Skip to Content

Actividades do 40 aniversario

Actividades conmemorativas para a celebración do 40 aniversario da fundación do IES Elviña

CAMPIÓNS DO IES ELVIÑA

Campionato infantil JudoANDERSON COTÓN:
JUDOKA CON PRESENTE

     O alumnado do IES Elviña, ben o sabemos, é canteira viva de futuro: as enxeñeiras, os médicos, os biólogos e as xeólogas, as informáticas, os deseñadores, os novelistas e as poetas de mañá ocupan hoxe os seus pupitres, participando nas actividades do centro e facendo historia na nosa pequena e humilde escala cuotidiá. Xa noutras ocasións fixamos a mirada en antigos alumnos chegados á notoriedade por moi diversas causas ou no alumnado xoven e dinámico do presente cuxos logros non son menos abraiantes e que permeten albiscar carreiras cheas de coroas xa non lonxanas. Hoxe adicamos este espazo a un dos nosos rapaces de 2º de ESO, Anderson Cotón, do que xa non se pode dicir que sexa promesa de futuro senon absoluta realidade presente de éxitos no deporte do Judo tanto a nivel nacional coma internacional.

 Traxectoria vital e profesional
de Anderson Cotón

    Anderson ten agora catorce anos marabillosos e forma parte do Judo Club de Arteixo desde os nove. Chegou a España de moi pequecho procedente de Colombia. A súa é unha historia de loita e superación, desas que gosta escoitar nos seriais e ler nos xornais, porque teñen a perfección dun guión de cinema: abandoado, criado nun centro de acollida, ata que foi adoptado por unha familia española. Desde moi cedo, atopou no judo unha vía de perfeccionamento con numerosos logros: número 1 do ránking español na súa categoría o ano pasado, campión infantil nacional en categoría -50 kg, medalla de ouro na Copa de España como cadete (- 55 kg) en Hondarribia e de novo número 1 do ránking neste ano, 9º na Copa de Europa desputada neste mesmo febreiro en Follonica (Italia).

Anderson coas medallas

      Agora é un estudante encantador e un compañeiro exemplar no grupo de 2º ESO C do IES Plurilingüe Elviña e agarda pola European Cup de Fuengirola (do 14 ao 16 de febreiro) coa mente posta en gañar peso e, cos 15 cumpridos, aspirar xa aos galardóns das categorías superiores... Na mente se cadra xa unhas olimpiadas... Co entusiasmo que amosa e coas súas condicións físicas é seguro que conseguirá chegar ben lonxe. Ben o queremos todos os que formamos parte da comunidade educativa de Elviña, que buscaremos a partires de agora nos xornais todas as competicións de judo para atopar o seu nome entre os campións.

Anderson Cotón [El diario de Arteixo]

Moita sorte, Anderson! Ben a mereces!
O IES Elviña está contigo!

ELVIÑA NO MUNDO: RICARDO MARTÍN INGRESA NA ORDE DE ALFONSO X O SABIO

RICARDO MARTÍN, EXCATEDRÁTICO DE LINGUA LATINA DO IES ELVIÑA, CONDECORADO POLA SÚA APORTACIÓN Á CULTURA E Á DOCENCIA

     Os que estudaron hai tempo no IES Elviña (mesmo cando aínda era o Instituto de Bachillerato de Elviña) coñecerán de seguro a Ricardo, o esixente catedrático de latín (toto notus in "elvinense" orbe), o fundador e director do grupo de teatro Sardiña, durante moitos anos o mellor grupo escolar especializado en teatro clásico latino de España. Home entregado á lingua do Lacio, nai nutricia de canto en Occidente pode chamarse cultura (aínda neste tempo, cando anda tan deturpada), Jesús Ricardo Martín formou parte do claustro de Elviña case desde a fundación do instituto ata os días da súa xubilación no ano 2012, máis de trinta anos dunha vida enteiramente adicada á educación e ao teatro. Non hai moito, adicábamos na nosa web unha amable entrada sobre a celebración do Día da Romanidade na nosa cidade, na que o antigo catedrático do noso centro, participou rememorando con humor os costumes da Antigüidade.

