Skip to Content

CAMPIÓNS DO IES ELVIÑA

Campionato infantil JudoANDERSON COTÓN:
JUDOKA CON PRESENTE

     O alumnado do IES Elviña, ben o sabemos, é canteira viva de futuro: as enxeñeiras, os médicos, os biólogos e as xeólogas, as informáticas, os deseñadores, os novelistas e as poetas de mañá ocupan hoxe os seus pupitres, participando nas actividades do centro e facendo historia na nosa pequena e humilde escala cuotidiá. Xa noutras ocasións fixamos a mirada en antigos alumnos chegados á notoriedade por moi diversas causas ou no alumnado xoven e dinámico do presente cuxos logros non son menos abraiantes e que permeten albiscar carreiras cheas de coroas xa non lonxanas. Hoxe adicamos este espazo a un dos nosos rapaces de 2º de ESO, Anderson Cotón, do que xa non se pode dicir que sexa promesa de futuro senon absoluta realidade presente de éxitos no deporte do Judo tanto a nivel nacional coma internacional.

 Traxectoria vital e profesional
de Anderson Cotón

    Anderson ten agora catorce anos marabillosos e forma parte do Judo Club de Arteixo desde os nove. Chegou a España de moi pequecho procedente de Colombia. A súa é unha historia de loita e superación, desas que gosta escoitar nos seriais e ler nos xornais, porque teñen a perfección dun guión de cinema: abandoado, criado nun centro de acollida, ata que foi adoptado por unha familia española. Desde moi cedo, atopou no judo unha vía de perfeccionamento con numerosos logros: número 1 do ránking español na súa categoría o ano pasado, campión infantil nacional en categoría -50 kg, medalla de ouro na Copa de España como cadete (- 55 kg) en Hondarribia e de novo número 1 do ránking neste ano, 9º na Copa de Europa desputada neste mesmo febreiro en Follonica (Italia).

Anderson coas medallas

      Agora é un estudante encantador e un compañeiro exemplar no grupo de 2º ESO C do IES Plurilingüe Elviña e agarda pola European Cup de Fuengirola (do 14 ao 16 de febreiro) coa mente posta en gañar peso e, cos 15 cumpridos, aspirar xa aos galardóns das categorías superiores... Na mente se cadra xa unhas olimpiadas... Co entusiasmo que amosa e coas súas condicións físicas é seguro que conseguirá chegar ben lonxe. Ben o queremos todos os que formamos parte da comunidade educativa de Elviña, que buscaremos a partires de agora nos xornais todas as competicións de judo para atopar o seu nome entre os campións.

Anderson Cotón [El diario de Arteixo]

Moita sorte, Anderson! Ben a mereces!
O IES Elviña está contigo!



page | by Dr. Radut