Skip to Content

Actividades do 40 aniversario

Actividades conmemorativas para a celebración do 40 aniversario da fundación do IES Elviña

O IES ELVIÑA CUMPLE OS 40

40 anos ensinando: o IES Plurilingüe Elviña no curso do seu 40 aniversario

Logo-40 anos

    O noso insti xa é cuarentón! Quen o ía dicir? Durante este curso 2017/18 o IES Plurilingüe Elviña celebra o seu 40 aniversario. Para moitas e moi diferentes vivenzas hai tempo en 40 anos... pero non é cousa de andarse cos achaques do tempo: se alguén pensa que o insti vai pra vello está moi errado, ten pulo para rato... Baste saber que toda a xente que está nel seguirá a traballar co mesmo compromiso ao servizo da docencia para o alumnado do barrio de Elviña.

     Pero, ben! Chegados aos 40 anos, ten o seu aquel facer reconto de logros empezando polo principal: 40 promocións de estudantes que agora son pais, nais, profesionais do presente coma o serán no futuro os nosos alumnos de hoxe. Foron (e son) moitas as persoas que contribuíron neste camiño do IES Elviña: os traballadores e traballadoras que o manteñen aberto e o dispoñen a diario para o labor docente, o persoal administrativo, o abondoso profesorado que ten exercido o seu labor en Elviña, e as autoridades da administración autonómica que velan porque todo siga a funcionar coma o primeiro día e apoian coa súa presenza e o seu alento o traballo diario no centro ao longo dos anos. Co esforzo diario e o compromiso de todos eles fíxose posible a continuidade no tempo do IES Elviña, convertíndoo, como debe ser, nunha seña de identidade para o barrio de Elviña e para as súas xentes, ás que o instituto se debe.

     A todos os que, dunha maneira ou doutra, tocounos formar parte del, énchenos de orgullo dicir que traballamos no instituto de Elviña. Que non se diga que nos faltaron forzas para lograr que chegue aos oitenta con menos xuventude da que agora...

Feliz aniversario, IES Elviña, e que cumplas moitos máis.

VISITA DE XULIO FERREIRO

Visita do alcalde da Coruña: Xulio Ferreiro no IES Elviña

Alcalde6
Placa

     Como parte da celebración dos 40, o pasado luns 26 de febreiro o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro Baamonde ofreceuse amablemente a participar na celebración do noso aniversario abrindo un oco na súa axenda para estar connosco unhas horas, compartindo xornada lectiva cos rapaces dos cursos da ESO. 

   En primeiro lugar, participou no plantado dun exemplar de acivro femia (ilex aquifolium) apadriñando ao grupo de 1º ESO "A" nesta actividade que, tradicional no noso centro, organiza o Departamento de Bioloxía. Xulio Ferreiro respostou con humor e afecto ás preguntas que lle formularon nenos e nenas, e posou con eles para a prensa, que inmortalizou a escena. Na placa conmemorativa que acompaña á árbore, quedará constancia da súa presenza neste día.

Acivro

Alcalde4Alcalde5
Alcalde3Plantación da árbore

 

    Despois deste momento de amable lecer, o alcalde deu unha charla para o alumnado de 3º e 4º de ESO, reunido para a ocasión no Salón de actos do instituto. Flanqueado por Isabel García Vila, inspectora de educación do noso centro, en representación da administración autonómica, e polo director do instituto, o alcalde Xulio Ferreiro falou do duro traballo que supón a presidencia do consistorio e das ideas e deseños que, desde a alcaldía, poñen de manifesto o seu proxecto de futuro para a Coruña. Non faltaron na súa charla, informal, amena, pero tamén seria e chea de reflexións comprometidas coas necesidades da cidadanía, especialmente dos máis desfavorecidos, palabras afectuosas para o aniversario do instituto, mesturadas con lembranzas persoais sobre os seus vínculos con exalumnos do centro.

     O alumnado presente no acto non perdeu a oportunidade de plantexarlle peticións e preguntas, ou de fotografarse con el. Non é raro. Non se presenta todos os días a oportunidade de falar co principal representante electo da cidade. A súa presenza, cercana e familiar para rapaces e rapazas, terá sido a bo seguro un gratísimo estímulo para todos eles.

Moitas grazas, alcalde.

Distribuir contido


by Dr. Radut