páxina web a todos e todas os/as presentes na charla, co noso agradecemento pola atención que nos adicaron e pola cortesía coa que compartiron o café da media mañá.

Vicedirector

[Como pode comprobarse, ao vicedirector do IES Elviña non lle importou posar para a ocasión...]

Recreamos unha receita romana no Laboratorio de Ciencias

O alumnado de Humanidades elaborou unha receita do romano Apicio (gastrónomo do século I) coa axuda e a infraestrutura do Departamento de Ciencias. Fixeron Apicii Sal : sal mesturada con moitas herbas e especias tal como ourego, eneldo, tomillo, perixel, pementa, zafrán, xenxibre... Excelente para a dixestión, para evitar enfermidades, para os resfriados e, sobre todo, exquisita (suavissimi quam speras)...

 

 

SEMANA DO LIBRO (II): QUEN É QUEN NO IES ELVIÑA

CONCURSO DE CARAS NO INSTITUTO

Taboleiro de quen é quen

     Ademais da escape room do día 23, desde a Biblioteca propúxose e levouse a bo fin unha actividade desas que fan gracia: un concurso de "quen é quen no IES Elviña?". Unha vintena de profes e profas e máis algún membro ben coñecido do persoal non docente rebuscaron entre as súas fotos de pequechos e trouxeron unha imaxe da súa tenra infancia. A actividade tiña o seu aquel de literatura, pois a principal pista para recoñecer aos retratados era unha lembranza literaria... Aí tivestes en todos os recreos da semana ao alumnado (e ao profesorado) do insti escachando coa risa na tentativa de recoñecer nos trazos do pasado as enrugas do presente...

quien1quen2quen3

     Seica os rapaces sentían curiosidade...

Premios extraordinarios de Bacharelato

CONVOCATORIA DE PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO PARA O PRESENTE CURSO

     O pasado 11 de abril publicouse no DOG a Orde do 28 de marzo pola que se convocan os premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2018/19. O artigo 4 desta orde especifica o prazo de presentación de solicitudes entre o día 29 de abril e o 28 de maio. As solicitudes deberán entregarse en algún dos rexistros oficiais indicados na Orde preferentemente a través da Sede electrónica.
     A data das probas para a obtención do Premio extraordinario serán o día 27 de xuño.

 

SEMANA DO LIBRO (I) 2019

"Escape Room" na Biblioteca do Elviña

C2    Xa sabiamos que pechar xente polos sitios é divertido e ademais está de moda. Pois nada, se o di a moda, que é unha señora que sabe moi ben o que di, que iamos facer nós, homes e mulleres deste malfadado século XXI decadente e sen imaxinación? Pois facer una escape room (para sermos máis chic temos que pronuncialo "esqueip rum", pero con u longo, ou sexa "ruum", coma fai un motor aceso). E como, cando se trata de estar á última, en Elviña somos os que máis, decidimos pechar ao alumnado de 3º de ESO na Biblioteca o día do libro (parece lóxico: día do libro, Biblioteca...). Porén, paradoxicamente a intringulis do asunto estaba en escapar dela... Que ninguén nolo tome mal, de todo canto se pode facer nunha biblioteca, unha escape (lembrade, léese esqueip) évos cousa ben inocente. A fin de contas, o mesmo Cervantes chimpoulle lume á biblioteca do seu andante cabaleiro. Nós aínda non chegamos a tanto...

01030405


    Pero sexamos serios, que este é o segundo parágrafo (1). Do que se trataba neste caso é de achar as combinacións dos catro broncíneos cadeados que pechaban as solemnes portas da Biblioteca. Catro probas, a cal máis retorcida, levaban ao alumnado ás desexadas combinacións a través da lectura e consulta de libros, da resolución de acertixos, da pericia matemática, da orientación espacial (nisto axudaron as meigas pequenas, ou sexa, as
brúxulas), da habilidade para resolver puzzles ou para decodificar criptogramas... De todo se fixo para que o paso dos rapaces e rapazas pola Biblio do noso centro fose entretido. Conseguiuse? Dígano as imaxes, que valen máis que mil palabras (pero só cando están mal escritas, non como estas, que fiz as máis apostas que puiden achar (2)). O demais será silencio.

06070910
12131415


(1) Os amables lectores saberán desculpar ao redactor desta reseña: a lectura estragoulle o siso, como lle pasou a Don Quijote e a Raskolnikov. Por outra banda, a tarde anterior estivo a ler a Larra e non pode dubidarse que se lle pegou algo o estilo do ilustre autor (espérase que non o temperamento). Se alguén cre que pode confiar en que volte á razón, cousa é de esperar que se acade co tempo ou coa penitencia (como lles pasou aos dous personaxes mencionados), ata entón, toca entoar aquilo do canto terceiro do Dante: lasciate ogni speranza... 

(2) Xa para rematar: hai que agradecer á historia da literatura universal todos os préstamos intertextuais (i.e. citas, quotations, furtos) que andan espallados por esta reseña. Grazas lle sexan dadas a Juan Manuel, a Dante, a Cervantes, a Dostoievski, a Larra, a Darío, a Homero, ao bardo de Avon e aos restantes non mencionados. Xuramos que os plaxios, se os hai, non son conscientes (¡Ni gato ni perro de aquella color!). Ou, confirmando as verbas de Azorín sobre a broma de d'Annunzio, "lo que no es tra(d)ición es (pl)agio". Ou foi Baroja? Non quero acordarme...

Distribuir contido


by Dr. Radut