Día da Romanidade

      Lembrar a Ricardo nesta precisa xornada (e mesmo en calquera outra) é non só unha agradable obriga senon tamén un necesario pracer e un motivo de respectuoso orgullo, pois ven de recibir, outorgada polo rey Felipe VI, de mans de dona Isabel Celáa, actual Ministra de educación en funcións, a Cruz da Orde civil de Alfonso X "el Sabio", polo seu dilatado labor (non rematado aínda!) no eido da cultura clásica e da educación. Ben merecidas son todas as homenaxes que veñen por tan nobre esforzo. Estas breves liñas sexan a do IES Elviña para un antigo compañeiro.

Ave, magister!

Ricardo Martín, condecoradoRicardo Martín, condecorado

ELVIÑA NO MUNDO

Historia viva de ELVIÑA

     Unha débeda pendente dos centros de ensino do noso país é a escaseza de vínculos co alumnado do seu pasado. O labor educativo, académico, remata cos exames finais e deixa ao alumnado na liberdade de continuar os seus estudos na Universidade, noutras ensinanzas ou de entrar no mercado de traballo.  Son moitas as ocasións en que antigos alumnos "regresan" ao centro sexa para matricular aos seus fillos, sexa para facer unha visita e lembrar tempos xuvenís, para facer algunha xestión administrativa, ou mesmo para traballar, desde esta barreira, coma profesorado agora, acolléndose ao claustro histórico do instituto de Elviña.

     Esperta certa envexa o coidado que noutras terras ponse no vencello entre a fría institución e as vidas intensas de quen pasou por ela. Por iso, abrimos aquí esta xanela ás novas que nos chegan de exalumnos e exalumnas, coma un xeito de subliñar o respecto e o orgullo co que, desde a actualidade, o IES Plurilingüe Elviña mira ao seu pasado, e a segura convicción que temos de que o noso alumnado actual encherá no futuro moitas páxinas ilustres no devir das ciencias e das artes.

Marisol Soengas: exalumna do IES ELVIÑA, autoridade na loita contra o melanoma

     Unha persoalidade de relevancia no mundo da investigación médica é Marisol Soengas que fixo os seus estudos de secundaria no noso centro para acadar despois a licenciatura e o doutoramento en Bioloxía pola Universidade Autónoma de Madrid e obter, a partir dos seus estudos, importantes logros laborais e distincións (como o premio Josefa Wonenburger no ano 2009).
     As súas investigacións no estudo do melanoma teñen sido noticia en distintas ocasións, e mesmo no mes de abril do ano pasado se lle adicou un número do dominical El País semanal sobre as mulleres españolas na ciencia actual (clicar na foto para acceder á entrevista). Adicámoslle un afectuoso recordo desde esta a nosa web. Sexa exemplo para as nosas estudantes do presente dos éxitos profesionais obtidos a base de estudo, paixón e traballo.

Marisol Soengas

DALÍ CIENTÍFICO NO IES ELVIÑA

Dali-03
Dali-01

     Arte e física en amorosa compaña? Quen dixo tal? Non vai iso contra a natural antipatía entre ciencias e letras? Non, non, non misturemos... Asíntotas e Leonardo da Vinci? Cálculo diferencial e Michelangelo? Vaites! Quita de aí, rapás! Pois si!
    E non é tan raro: nisto da interdisciplinaridade sabían moito máis ca nós os antigos gregos e romanos (mesmo os homes do medioevo), que, con máxica intuición, agochaban o misterio esencial das belas artes baixo a chave da segreda linguaxe dos números.
     Remedando, pois, aos vellos mestres das artes da beleza, varias profesoras do IES Castro de UZ de As Pontes María Fernández Bouza, Rocío Chao Fernández, Rosa Ana Fernández Rodríguez, María José Fernández Yánez e María José Vergara Leonardo preparon hai xa uns anos unha exposición na que se estuda con esmerado detalle a relación entre a ciencia matemática e a pintura de Salvador Dalí. A exposición obtivo no ano 2004 unha Mención de honor no apartado de "Traballos de divulgación científica" dentro do Concurso Física+Matemáticas en acción do Parque de las Ciencias de Granada.
     Grazas á xenerosa e atenta intercesión da nosa benquerida compañeira do Departamento de Física e Química Isabel Muinelo, a exposición, depositada no IES das Pontes, chegou ao IES Elviña cedida durante dúas semanas para se sumar á celebración do noso aniversario, convertíndonos no primeiro centro da cidade da Coruña en recibila.  A aproveitala!

