Skip to Content

Cubo de Rubik e xadrez na Aula de Convivencia

Hai unhas semanas retomamos os recreos dinámicos na Aula de Convivencia. Neste momento estanse a realizar un obradoiro de cubo de Rubik (impartido polos alumnos Sofía Díaz e N. Jeremy Riveira) e un obradoiro de xadrez (impartido por Jesús Alcaide, profesor de Física e Química). Proximamente comenzaremos co obradoiro de origami que impartirá o alumno Nicolás Martínez. Aquí tedes unhas fotos dos obradoiros. A divertirse!

 

Horario da 2ª parte dos exames de pendentes ESO/BAC 2023

No documento anexo pódese consultar o horario da 2ª parte dos exames de pendentes de ESO e bacharelato en marzo de 2023.

 

Visita ó Parlamento de Galicia e percorrido pola historia da USC

O luns 27 de febreiro de 2023 o alumnado de Historia da Filosofía e de Xeografía de segundo de bacharelato foi de excursión á capital galega nunha visita organizada polo Departamento de Filosofía en colaboración co departamento de Xeografía e Historia.

Pola mañá acudiron ó Parlamento de Galicia para desfrutar dunha visita guiada onde aprendemos as funcións propias da institución así como as formas de participación cidadá a través das cales os galegos e galegas poden implicarse na actividade parlamentaria. Os estudantes aproveitaron a ocasión para ocupar o atril facer as súas propostas políticas.

E pola tarde visitamos os edificios históricos da USC poñendo en relación a historia da universidade con contidos propios da etapa como a aparición das universidades europeas, as relacións entre o saber e os poderes políticos e relixiosos, o impacto que tiveron na universidade as ideas propias do Renacemento e da Ilustración, ou a simboloxía que de todo isto atopamos nos edificios e nas obras de arte pictóricas e escultóricas que neles atopamos.

Brigada ecolóxica

A semana pasada empezou a funcionar de novo a Brigada Ecolóxica. Alumnado voluntario de 3º e 4º ESO prestouse a axudar a manter os arredores do centro limpo. Esta actividade repetirase varias veces ao longo do curso para concienciar a todo o alumnado da importancia de manter o noso centro e o noso medio coidado e libre de lixo.

Viaxe a París 1º bach.

Os alumnos e alumnas de Francés de 1ºBAC viaxaron a Paris no mes de xaneiro. Estes días que compartimos en Francia abundaron en bos momentos. Foi sen dúbida unha experiencia fermosa e inesquecible para todos os que tivemos a sorte de participar nela.

Visita do alumnado de 4º ESO á Facultade de Ciencias da UDC

O pasado xoves, 2 de febreiro de 2023, o alumnado de ciencias de 4º de ESO visitou a Facultade de Ciencias da UDC, no Campus da Zapateira. Alí fomos recibidos polo decano, D. Andrés Martínez Lage, que nos explicou a oferta académica e a organización da Facultade. A continuación puidemos participar en diferentes obradoiros de investigación nos laboratorios de Química e Bioloxía. Moitas grazas ao profesorado participante e ao alumnado de doutoramento por explicarnos e achegarnos ás súas investigacións.

Día da Candeloria, 2 de febreiro

DÍA DA CANDELORIA

2 de febreiro

O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado.

A voda dos paxariños

 A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación! ( https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/candeloria/)

Por se alguén se quere declarar en galego, e dunha forma moi enxebre (a imaxe desta entrada) , o EDLG fixo un adhesivo de balde. Podes recollelo no Departamento de LG ou pídello ao profesorado de Galego.

Admisión e matrícula curso 2023-2024

Admisión de alumnado de centros adscritos

En consonancia coa ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro,

  • Todo o alumnado procedente de 6º de Educación Primaria dos centros adscritos CEIP Emilio González López e CEIP Gonzalo Torrente Ballester foi admitido para cursar 1º de ESO no IES David Buján.
  • Todo o alumnado de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria do IES de Carral foi admitido para cursar 1º de Bacharelato no IES David Buján.

Calendario de admisión / matriculación curso 2023-2024

 

POSTOS OFERTADOS PARA ALUMNADO DE NOVO INGRESO

CURSO 23/24

 

 

Curso

Prazas vacantes

1º ESO

15*

1º BAC

18**

 *Esta cantidade é orientativa xa que depende do número final de repetidores de 1ºESO, polo que o número de prazas definitivo saberase en xuño.

**Esta cantidade é orientativa xa que depende do número de alumnos de 4ºESO que pasen a bacharelato no noso centro e dos posibles repetidores de 1ºBAC, polo que o número de prazas definitivo saberase en xuño.

Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) 2022

Durante o outono do presente curso escolar cinco membros do profesorado deste centro participaron no programa PIALE 2022, realizando unha estancia de catro semanas nun centro educativo dun país estranxeiro.  

A finalidade deste programa consiste en fomentar a actualización metodolóxica e a mellora do nivel de competencia en comunicación lingüística en linguas estranxeiras do profesorado a través do contacto directo con persoas dos países de fala inglesa, francesa, alemá ou portuguesa. Nesta edición, os docentes Luis Adolfo Couceiro Herrero, César Docanto Vázquez, Sara Domínguez García e Ángela Vázquez Álvarez tiveron como destino a cidade de Ottawa, en Canadá; mentres que a profesora Irene De Concepción Fernández desprazouse ata a cidade do Porto, en Portugal.

Esta actividade, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, permite ós seus participantes non só actualizar as súas habilidades comunicativas en linguas estranxeiras, senón tamén ter a oportunidade de integrarse no día a día dun sistema educativo diferente do galego. Este encontro cunhas estruturas organizativas e metodoloxías educativas diferentes das nosas posibilita tanto a recollida de ideas innovadoras coma a apertura dun espazo no que reflexionar sobre as vantaxes e inconvenientes das nosas propias circunstancias e formas de traballo.

O profesorado antes citado leva a cabo dende a súa reincorporación no centro un conxunto coordinado de actividades de difusión das aprendizaxes adquiridas dirixidas ós diferentes membros da comunidade educativa.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut