Actividades do día da muller na ciencia
No reconto das efemérides dignas de celebración, o pasado día 11 de febreiro celebramos no IES Plurilingüe Elviña o Día da nena e da muller na ciencia. As docentes do Departamento de matemáticas propuxeron para xornada tan sinalada unha serie de actividades con apoio do grupo de Contratos-programa coa ben saudable intención de dar apoio e pulo ao interese das nosas intrépidas estudantes no estudo das materias do ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Así, para o alumnado do 1º curso de ESO, organizouse unha actividade deseñada pola Comisión de mulleres e matemáticas da RSME (Real Sociedade Matemática Española), que, como sempre que o estudo das ciencias torna en festa, espertou un grande interese. Todo o alumnado participante, co aquel de darlle ao maxín cos xogos, pasou o tempo aprendendo sobre os descubrimentos de cinco científicas do pasado presentadas por outras cinco científicas do presente. Que a iniciativa foi do gusto da concurrencia, amosouno A opinión da Coruña, que levou á súa edición dixital unha noticia sobre a actividade [LIGAZÓN].
Ademais, todos os grupos de 2º ESO asistiron a unha charla dunha muller científica do presente, a enxeñeira de camiños, canles e portos Amal Nnechachi da Universidade da Coruña, quen trasladou ao alumnado a súa entusiasta entrega ás ciencias no eido do seu traballo.
O alumnado de cursos superiores organizou a súa propia actividade. Propúxoselles recopilar información sobre a vida, logros e dificultades de vinte científicas de todos os tempos a partir de materiais dixitais e elaborar unha exposición de tabloides na planta soto do centro, deseñando ademais un conxunto de preguntas para realizar un concurso de Pasapalabra. Podemos dar fe de que o pasaron "pipa"!