Salvador Dalí: as mates do surrealismo

Dali-retrato    O geni de Cadaquès é un dos máis importantes pintores do século XX. Vencellado aos creadores da Xeración do 27, distinguiuse dentro do grupo surrealista de París onde coincidiu con nomes míticos da arte de avangarda coma André Breton, Louis Aragon, Paul Éluard, Picasso, Picabia, Max Ernst, Yves Tanguy, Hans Arp ou Réné Magritte.
     Con Luis Buñuel firmou dúas obras mestras da historia do cinema, cuxas propostas imaxinarias teñen aínda suficente forza para impresionar pola súa xenialidade. Antes de se converter en Avida dollars (Cugat dixit), Dalí desenvolveu toda unha teoría de composición pictórica que el mesmo baptizou co estrambótico nome de método paranoico-crítico: dar renda solta, sen ataduras da moral nin da consciencia, á imaxinación creativa suxerindo asociacións insólitas entre os obxectos, as ideas, como reflexo das obsesións persoais do artista. Con este método, Dalí creou todo un universo pictórico orixinal e propio, aínda vivo en representación simbólica da liberdade que propón a arte das vangardas.

Surrealistas de ParísMano-1Mano-2

  Son precisamente estas obras as que as autoras da exposición utilizan para exemplificar a subtil relación entre a pintura e a proporción matemática, amosando a maneira irónica na que a lóxica dos números se agocha tras da irracionalidade do imaxinario do pintor.

Cadro1Cadro3

        Pódese atopar unha detallada explicación dos paneis da exposición clicando AQUÍ.

ACTOS DO 40 ANIVERSARIO: LUIS VEIRA NO IES

Luis Veira: tamén mestre fóra da cociña

    Dentro doVeira-03s actos que o IES Plurilingüe Elviña está a organizar para a celebración do seu 40 aniversario, este luns 19 de Marzo tocoulle o turno a un artista da gastronomía, e máis tamén home do barrio, o cociñeiro Luis Veira, chef do restaurante Árbore da Veira da rúa de San Andrés.

      Luis Veira é un deses cociñeiros dos que se pode dicir que teñen algo máis que sona. O seu nome é un dos poucos que se escoitan cando se oe falar da alta cociña galega. Certamente, ten unha Estrela Michelín e traballa ben arreo para obter a segunda. Disque a xente de éxito vive alí enriba, encumiada na divinidade da súa gloria. Se cadra é así con algúns persoeiros, pero, desde logo, non é o caso de Luis Veira, que deu no noso instituto unha soberana lección de cercanía, de familiaridade e de entusiasmo polo seu traballo. Falou coa rapazada de ESO e Bacharelato como quen fala cuns amigos aos que hai tempo que non ve, e aos que pode dar consello afectuoso. Na súa charla, amena, directa, persoal, falou do seu restaurante e dos seus pratos, fixo reconto da súa vida, da súa época como estudante (“yo fui muy mal estudiante, pero muy malo”) e do seu esforzo diario para chegar ao éxito actual. Pode que, ás veces, as cousas non saian como un quixera, pero Luis deixou claro que ninguén chega lonxe se non se esforza e arrisca.

     En fin, a súa foi, ademais dunha estupenda charla, toda unha lección de filosofía de vida: non deixarse levar polo medo ao fracaso, a confianza no noso traballo ben feito son o segredo do éxito.

Veira-02Veira-04Veira-06
Veira-01Veira-07Veira-08

      Despois da súa charla, o noso convidado baixou ao xardín botánico do noso centro e apadriñou ao grupo de 1º de ESO C na prantación dunha árbore froiteira: un paraguaio (Prunus persica). A placa conmemorativa ficará coma testemuño da súa visita.

Veira-10Veira-08

O xornal La Voz de Galicia publicou unha breve reseña da visita na súa edición do día 20 e na súa páxina web.

Distribuir contido


by Dr. Radut